Arquivo - Equipo de arqueólogos e voluntarios da edición 2025 de Fortalezas da Fronteira / Fortalezas da Fronteira

‘Fortalezas da Fronteira’ regresa a As Torres cunha nova campaña arqueolóxica e actividades abertas á cidadanía

Tempo de lectura: 4 min.

O proxecto ‘Fortalezas da Fronteira’ volverá este mes de xullo ao xacemento de As Torres, en San Miguel de Taborda, no concello de Tomiño, cunha nova campaña que combinará investigación arqueolóxica, actividades culturais, divulgación patrimonial, participación social e propostas educativas abertas á cidadanía. A iniciativa está impulsada polas universidades de Santiago de Compostela e do Minho, en Portugal, xunto coa Comunidade de Montes de Taborda, e desenvolverase en paralelo ao campo de voluntariado ‘As Torres’, integrado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia.

A programación pública terá lugar entre o 6 e o 18 de xullo e incluirá BARferencias, visitas guiadas, roteiros, charlas e unha mesa redonda. O fío común será a paisaxe fortificada da fronteira galego-portuguesa, especialmente vinculada aos conflitos do século XVII entre Galicia e Portugal, aínda que o proxecto tamén aborda outras etapas históricas presentes no enclave, desde a ocupación romana ata a Baixa Idade Media e a Idade Moderna.

Segundo explica a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, os traballos desenvolvidos en 2025 permitiron confirmar en As Torres a existencia dunha troneira vinculada á Idade Moderna, construída sobre unha posible estrutura medieval. No mesmo espazo apareceron numerosos materiais datables entre os séculos XIII e XV, o que apunta a unha ocupación anterior do lugar e á súa posterior reutilización como área de control e defensa. Todo o conxunto, ademais, está asentado sobre un gran complexo mineiro romano, un elemento que amplía a relevancia histórica do enclave.

Nesta nova fase, o equipo prevé ampliar a prospección arqueolóxica, acometer novos traballos de limpeza e abrir dúas sondaxes. Unha delas centrarase na posible estrutura baixomedieval e a outra no fortín da Idade Moderna. O obxectivo é avanzar na lectura histórica de As Torres e comprender mellor a evolución deste espazo estratéxico, situado nun punto vinculado ao control dos pasos do río Miño e do río da Pedra cara a Tui.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destaca que o campo de voluntariado de As Torres é “un magnífico exemplo” do sentido destas iniciativas, xa que permite á mocidade participar “de forma activa na conservación do noso patrimonio” ao tempo que vive unha experiencia de convivencia e aprendizaxe. Meneses subliña tamén a colaboración coa Comunidade de Montes de Taborda para poñer en valor “un espazo de grande interese patrimonial e ambiental” e salienta o efecto positivo que este tipo de proxectos teñen tanto para as persoas participantes como para o propio territorio.

Pola súa banda, o impulsor do proxecto, Xurxo Salgado, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, define ‘Fortalezas da Fronteira’ como unha iniciativa “asentada na xente” que procura “achegar o patrimonio e a arqueoloxía á sociedade, incentivando o seu coñecemento e a súa protección”. Salgado lembra que o proxecto naceu das historias que lle contaba o seu avó e sinala que unha das súas finalidades é “unir ás xentes dun e doutro lado da raia e poñer en valor o rico patrimonio da fronteira galego-portuguesa”.

A programación comezará o luns 6 de xullo, ás 20.30 horas, no Novo Bar de Carregal, coa BARferencia ‘Detectores e arqueoloxía: o que non se pode facer’, a cargo do arqueólogo Gorka Martín, da Universidade do País Vasco. A sesión abordará unha cuestión especialmente sensible para a protección do patrimonio arqueolóxico: o uso de detectores de metais e os límites legais e patrimoniais desta práctica.

