Escavación arqueolóxica en Casaio / Sputnik Labrego

Na procura dos misterios romanos, godos, medievais e nazis en Casaio

Tempo de lectura: 2 min.

As escavacións arqueolóxicas volverán a Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras, o vindeiro 22 de xuño cunha intervención que se prolongará durante tres semanas, ata o 10 de xullo. A campaña actuará sobre tres espazos distintos da parroquia: a aldea romana e medieval de Penedo Xudío, a antiga ermida de San Xil e a mina de volframio de Valborraz.

A intervención permitirá avanzar no coñecemento de diferentes momentos históricos do territorio, desde a ocupación antiga e medieval ata o pasado industrial vinculado á explotación mineira. Segundo explica Carlos Tejerizo, coordinador da Asociación Científica Sputnik Labrego e director dos traballos, Casaio continúa ofrecendo novos datos tras case unha década de investigacións arqueolóxicas.

“Dende que temos comezados os traballos en Casaio en 2017, hai case unha década, non temos deixado de descubrir novos xacementos e obter novos datos sobre o asombroso pasado do lugar”, sinala Tejerizo.

Nesta nova campaña, o equipo decidiu concentrar os esforzos en tres dos enclaves máis relevantes da parroquia. O obxectivo é obter unha lectura máis ampla da evolución histórica de Casaio ao longo dos últimos mil cincocentos anos, combinando o estudo de restos antigos, medievais e contemporáneos.

“Este ano queríamos enfocarnos en tres dos xacementos máis relevantes que existen en Casaio e que nos dan unha visión dos últimos mil quiñentos anos no territorio. Particularmente interesante é o sitio de Penedo Xudío, que estamos comezando a coñecer e que podería corresponder a unha ceca de época visigoda”, afirma o director das intervencións.

Un dos puntos de maior interese será, polo tanto, Penedo Xudío, identificado como unha aldea con ocupación romana e medieval. A hipótese de que poida estar relacionado cunha ceca de época visigoda abre unha liña de traballo que os investigadores tratarán de contrastar coa nova intervención arqueolóxica.

A campaña tamén actuará na ermida antiga de San Xil, outro dos espazos patrimoniais da parroquia, e na mina de volframio de Valborraz, ligada á historia industrial do territorio. A combinación destes tres xacementos permitirá abordar Casaio como un espazo cunha longa continuidade histórica e cun patrimonio diverso.

A escavación contará ademais coa participación dunha ducia de estudantes procedentes de catro universidades: a Universidade do Minho, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Salamanca e a Universidade de Valladolid. O alumnado realizará as súas prácticas de formación en Carballeda de Valdeorras durante o desenvolvemento dos traballos.

A codirectora das intervencións, Celtia Rodríguez, destaca que esta dimensión formativa permite achegar o patrimonio de Valdeorras a estudantes de diferentes procedencias. “Grazas a distintos convenios conseguimos que o alumnado de diferentes rexións e países coñezan de primeira man a historia e o patrimonio de Galiza e de Valdeorras”, explica.

Rodríguez sinala tamén que este modelo de colaboración académica xa está asentado noutras intervencións da comarca. “Un modelo que xa temos consolidado no xacemento do Castelo, en Vilamartín de Valdeorras e que agora estendemos a outras contornas”, engade.

A campaña conta co financiamento e apoio da Universidade de Salamanca e da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira. Durante o período de escavacións, os xacementos poderán ser visitados en horario de 10.00 a 13.00 horas. Ademais, as persoas interesadas poderán achegarse ás antigas Escolas de Casaio, onde se mostrarán os materiais arqueolóxicos localizados, entre as 17.00 e as 18.30 horas.

Pode que che interese...