O expediente que entregou a Casa Cornide a Carmen Polo: Vigo Trasancos debulla unha operación do ano 1962
A Casa Cornide da Coruña foi presentada esta pasada semana en Santiago como un dos casos nos que a historia da arte, a memoria democrática e a recuperación patrimonial se cruzan nun mesmo edificio. O catedrático emérito de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Alfredo Vigo Trasancos dedicou a este inmoble a súa intervención dentro da segunda sesión do ciclo de xornadas ‘ARTE E ESPOLIO – En torno ás estatuas do Mestre Mateo’, organizadas pola Concellería de Memoria Histórica do Concello de Santiago.
A conferencia, presentada pola historiadora da Arte e membra do padroado do Museo do Pobo Galego Mercedes Rozas, situou a Casa Cornide como un exemplo de ben patrimonial ligado á Ilustración galega, mais tamén como unha peza relevante no debate sobre os bens que chegaron á familia Franco durante a ditadura. Rozas lembrou que, fronte a outros procesos de recuperación xa avanzados, este edificio segue a día de hoxe en mans dos herdeiros do ditador, malia ter sido declarado Ben de Interese Cultural no ano 2023 tras un informe histórico elaborado polo propio Vigo Trasancos para o Concello da Coruña.
O historiador explicou que a súa aproximación á casa non se limitou ao estudo artístico do edificio. Segundo indicou, cando recibiu o encargo municipal decidiu elaborar un informe global, que atendese tanto aos valores materiais como aos inmateriales, así como á cadea de transmisión da propiedade. O obxectivo, sinalou, era reunir argumentos suficientes para defender a protección do inmoble. “Non só facer un informe artístico da casa, senón facer un informe da historia da casa con todos os seus valores”, afirmou durante a conferencia.
Ese traballo tivo, ademais, unha dificultade engadida. Vigo Trasancos explicou que, durante a elaboración do informe, nos anos da pandemia, non puido acceder ao interior da Casa Cornide. Tivo que analizala desde fóra, apoiándose en planos modernos, documentación histórica e algunhas fotografías. Só máis tarde, cando o inmoble abriu parcialmente ao público, puido comprobar directamente que elementos se conservaban, cales foran modificados e que pezas podían considerarse orixinais ou réplicas historicistas.

Planos da casa cornide / Alfredo Vigo Trasancos
A Casa Cornide leva ese nome pola súa vinculación con José Cornide, unha das figuras máis destacadas da Ilustración galega. Vigo Trasancos presentouno como un intelectual de ampla formación, dedicado á investigación histórica e ao estudo das antigüidades, cun perfil que hoxe podería aproximarse ao dun historiador e arqueólogo. Cornide chegou a instalarse en Madrid coa súa biblioteca e os seus manuscritos, incorporouse á Real Academia da Historia e rematou sendo secretario perpetuo da institución, onde morreu en 1803.
Con todo, o historiador matizou unha idea habitual: José Cornide non naceu exactamente na casa actual, senón nunha construción anterior situada no mesmo solar. Aquela primeira vivenda pertencía á familia da súa nai, os Folgueira, e ocupaba unha posición destacada na Cidade Alta coruñesa, fronte á colexiata de Santa María. A localización non era secundaria. Vigo subliñou que naquela zona residían familias relevantes da cidade e que a súa situación, próxima aos principais edificios oficiais, expresaba tamén unha determinada posición social.
A construción da casa actual comezou tras a morte de Francisca Folgueira, nai de José Cornide, en 1762. Segundo expuxo Vigo, a partir de 1763 é probable que se iniciase o proxecto, e en 1766 existe xa unha referencia documental a que Diego Cornide, pai do ilustrado, estaba levantando unha das casas máis custosas da Coruña. Poucos anos despois, nun plano de 1769 asinado por Pedro Fontena, o edificio aparece xa representado cun dos seus trazos máis singulares: as esquinas redondeadas.
Para o historiador, esa característica forma parte da excepcionalidade arquitectónica do inmoble. A Casa Cornide, sinalou, non responde aos modelos habituais das casas señoriais galegas do século XVIII nin tampouco encaixa plenamente coa arquitectura académica clasicista que se estendería nas décadas posteriores. A súa singularidade está no uso da curva: nas esquinas, nas cornixas, nos arcos, nos gardapós, nos vans inferiores e nas balconadas. “Eu non coñezo, en Galicia polo menos, modelos de casas anteriores nin posteriores que teñan un tratamento estilístico semellante”, afirmou.
