Monxes, frades e talleres artísticos: unha investigación afonda nos creadores do patrimonio barroco galego
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, situado no antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela, acollerá este xoves ás 19.30 horas a presentación do libro ‘Monjes y frailes arquitectos en la Galicia del Barroco’, unha investigación centrada no papel que tiveron as ordes relixiosas na creación, transformación e promoción da arquitectura e das artes durante a Idade Moderna.
A obra, asinada por Paula Pita Galán, é froito dunha coedición entre o Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela. O volume aborda a traxectoria dos arquitectos pertencentes ás ordes regulares que desenvolveron unha actividade estable en Galicia, atendendo tanto á súa condición relixiosa como ao seu labor técnico e profesional no ámbito da construción e da creación artística.
Na presentación participarán o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela; o director de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Blanco Valdés; o profesor de Historia da Arte da USC Miguel Taín Guzmán; a autora do libro, Paula Pita Galán; e o responsable de publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde Roa.
O libro pon o foco nun período no que os mosteiros e conventos galegos tiveron unha función central como promotores de obras arquitectónicas e artísticas. Durante os séculos XVI, XVII e XVIII, estas comunidades impulsaron proxectos de reconstrución, ampliación, modernización e creación de novos espazos, nun contexto no que os edificios relixiosos se converteron tamén en centros de produción cultural e patrimonial.
A publicación analiza como abades, gardiáns e priores asumiron a promoción de intervencións que modificaron a fisionomía de numerosos complexos monásticos e conventuais. Estes proxectos non se limitaron á arquitectura dos edificios, senón que abrangueron tamén a configuración dun amplo patrimonio interior, con retablos, esculturas, pinturas, pezas de ourivaría e mobiliario litúrxico destinados aos espazos de culto.
Un dos eixos da investigación é a presenza nas casas regulares galegas de talleres artísticos nos que participaron profesionais de diferentes oficios. Arquitectos, escultores, entalladores, pintores e ourives traballaron vinculados a estes centros relixiosos, que actuaron como espazos de encargo, produción e circulación de modelos artísticos ao longo da Idade Moderna.
A obra de Paula Pita Galán detense de maneira específica nos relixiosos arquitectos, membros das propias ordes que, ademais da súa vida comunitaria e espiritual, asumiron tarefas de deseño, dirección ou execución de obras. A súa formación, os coñecementos técnicos adquiridos e a súa posición dentro das institucións relixiosas permitíronlles participar directamente na definición dunha arquitectura barroca con trazos propios en Galicia.
O volume está acompañado dun amplo aparato gráfico, que reforza a dimensión documental da investigación e permite achegarse visualmente aos espazos, obras e exemplos estudados. A publicación procura así ofrecer unha lectura detallada sobre a influencia destes arquitectos relixiosos na configuración dun patrimonio que aínda hoxe marca boa parte da paisaxe monumental galega.