O xoves 9 de xullo, ás 20.00 horas, a actividade trasladarase á A Social de Estás, onde o arqueólogo Brais Currás, do CSIC, ofrecerá a conferencia ‘A minería de ouro romana no Baixo Miño: xente, lugares e poboados’. A intervención permitirá contextualizar a presenza romana no territorio e a importancia das explotacións mineiras na configuración histórica da comarca.

O venres 10 de xullo celebrarase unha primeira visita guiada ao xacemento de As Torres, ás 12.00 horas, con saída desde as antigas barreiras de As Torres. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, no Al Dente, no mercado de San Antonio de Tui, terá lugar unha sesión centrada na paisaxe fortificada da contorna tudense. Rebeca Blanco-Rotea impartirá a charla ‘Descubrindo a paisaxe fortificada da fronteira: unha mirada sobre Tui’, mentres que Tiago Rodrigues explicará a metodoloxía de lectura da paisaxe fortificada no val do río Miño.

O sábado 11 de xullo, ás 10.00 horas, desenvolverase un percorrido comentado pola fortificación de Goián, guiado por Xoán R. Carnero Fernández e Rebeca Blanco-Rotea. A saída será desde o Espazo Fortaleza e a actividade require inscrición previa a través de rutasdehistoria.com. A proposta permitirá achegarse a un dos espazos defensivos máis representativos da fronteira miñota e á súa relación co sistema fortificado da raia.

O domingo 12 de xullo será a quenda dos sistemas fortificados de Tui e Valença, nunha visita tamén con inscrición previa en rutasdehistoria.com. A actividade comezará ás 10.00 horas no Palco Música Corredera de Tui e continuará pola tarde, ás 16.00 horas, no Centro Interpretativo das Fortalezas de Valença. O percorrido permitirá observar a conexión histórica, militar e territorial entre ambas as dúas marxes do Miño.

O programa continuará o martes 14 de xullo, ás 20.30 horas, no Espazo Fortaleza, coa mesa redonda ‘Educación patrimonial, memoria e ocio: como coidar do noso?’. Nela participarán Santiago Veloso, da Asociación Cultural Ponte… nas Ondas!; Alfonso Lorenzo Vila, do Proxecto Educativo Turonio CEPL Pedro Caselles Beltrán; e Xaquin Cadilla Castro, da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, da Guarda. A conversa abordará diferentes formas de transmisión, coidado e activación social do patrimonio.

O xoves 16 de xullo, ás 10.00 horas, terá lugar no Local da Comunidade de Montes de Pinzás a charla-roteiro ‘Humidal de Pinzás: paisaxe e biodiversidade no Monte da Groba’, guiada por Manuel Ángel Pombo ‘Peque’, da ANABAM. Esta actividade, que require inscrición previa en rutasdehistoria.com, incorporará unha mirada ambiental á programación, vinculando patrimonio, paisaxe e biodiversidade.

O venres 17 de xullo celebrarase unha segunda visita guiada ao xacemento de As Torres, tamén ás 12.00 horas. Pola tarde, ás 20.30 horas, no A Taberna-Tebra, Rebeca Blanco-Rotea ofrecerá a charla ‘Terra de romanos, de guerreiros e de soldados: evolución de 2.000 anos de historia nas Torres’. A sesión rematará co espectáculo ‘Contos da fronteira’, a cargo de Avelino González, de Contacontos, que incorporará a dimensión oral e narrativa ao peche da xornada.

A programación rematará o sábado 18 de xullo, ás 10.00 horas, co roteiro ‘Do século I ao século XXI. Como cambiou a paisaxe en 2.000 anos’, un percorrido guiado pola contorna do espazo arqueolóxico de As Torres con saída desde o río da Pedra. A actividade require inscrición previa en rutasdehistoria.com e permitirá interpretar as transformacións históricas e ambientais dun territorio marcado pola minería romana, as estruturas defensivas medievais e modernas e os usos contemporáneos do monte.

Pode que che interese...