A explicación que propuxo Vigo Trasancos apunta á posible influencia francesa. A súa hipótese é que o deseño puido saír do ámbito dos enxeñeiros militares, familiarizados coa tratadística francesa e presentes na Galicia daquel momento. Entre os posibles nomes citou a Francisco Llobet e Carlos Lemaur, ambos vinculados a obras de gran relevancia no Reino de Galicia. O historiador non deu por pechada a atribución, mais destacou que a estética da Casa Cornide ten máis relación cos modelos urbanos franceses do século XVIII que co barroco galego ou co clasicismo académico posterior.
Tras a marcha de José Cornide a Madrid, a casa permaneceu vinculada á familia. Á súa morte, pasou á súa filla María Hermitas Cornide e, posteriormente, tras un proceso sucesorio, acabou en mans de descendentes que residían en Lugo. O inmoble seguiu pertencendo a esa liña familiar durante máis dun século, aínda que xa non foi vivenda habitual dos seus propietarios. Nese tempo, segundo repasou o conferenciante, sufriu modificacións e usos diversos. En 1864, por exemplo, a caída dun fragmento da repisa dun balcón obrigou a retirar parte dese elemento na fachada da rúa Porta de Aires.
No século XX, antes da súa entrada no circuíto administrativo que a levaría aos Franco, a casa foi coñecida durante anos como a casa dos Tomasinos, polo centro cultural de Santo Tomás de Aquino, vinculado á orde dominica, que tivo alí actividade. Tamén se documenta a súa ocupación anterior polo centro jaimista, ligado ao carlismo. A denominación popular acabou ocultando, durante unha etapa, a relación do inmoble co ilustrado José Cornide.
A viraxe decisiva chegou a partir dos anos corenta. En 1947, a propietaria da casa, Carmen Vázquez Pardo, solicitou permiso para construír dúas edificacións de planta baixa nun solar anexo, tamén da súa propiedade. Esa obra non chegou a realizarse por parte dela. Pouco despois, en 1949, o Ministerio de Educación Nacional comprou tanto a Casa Cornide como o solar anexo coa finalidade, segundo a documentación citada por Vigo, de instalar alí o Conservatorio de Música da Coruña.
O proxecto de conservatorio tampouco prosperou. En 1950, o arquitecto Peregrín Estellés deseñou unha intervención que integraba os dous solares e transformaba de maneira profunda o edificio. Vigo Trasancos sinalou que, de terse executado, tería alterado gravemente a casa tanto por dentro como por fóra. A proposta foi finalmente descartada, entre outras razóns porque o inmoble non tiña dimensión suficiente para acoller as necesidades dun conservatorio.
A mediados dos anos cincuenta, a casa atopábase nunha situación de abandono. Segundo a documentación exposta polo historiador, en 1957 conservaba a súa potencia arquitectónica en pedra, mais tiña carpinterías e cristais rotos, e chegou a ser empregada por parte da veciñanza como lugar onde botar lixo a través das reixas. Nese contexto comezou a moverse unha nova operación: o Concello da Coruña propuxo ao Estado permutar o edificio por outro solar máis amplo na Cidade Escolar, onde si podería construírse un conservatorio axeitado.

Casa Cornide en 1957 / Alfredo Vigo Trasancos
A permuta culminou o 22 de xuño de 1962, xa baixo a alcaldía de Sergio Peñamaría de Llano. Desde ese momento, o Concello pasou a ser propietario da Casa Cornide e do solar anexo. Só uns días despois, o 3 de xullo, a administración municipal sacou o conxunto a subasta cun prezo de saída de 297.238 pesetas con 43 céntimos. A casa foi adquirida por Pedro Barrié por 305.000 pesetas, e este comunicou ao Concello a súa intención de transmitila a Carmen Polo de Franco.
Segundo relatou Vigo, Barrié solicitou ser liberado de dúas condicións: a obriga de pedir permiso municipal para facer obras nun inmoble considerado de valor artístico e a de manter a propiedade durante dez anos antes de poder transmitila. O Concello aceptou a petición. Pouco despois, en agosto de 1962, Barrié vendeu a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, nunha operación que abranguía dous solares cunha superficie útil aproximada de 1.100 metros cadrados.
O conferenciante detívose especialmente nunha carta do 1 de agosto de 1962 que, segundo explicou, permite entender o procedemento empregado. Nela falábase da “célebre casa que tanto deseaba su excelencia” e indicábase que a fórmula consistía en adxudicala “a un particular” para que este a vendese “a la señora”. Tamén se xustificaba así a operación para evitar unha adxudicación directa de bens públicos ao ditador. Para Vigo, o documento resulta central porque explicita a finalidade real do proceso. “O documento díxoo todo”, resumiu.
