O arquitecto da obra no Hostal dos Reis Católicos xustifica o entubado das gárgolas pola súa reversibilidade e menor impacto
O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da intervención realizada no Hostal dos Reis Católicos, defendeu este martes en Santiago de Compostela o “rigor” técnico dos traballos desenvolvidos no edificio e sostivo que a instalación de tubos metálicos nas gárgolas constitúe a solución “máis eficaz” para a evacuación da auga no monumento.
Cobos pronunciouse sobre a controversia nunha rolda de prensa celebrada antes dunha conferencia no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), onde abordou as críticas recibidas pola actuación no inmoble compostelán. Segundo explicou, a intervención foi realizada “con luz e taquígrafo sempre”, rexeitando que existise vontade de ocultar información sobre o proxecto ou sobre as decisións técnicas adoptadas.
O arquitecto recoñeceu que algunhas das críticas foron “duras”, mais considerou que moitas delas se emitiron “fóra de contexto”. Tamén lamentou que, malia que se teñan sinalado posibles alternativas, estas non se concretasen en propostas técnicas viables. “Hai que falar desde o rigor, desde o coñecemento, desde a sabedoría”, afirmou.
A polémica céntrase na colocación de prolongacións metálicas nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos, unha solución que xerou debate público polo seu impacto visual nun dos edificios máis significativos da contorna da praza do Obradoiro. Cobos asegurou sentirse sorprendido pola dimensión mediática da controversia e lembrou que “o mundo está cheo de tubos metálicos en gárgolas”.
Na súa explicación, o arquitecto expuxo que historicamente existen dous grandes modelos para resolver a evacuación da auga a través destes elementos arquitectónicos. Por unha banda, citou o modelo francés, que no século XIX optou por desmontar gárgolas medievais para substituílas ou alongalas. Por outra, referiuse ao modelo británico, baseado no emprego de caños ou prolongacións metálicas.
Segundo Cobos, o primeiro destes sistemas está a xerar “problemas” en catedrais como as de Burgos ou León, mentres que o segundo conta con precedentes en cidades como Segovia e Salamanca, onde se empregan caños desde o século XVI. O arquitecto afirmou que a solución aplicada en Santiago segue esta segunda vía.
O responsable da intervención defendeu que prolongar as gárgolas mediante lanzas metálicas permite respectar a lóxica hidráulica do edificio, evitando actuacións máis agresivas sobre a fábrica histórica. Ao seu xuízo, trátase dunha intervención reversible, con menor dano material para o monumento e máis eficaz desde o punto de vista funcional.
Cobos tamén achegou unha xustificación histórica á actuación ao sinalar que a proposta inicial de colocar caños metálicos foi formulada por Rodrigo Gil de Hontañón en 1561. Deste xeito, vinculou a solución actual cun criterio xa documentado no século XVI para a xestión das augas no edificio.
“Llevarle la contraria a un edificio es más complicado que ir a favor del edificio”, argumentou o arquitecto, quen defendeu que, se o inmoble resolvía historicamente a saída da auga a través das gárgolas, a opción máis coherente é manter ese sistema e melloralo sen alterar a súa función orixinal.

