Xacemento en Sobrado / Xunta de Galicia

O campamento romano da Ciadella, máis preto de ser Ben de Interese Cultural

Tempo de lectura: 2 min.

O campamento romano da Ciadella, situado no municipio coruñés de Sobrado, queda desde este venres baixo o réxime provisional de protección previsto para os Bens de Interese Cultural. O Diario Oficial de Galicia publica o expediente de incoación para a súa declaración como BIC, un procedemento que activa de maneira inmediata a máxima tutela patrimonial sobre estes terreos mentres se tramita a resolución definitiva.

A partir desta publicación, o xacemento queda sometido ao réxime de salvagarda recollido na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. A declaración definitiva deberá aprobarse nun prazo máximo de dous anos, mais a incoación xa implica a aplicación das medidas de protección asociadas a esta figura, a de maior rango dentro do patrimonio cultural galego.

O expediente elaborado polos servizos técnicos considera que A Ciadella reúne os valores necesarios para ser recoñecida como Ben de Interese Cultural polo seu interese científico, histórico e patrimonial. O documento subliña “a súa excepcionalidade e singularidade”, ao tratarse dun dos dous únicos campamentos militares romanos de carácter permanente conservados en Galicia.

Esta condición converte o enclave nun espazo especialmente relevante para estudar a presenza militar romana no noroeste peninsular e os procesos vinculados á romanización deste territorio. A administración destaca que A Ciadella constitúe un “xacemento básico” para avanzar no coñecemento do exército romano e da súa implantación nesta zona da Península.

O interese do campamento non se limita aos sectores xa escavados. O expediente sinala tamén o seu potencial investigador e formativo, debido á ampla superficie que aínda permanece sen intervir. Esta circunstancia abre a porta a novas campañas arqueolóxicas e a futuros estudos que poidan ampliar a información dispoñible sobre a súa cronoloxía, estrutura interna, función militar e relación co territorio circundante.

A Ciadella é ademais un dos xacementos romanos galegos con maior percorrido na investigación arqueolóxica contemporánea. As primeiras exploracións e achados documentados na zona remóntanse a finais do século XIX. Con todo, foi especialmente durante as décadas de 1980 e 1990 cando as campañas arqueolóxicas desenvolvidas no campamento contribuíron a consolidalo como unha referencia dentro da arqueoloxía galega e peninsular.

Aqueles traballos permitiron recuperar unha cantidade importante de materiais, fundamentais para coñecer a evolución histórico-cronolóxica do xacemento. Entre as pezas máis destacadas figura unha estatuíña de bronce aparecida en 1929, interpretada como unha representación da deusa Minerva e conservada na actualidade no Museo de Belas Artes da Coruña.

O expediente tamén salienta o estado de conservación do conxunto e a súa condición de espazo aberto á visita pública. O campamento conta cunha área estudada, restaurada e acondicionada para facilitar o acceso e a comprensión do enclave. A isto súmanse diferentes recursos de interpretación, como paneis informativos, códigos QR con vídeos temáticos situados en distintos puntos do percorrido e unha pequena aula de interpretación instalada no antigo stand-almacén do xacemento.