A partir dese momento iniciáronse as obras de reforma, desenvolvidas entre 1963 e 1965. Segundo expuxo Vigo Trasancos, a intervención foi pagada polo Concello da Coruña cun investimento superior ao millón de pesetas. A reforma conservou boa parte da fachada principal, mais transformou o conxunto ao incorporar o solar anexo e construír unha ampliación historicista que buscaba dar ao edificio unha imaxe máis regular e señorial.
Un dos aspectos máis significativos desta reforma é a reutilización de pezas procedentes doutros edificios históricos. Vigo identificou elementos do desaparecido Hospital de Caridade da Coruña, derrubado en 1958, integrados na nova parte da Casa Cornide. Basas de pilastras, parte da cantería da porta principal e mesmo a escaleira secundaria terían sido trasladadas desde aquel edificio ilustrado. O resultado, segundo explicou, é que a Casa Cornide pasou a contar tamén coa memoria material doutro inmoble do século XVIII.
O historiador tamén analizou outros elementos interiores que, nun primeiro momento, podían semellar pezas antigas. É o caso dalgunhas portas de pedra que lembran modelos do Hospital Real dos Reis Católicos de Santiago. Tras poder observalas directamente, Vigo concluíu que non se trata de pezas orixinais trasladadas desde Compostela, senón de réplicas historicistas realizadas con boa calidade. A casa, polo tanto, combina elementos auténticos do século XVIII, incorporacións procedentes doutros edificios e recreacións posteriores.
A relevancia da Casa Cornide non se esgota na súa arquitectura nin na súa transmisión aos Franco. Vigo Trasancos lembrou que o edificio acolleu tamén obxectos e memorias de gran valor. José Cornide conservou no seu vestíbulo unha inscrición vinculada á Torre de Hércules, hoxe depositada no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Alí estivo tamén a súa biblioteca, unha das bibliotecas privadas máis importantes da Galicia do seu tempo, así como parte dos seus manuscritos.
A relación co ciclo sobre as estatuas do Mestre Mateo apareceu tamén na conferencia. Segundo indicou Vigo, as figuras procedentes do Pórtico da Gloria estiveron durante un tempo na Casa Cornide, arredor dunha década, antes da exposición do Pórtico celebrada en 1988. Deste xeito, o inmoble coruñés aparece conectado con outro dos grandes debates patrimoniais galegos vinculados á familia Franco: o das esculturas medievais atribuídas ao Mestre Mateo.
No ano 2020, cando os herdeiros de Franco puxeron á venda a Casa Cornide, difundíronse fotografías do seu interior. Vigo explicou que o mobiliario que aparecía nesas imaxes non procedía da familia Cornide. Na actualidade, segundo puido comprobar na visita ao edificio, a casa atópase practicamente baleira. Quedan os elementos que non se podían retirar con facilidade: unha grande lámpada de cristal, portas de pedra, unha cheminea de mármore e algunhas pezas escultóricas pendentes de estudo.
Entre esas pezas, o historiador mencionou unha figura de Santiago situada no vestíbulo, un relevo coa Virxe co Neno acompañada por Santa Catarina e Santa Bárbara, e dous pequenos capiteis con inscricións e escenas que poderían formar parte dun conxunto máis antigo. Vigo advertiu, con todo, que son elementos que precisan unha análise específica antes de establecer a súa cronoloxía e procedencia.
A declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural en 2023 supuxo un recoñecemento oficial dos seus valores históricos, artísticos e patrimoniais. Para Vigo Trasancos, a protección está xustificada precisamente pola suma de capas que reúne o edificio: a memoria de José Cornide, a singularidade arquitectónica da casa ilustrada, as reformas posteriores, as pezas reaproveitadas doutros inmobles, o paso das estatuas do Mestre Mateo e o proceso administrativo que a levou ás mans de Carmen Polo.

Interior da Casa Cornide segundo a inmobiliaria Philippot&Lloyd / foto Fotocasa
O historiador pechou a súa intervención lembrando que a casa segue pertencendo aos herdeiros de Francisco Franco. Na súa opinión, o Concello da Coruña dispón de argumentos suficientes para avanzar na súa reivindicación, aínda que advertiu de que esa decisión corresponde xa a outras instancias. A conferencia deixou así unha lectura ampla do caso: a Casa Cornide non é só unha residencia señorial da Coruña vella, senón un espazo onde se concentran cuestións centrais da historia galega recente, desde a Ilustración ata o franquismo, desde a arquitectura urbana ata a memoria do espolio, e desde a protección patrimonial ata a posibilidade da recuperación pública.

