Os chozos da serra do Suído protagonizan un encontro sobre patrimonio, monte comunal e memoria gandeira

Tempo de lectura: 4 min.

O Consello da Cultura Galega celebrará os días 10 e 11 de xullo de 2026 en Fornelos de Montes unha nova entrega do ciclo ‘Soster o noso’, unha iniciativa que nesta ocasión estará dedicada á serra do Suído e ao patrimonio vinculado á súa tradición gandeira. Baixo o título ‘A serra do Suído. A memoria gandeira entre as pedras’, a xornada abordará o valor histórico, arqueolóxico, antropolóxico e comunitario dos chozos e doutras estruturas asociadas ao pastoreo tradicional.

A proposta forma parte dun ciclo que nace co obxectivo de abrir un espazo de reflexión arredor do patrimonio menos coñecido, especialmente aquel que se atopa en risco ou que non sempre ocupa un lugar central nos discursos públicos sobre a memoria cultural galega. A intención é achegarse ao territorio desde o propio lugar, coa participación de investigadores, comunidades de montes e persoas que coñecen de primeira man estes espazos e traballan para mantelos vivos.

Nesta edición, o foco situarase na serra do Suído, sistema montañoso que marca a separación natural entre as provincias de Pontevedra e Ourense e que conserva unha ampla pegada da gandaría tradicional. Entre brañas, penedos, camiños antigos e zonas de pasto, destacan os chozos, pequenas cabanas de pedra que servían de refuxio aos pastores durante as súas estadías no monte co gando.

Estas construcións constitúen un exemplo de arquitectura vernácula en pedra seca, mais tamén gardan a memoria dunha forma de vida baseada no coñecemento do territorio, no traballo colectivo e no aproveitamento dos recursos do monte. A xornada pretende poñer en relación esas pegadas materiais coa memoria das comunidades que habitaron e xestionaron historicamente estes espazos.

O programa lembra que nos montes galegos existe unha gran diversidade de estruturas relacionadas co coidado do gando. Xunto aos chozos, aparecen tamén cortellos, sesteiros, foxos de lobo e outros elementos que, en moitos casos, se atopan hoxe abandonados ou en ruínas. O estudo destes vestixios permite reconstruír aspectos da vida nas aldeas e do pastoreo, ademais de afondar nun mundo agrogandeiro xa desaparecido como sistema de vida, pero aínda presente na memoria das zonas de montaña.

A xornada reunirá investigacións desenvolvidas no Suído ao longo das últimas dúas décadas desde distintas perspectivas. Entre elas, estudos arqueolóxicos, antropolóxicos e documentais orientados a coñecer a cronoloxía destas construcións, a súa variedade e as formas de traballo das persoas que as levantaron e utilizaron. O encontro tamén abrirá un espazo de debate sobre o papel das comunidades de montes na protección e valorización deste patrimonio cultural.

A primeira sesión terá lugar o venres 10 de xullo. A mañá estará centrada nas investigacións realizadas na serra do Suído. Tras a presentación da xornada, a arqueóloga e antropóloga Paula Ballesteros-Arias abrirá o programa coa intervención ‘Entre pedras e gando. Arqueoloxía e traballo de campo etnográfico na serra do Suído’, na que se abordará o punto de partida dos estudos desenvolvidos neste territorio.

A continuación, o investigador en Arqueoloxía no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, David García Casas, presentará os resultados das escavacións arqueolóxicas realizadas nos chozos de Casariños e nos chozos de Vilándurante as campañas de 2024 e 2025. A historiadora Lara Barros Alfaro, especializada en comunidades de montes veciñais en man común e vinculada ao Proxecto Mulime, analizará pola súa banda a información que achega a documentación histórica sobre os montes e a cabana gandeira no Suído.

Despois do descanso, a sesión continuará coa antropóloga Belén Carballo Domínguez, que falará de ‘A Rolda’ e do patrimonio inmaterial gandeiro nas terras de Covelo. Tamén intervirá o arqueólogo Carlos Otero, técnico de investigación no Incipit-CSIC, cunha presentación sobre ‘A Cidade das Costas do Alén’. A mañá rematará coa participación de Manuel Bugallo, arquitecto e paisaxista, e Fran García, historiador e técnico de desenvolvemento rural, ambos de Suído LAB, que farán balance de dez anos de traballo sobre as paisaxes invisibles da serra.

A sesión da tarde ampliará a mirada cara a outros estudos de caso en Galicia. Baixo o epígrafe ‘Os montes como escenario do patrimonio cultural’, o arqueólogo Víctor Barbeito e o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Fábregas, abordarán o caso dos Chans do Barbanza. Posteriormente, Xilberte Manso de la Torre e Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoráns, presentarán o traballo desenvolvido durante 27 anos arredor da investigación, divulgación e protección do patrimonio da serra da Groba.

O venres pecharase cun espazo de diálogo dedicado ás comunidades de montes, baixo o título ‘As comunidades de montes, entre montañas e memoria. O patrimonio cultural das nosas serras’. A mesa, moderada por Belén Carballo Domínguez, buscará poñer en común coñecementos, dificultades, experiencias e posibles colaboracións arredor da conservación do patrimonio cultural situado no monte comunal.

O programa continuará o sábado 11 de xullo cun roteiro guiado por distintos conxuntos vinculados ao patrimonio gandeiro da serra do Suído. A actividade permitirá coñecer sobre o terreo algúns dos espazos analizados nas sesións do día anterior, especialmente na parroquia da Laxe, en Fornelos de Montes.

O itinerario incluirá paradas interpretativas nos chozos de Vilán, tamén coñecidos como O Curral do Porto, no Coto dos Ladróns e nos chozos de Casariños, escavados con metodoloxía arqueolóxica no marco dos proxectos presentados durante as xornadas. A saída será ás 10.00 horas desde a Área Recreativa da Airoa, punto no que tamén rematará o percorrido.

A ruta terá unha duración aproximada de catro a cinco horas, con paradas, e seguirá un trazado circular duns 11 quilómetros. O desnivel acumulado sitúase entre os 550 e os 600 metros, cunha altitude que oscila entre os 606 e os 912 metros. A organización considera que a dificultade é baixa, aínda que recomenda ter capacidade para camiñar polo monte durante varias horas, xa que existen algunhas costas longas.

Para participar no roteiro do 11 de xullo será obrigatoria a inscrición previa. A organización recomenda levar calzado cómodo, auga, protector solar, gorro e roupa axeitada para camiñar polo monte.

Con esta nova edición de ‘Soster o noso’, o Consello da Cultura Galega propón unha lectura do patrimonio que vai máis alá da conservación das estruturas materiais. A xornada sitúa os chozos e o conxunto de vestixios gandeiros da serra do Suído como parte dunha memoria colectiva ligada ao monte, ao traballo e ás comunidades que continúan a xestionar estes territorios no presente.

Pode que che interese...