Un conservador británico na España de Franco: o historiador Emilio Grandío abre os arquivos familiares de Wing Commander James
O historiador Emilio Grandío Seoane presentou esta semana no Ateneo de Santiago o seu libro Un Tory en España, unha investigación arredor de Archibald James, coñecido como Wing Commander James, diplomático, militar e deputado conservador británico que percorreu España entre 1936 e 1941, nos anos da Guerra Civil, a primeira posguerra franquista e o inicio da Segunda Guerra Mundial.
A presentación celebrouse coa participación do propio autor, da directiva do Ateneo Pilar Sampedro e do historiador Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da USC. O acto serviu para situar a obra dentro dunha liña de investigación centrada nos servizos de información, a política internacional e a natureza do primeiro franquismo.
Grandío explicou que o libro naceu dun encontro pouco habitual: foi o fillo de Archibald James quen acudiu á Universidade de Santiago na súa procura, despois de coñecer os seus traballos sobre a intelixencia británica en España. A partir dese contacto, o historiador puido acceder a fondos familiares, diarios persoais e documentación privada, que cruzou con arquivos diplomáticos británicos e españois.
“Eu, traballando algún tempo sobre a intelixencia británica en España durante os anos da Segunda Guerra Mundial e anteriores, unha persoa apareceu pola universidade preguntando por min”, lembra Grandío nunha conversa con Historia de Galicia. Esa persoa era William James, fillo de Wing Commander James, quen lle abriu unha vía de acceso a unha documentación que completaba os papeis oficiais cunha dimensión máis persoal.
Segundo o autor, a obra non debe lerse só como unha biografía. “A min interesábame entrar en dúas cuestións: por un lado, a análise dos servizos de información e da capacidade da intelixencia británica en España; por outro, indagar na natureza e no carácter da propia ditadura franquista”, afirmou.
Un personaxe que permite ler unha época
Ramón Villares subliñou durante a presentación que este é un caso pouco común, porque non foi o historiador quen saíu inicialmente á procura do personaxe, senón que foi o personaxe, a través do seu fillo e do seu arquivo, quen acabou chegando ao historiador. Para Villares, esa circunstancia dálle ao libro unha singularidade especial.
Archibald James pertencía ao establishment británico: era deputado tory, procedía dunha familia acomodada e movíase nun mundo de elites políticas, diplomáticas e sociais que se vían a si mesmas como parte natural da dirección do Estado británico. Ese lugar social resulta clave para entender a súa mirada sobre España. O título, Un Tory en España, apunta precisamente a esa identidade política. Grandío explicou que ser tory nos anos trinta significaba defender unha tradición conservadora, unha idea de continuidade e unha visión do mundo ameazada por dous grandes fenómenos: a Revolución Soviética e o ascenso dos movementos de masas. Para unha parte desas elites, o fascismo apareceu nun primeiro momento como unha posible fórmula para frear o medo ao bolxevismo.
O historiador resumiu esa posición a partir de tres elementos: respecto á tradición, medo ao socialismo e procura de instrumentos para conter ese medo. Nese contexto situou a atracción que determinados sectores conservadores europeos sentiron cara a solucións autoritarias ou fascistas.
Grandío advertiu tamén que o fascismo británico non debe ser entendido como algo importado de Alemaña ou Italia. Ao falar de figuras como Oswald Mosley ou o duque de Windsor, sinalou que formaban parte das propias elites británicas. “Non é que os nazis sexan algo alleo deles; forman parte deles”, indicou, en referencia aos vínculos sociais, económicos e políticos existentes antes da guerra entre sectores británicos e alemáns.
Villares introduciu, con todo, unha matización: a existencia de simpatías fascistas ou de intereses comúns non significa que o Estado británico pensase igual que a Alemaña nazi. Chamou a distinguir entre ideoloxía, intereses imperiais e política exterior. “Un goberno que é un imperio pode tratar con todos”, sinalou.

Wing Commander James / Commonwealth War Graves Commission
A Guerra Civil como conflito internacional
Unha das ideas centrais da presentación foi a dimensión internacional da Guerra Civil española. Villares lembrou que o propio James vía España como unha guerra civil internacional, na que se cruzaban intereses de Roma, Berlín, Londres, Moscova e outras capitais europeas.
James chegou por primeira vez á España republicana en 1936, nunha comisión de deputados británicos que visitou Madrid despois do fracaso da ofensiva franquista sobre a capital. A viaxe incluíu contactos co mundo republicano e coas Brigadas Internacionais. Porén, a partir de 1937, segundo explicou Grandío, James realizou varias visitas á zona sublevada, cando a guerra xa comezaba a decantarse a favor de Franco.
