Castelo dos Mouros en Ons / DUVI

Ons, unha illa conectada: o castro que mira ao Atlántico dende hai máis de dous mil anos

Tempo de lectura: 4 min.

A illa de Ons conserva no Castelo dos Mouros unha das claves para entender como foron ocupadas as illas atlánticas galegas entre a Idade do Ferro e a época romana. A nova campaña arqueolóxica no xacemento busca responder dúas preguntas moi concretas sobre a evolución do poboado: se a terraza intermedia tivo tamén ocupación romana e se a zona exterior da muralla, onde apareceron estruturas con materiais romanos, puido ter unha ocupación anterior de época castrexa.

Alba Antía Rodríguez Nóvoa explica que os obxectivos da intervención encaixan nun propósito máis amplo: “aumentar o coñecemento de como vivían no Castelo dos Mouros”. O xacemento organízase en terrazas, unha característica fundamental para entender a súa evolución. Ata o momento, a área máis escavada é a terraza baixa, onde xa se documentou unha ocupación dobre: casas castrexas e, por riba delas, estruturas romanas.

Na terraza intermedia, pola contra, a campaña anterior permitiu descubrir dúas casas redondas de época castrexa, mais sen materiais nin estruturas romanas asociadas. A dúbida que agora tenta resolver o equipo é se esa ausencia responde a unha realidade histórica ou simplemente á limitación da sondaxe realizada. “A pregunta é se é unha ocupación soamente castrexa ou é que non a vimos porque foi unha sondaxe moi concreta o ano pasado e hai que abrir máis”, sinala a arqueóloga.

A segunda área de traballo sitúase fóra da muralla. Alí apareceron estruturas con material asociado á época romana. Neste caso, a pregunta é inversa: se esa ocupación exterior pertence só ao período romano ou se tamén existiu unha fase castrexa anterior. Para Rodríguez Nóvoa, ambas liñas de investigación teñen que ver coa configuración do poboado e coa maneira na que foi cambiando o uso do espazo dispoñible ao longo do tempo.

Escavacións no Castelo dos Mouros / DUVI

O Castelo dos Mouros ofrece unha cronoloxía ampla. Segundo a arqueóloga, os datos actuais permiten falar dunha ocupación que vai dende o século IV antes da nosa era ata o século V despois da nosa era. Esa longa duración amosa que o lugar tivo interese para distintas comunidades durante moitos séculos. “É un sitio onde é interesante vivir”, resume.

A cuestión de fondo é por que. A illa implicaba dificultades loxísticas evidentes, tanto hoxe como hai dous mil anos. Mais a arqueoloxía apunta a que Ons non debe entenderse como un espazo marxinal nin illado. O seu valor estaría relacionado cos recursos dispoñibles, coa súa habitabilidade e, sobre todo, coa súa posición visual sobre a costa e sobre o tráfico marítimo.

“Non cremos que virse asentar aquí responda só a iso, pero si ao control visual que che dá de toda a costa e dos barcos que pasarían por aquí”, explica Rodríguez Nóvoa. A illa contaba con recursos suficientes para vivir: cultivos, gando, produción de ferramentas, cerámica e aproveitamento do medio mariño. A presenza humana prolongada ata a actualidade reforza esa idea dun territorio insular con condicións favorables malia as súas dificultades.

A investigadora insiste nunha idea central: cómpre superar a visión dos castros como unidades illadas e autosuficientes. “Temos que desbotar esta idea da Idade do Ferro como castros independentes que non contactan entre si, que viven illados”, afirma. No caso de Ons, a posición no Atlántico non sería un obstáculo, senón unha parte esencial da súa función histórica.

A campaña tamén revela a importancia da colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas. Rodríguez Nóvoa subliña que ningún proxecto de investigación nas illas pode desenvolverse sen apoio loxístico. O traslado de persoal, ferramentas e materiais depende dunha coordinación constante con quen xestiona o transporte, cos gardas, vixiantes e persoal da illa.

“Nestes sitios non se pode traballar sen o apoio do parque”, explica. A arqueóloga lembra que o Castelo dos Mouros non é unha zona visitable por libre, polo que a investigación require tamén coordinación cos guías e coas normas de uso dun espazo protexido. A arqueoloxía, neste contexto, non é só escavar: é traballar nun territorio onde conflúen conservación ambiental, investigación científica e vida insular.

Un dos aspectos máis singulares do proxecto é a relación coa veciñanza de Ons. O primeiro contacto coas persoas da illa produciuse arredor da factoría de salga de Canexol, un espazo que serviu como ponte entre a arqueoloxía romana e a memoria recente. Moitas mulleres da illa traballaran en conserveiras, polo que a explicación das piletas romanas e dos procesos de salgadura permitiu establecer unha conexión inmediata.

“Dicíamos: aquí poñían os peixes e o sal. E elas dicían: parece xa o que faciamos nós”, lembra Rodríguez Nóvoa. A partir dese diálogo, a presenza do equipo arqueolóxico foi integrándose na vida da illa durante as tempadas de traballo. “Agora veñen os arqueólogos, agora veñen os biólogos”, resume a investigadora sobre esa convivencia entre proxectos científicos e comunidade local.

A memoria oral tamén tivo un papel relevante. Segundo Alba Antía Rodríguez Nóvoa, a xente de Ons sabía que alí había algo importante. Durante anos existiron lendas e lembranzas vinculadas ao monte onde se atopa o castro. “Aquelas lendas que se dicían, que nese monte había cousas, pois resulta que había algo”, explica. E non só había algo: as campañas están a revelar un xacemento de notable entidade.

A arqueóloga define o Castelo dos Mouros como unha “xoia descoñecida de Ons”. Considera que a illa adoita ser identificada sobre todo polo seu valor natural, polas praias e polos espazos máis coñecidos, mais conserva tamén un pasado histórico e arqueolóxico de grande interese. As fotografías de dron, realizadas con permiso dentro dun espazo protexido, permiten apreciar a dimensión do xacemento e a súa organización no territorio.

A investigación está a contribuír tamén a reforzar a conciencia patrimonial arredor do castro. Rodríguez Nóvoa cre que a veciñanza sabía da importancia de Canexol e do Castelo dos Mouros, mais a intervención arqueolóxica axuda a explicar, documentar e conservar ese legado. “Eles si que saben e saben que é importante”, afirma. O traballo científico engádese así a unha memoria local que xa recoñecía a singularidade do lugar.

A campaña actual pretende, en definitiva, aclarar como se transformou o Castelo dos Mouros ao longo dos séculos. A comparación entre a terraza baixa, a terraza intermedia e o exterior da muralla permitirá comprender mellor se os espazos castrexos e romanos se superpoñen, se se desprazan ou se responden a formas distintas de habitar a illa.

Pode que che interese...