Mámoa afectada polo lume e polo paso de maquinaria pesada / Colectivo A Rula

Un terzo da área patrimonial do Monte Piquiño queda afectada polo incendio de Herbón e Teo

Tempo de lectura: 3 min.

O incendio forestal iniciado a pasada fin de semana en Herbón, no concello de Padrón, e estendido posteriormente ata Teo, deixou unha importante afección sobre unha das zonas patrimoniais máis destacadas da comarca compostelá. Segundo os datos oficiais, o lume queimou máis de 350 hectáreas entre o venres 12 e o luns 15 de xuño, cando finalmente quedou controlado tras varios días de traballo dos equipos de extinción.

A actuación dos medios despregados permitiu evitar danos nas aldeas da contorna, un aspecto que o Colectivo A Rula subliña como prioridade en calquera emerxencia deste tipo. A entidade lembra que a protección das vidas humanas e das vivendas debe estar sempre por diante de calquera outro criterio e recoñece o labor realizado polos equipos de extinción para impedir que o incendio afectase aos núcleos habitados.

Con todo, unha vez superada a fase máis urxente da emerxencia, o colectivo chama a atención sobre as consecuencias do lume no territorio. A superficie afectada inclúe zonas de interese ambiental, paisaxístico e tamén patrimonial. Entre elas atópase o Monte Piquiño, unha área arqueolóxica situada entre as parroquias teenses de Lampai, Luou e Rarís, considerada unha das máis relevantes da comarca pola concentración de restos prehistóricos e manifestacións de arte rupestre.

Nesta área protexida, duns 40 hectáreas, figuran actualmente catalogadas 33 mámoas e 11 petróglifos. Polo mesmo espazo discorre tamén a Ruta dos Petróglifos de Teo, homologada como PRG-238, un itinerario sinalizado polo Concello no ano 2018 e vinculado á divulgación do patrimonio rupestre do municipio.

O Monte Piquiño forma parte ademais das zonas de especial atención recollidas no Plan Director de Compostela Rupestre, que contempla a creación dun parque arqueolóxico neste ámbito. Nos últimos dous anos, a Deputación da Coruña desenvolveu traballos de roza e limpeza en 15 mámoas co obxectivo de iniciar a posta en valor desta necrópole, situada nas inmediacións da ruta xa habilitada.

Segundo advirte A Rula, arredor dun terzo desta área de alto valor patrimonial e paisaxístico quedou afectada polo incendio. A entidade sinala que os danos non se deben unicamente á acción directa do lume. Algunhas das mámoas, segundo indica, sufriron afeccións importantes polas devasas abertas durante os labores de extinción, que atravesaron parte da área arqueolóxica.

O colectivo tamén informa de que o incendio chegou ao ámbito do petróglifo do Fondao, aínda que neste caso considera que a existencia dun anel de protección e o mantemento previo da ruta por parte do Concello de Teo puideron contribuír a evitar danos directos na estación rupestre.

A Rula pide agora prudencia á veciñanza e recomenda non transitar pola zona afectada. O colectivo advirte de que existen riscos potenciais mentres o espazo non sexa reacondicionado e non se garanta a seguridade das persoas usuarias. A situación actual da ruta tamén se viu alterada polo incendio e polos traballos realizados durante a extinción: parte dos sinais e balizas quedaron queimados e nalgúns puntos o camiño desapareceu baixo as devasas.

A entidade considera necesario aclarar como se produciron os danos sobre os elementos arqueolóxicos e sinala que, tendo en conta os medios actuais e a existencia de información patrimonial xeorreferenciada, resulta difícil comprender que os labores de extinción poidan afectar a bens catalogados situados lonxe dos núcleos de poboación. Con todo, o colectivo apela á cautela e lembra que antes de atribuír responsabilidades cómpre avaliar con precisión tanto os danos como as circunstancias nas que se desenvolveron os traballos.

Neste sentido, A Rula reclama que as administracións competentes actúen canto antes para coñecer o alcance real da afección. O colectivo sinala que o Concello de Teo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia xa están informados da situación, e pide que se envíen técnicos especializados para realizar unha avaliación do estado actual dos bens patrimoniais.

A partir dese diagnóstico, a entidade considera que deberá abordarse a reparación dos danos no patrimonio arqueolóxico na medida do posible, a restauración do espazo e a elaboración de protocolos que permitan evitar situacións semellantes no futuro.

Pode que che interese...