Nese cambio de posición aparece unha das cuestións relevantes do libro: a construción do relato. Grandío e Villares detivéronse no paso de chamar sublevados aos militares golpistas a denominalos nacionais, unha expresión que a prensa británica empezou a utilizar moi cedo. Para Grandío, ese cambio mostra o poder da linguaxe na guerra de información. “Un cambio de palabra, unicamente, de sublevados a nacionais, cambia radicalmente o relato”, afirmou.
O historiador explicou que a Guerra Civil foi un momento clave na transformación da información nunha ferramenta política activa. Xa non se trataba só de vixiar ou protexer, senón de influír nas opinións públicas e orientar sociedades. A propaganda arredor de episodios como Guernica forma parte desa lóxica.
James asumiu e difundiu a versión franquista sobre o bombardeo da vila, segundo a cal a destrución non fora responsabilidade da aviación alemá, senón dos propios republicanos. Villares cualificou esa posición de “estraña e inesperada”, sobre todo pola insistencia coa que James a mantivo. Grandío interpretouna dentro do seu marco político conservador e anticomunista, pero tamén como parte dunha batalla propagandística máis ampla.
Franco, a ambigüidade e a política británica
O libro permite observar tamén a posición británica ante o primeiro franquismo. Grandío foi claro ao sinalar que a non belixerancia española durante a Segunda Guerra Mundial non debe levar a equívocos sobre a natureza do réxime. “Non nos pode levar a erro esa condición de non belixerancia do Estado español a considerar que España non era un país fascista”, advertiu.
Segundo o historiador, a España de Franco era nos anos 1939, 1940 e 1941 un país fascista na forma e no fondo, aínda que mantivese unha actitude ambigua por razóns de supervivencia. O réxime estaba ideoloxicamente próximo ao Eixe, mais ao mesmo tempo conservaba abertas vías de relación con Gran Bretaña porque a súa situación económica, militar e diplomática facía arriscada unha entrada directa na guerra.
Nese contexto, Wing Commander James foi nomeado primeiro secretario da Embaixada británica en España en febreiro de 1940. A súa función era tender pontes cun réxime que Londres quería manter fóra da guerra. James resultaba útil porque non era percibido polas elites franquistas como un inimigo, senón como un conservador británico co que podían dialogar.
A caída de Francia deixou debilitadas as redes democráticas no territorio español e obrigou os británicos a reconstruír con rapidez os seus servizos de información. Grandío explicou que James percorreu España, contactou con empresarios, sectores produtivos e comunidades británicas, e transmitiu unha mensaxe de presenza: Gran Bretaña seguía alí.
A Península Ibérica tiña daquela unha importancia estratéxica evidente. Xibraltar foi reforzado entre 1940 e 1941 con túneles, infraestruturas e un aeroporto construído con rapidez. Para Londres, evitar a entrada de España no Eixe era fundamental para manter a posición británica no Mediterráneo e no Atlántico.
O duque de Windsor e as zonas grises da guerra
Un dos episodios máis significativos tratados por Grandío é o paso por España do duque de Windsor, antigo rei británico e figura observada con preocupación pola súa proximidade ao mundo nazi. Tras a invasión alemá de Francia, o duque chegou a España camiño de Portugal. Os alemáns, segundo a documentación manexada polo historiador, querían que permanecese no país e mesmo tiñan preparado un lugar para acollelo.
Os británicos, pola contra, presionaron para que saíse cara a Lisboa. Segundo a reconstrución de Grandío, Wing Commander James e a súa muller estarían entre as persoas que o acompañaron ata Portugal, onde inicialmente estivo na contorna do banqueiro Espírito Santo antes de ser enviado ás Bahamas.
O episodio mostra ata que punto España era un espazo de tensión diplomática e política. En 1940, Churchill acababa de chegar ao poder, Estados Unidos aínda non entrara na guerra e Gran Bretaña estaba practicamente soa fronte ao avance do fascismo europeo.
Grandío tamén chamou a atención sobre o papel das mulleres nos servizos de información, a miúdo reducidas nos documentos a esposas ou acompañantes. A muller de James aparece, segundo o autor, en tarefas informais de contacto, como unha conversa con De Gaulle en Xibraltar. O historiador avanzou que novas investigacións están a localizar arredor de 150 mulleres vinculadas ás redes de información entre 1906 e 1945.Guerra

