Unha torre medieval de Outeiro de Rei, ameazada por gretas, maleza e un eucalipto pegado ao muro, incluída na ‘Lista Roja’
A Torre de Sobrada de Aguiar, situada na parroquia de Santa María Magdalena de Sobrada de Aguiar, no concello lucense de Outeiro de Rei, vén de ser incorporada á ‘Lista Roja’ de Hispania Nostra, o rexistro que alerta sobre bens patrimoniais en risco. A inclusión prodúcese polo estado de conservación dunha construción medieval que presenta maleza sobre a estrutura, fendas nos muros, gretas visibles e a presenza dun eucalipto de grandes dimensións practicamente apoiado nun dos seus costados.
A alerta foi difundida tamén por Apatrigal, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, que advertiu da situación na que se atopa esta antiga torre defensiva. Segundo a información recollida por Hispania Nostra, o inmoble está catalogado pola Xunta de Galicia co código RI 000020104, aínda que na ficha se sinala que carece de protección específica máis alá desa catalogación.
A torre érguese nun territorio cunha longa memoria histórica. As terras da actual Sobrada aparecen vinculadas ao antigo señorío suevo de Superata, formado arredor do pobo dos Octadorum, ao que algunhas interpretacións atribúen unha posible orixe céltica anterior. Sobre ese espazo acabaría configurándose, séculos despois, unha arquitectura defensiva relacionada co control territorial da nobreza local no interior de Lugo.
As orixes da fortificación sitúanse a comezos do século XV, cando Fernán Díaz de Ribadeneira decidiu reforzar as súas posesións ao norte de Lugo. As fontes citadas por Hispania Nostra sinalan que aquela política de fortificación tería provocado o malestar do conde de Lemos, que enviaría un emisario a Sobrada ante o avance dos Ribadeneira no territorio.
A actual torre foi levantada por Fernán Pérez de Ribadeneira, descendente de Fernán Díaz de Ribadeneira, probablemente sobre unha construción anterior. Como ocorreu con boa parte das fortalezas galegas, a edificación foi destruída durante as Revoltas Irmandiñas de 1467. Daquela, a propiedade xa estaba en mans dos Freire de Andrade, que a reconstruíron posteriormente.
Ao longo do tempo, o conxunto pasou por diferentes mans e foi adaptándose ás necesidades dos seus propietarios. Na casa viviron familias como os Bolaño-Ribadeneira, os Aguiar, os Maseda e os Andrade, que foron reformando o espazo ata transformar o que fora unha casa forte e palacio defensivo nunha edificación máis próxima, polo seu uso, a unha casa de labranza. Ese cambio funcional non eliminou, porén, a presenza monumental da torre nin o seu valor como testemuño da arquitectura señorial e militar do medievo galego.
Un dos elementos desaparecidos do conxunto orixinal é o escudo señorial dos Andrade, Aguiar e Ribadeneira, que se situaba na portada da vivenda, de máis de dous metros. Ese escudo consérvase hoxe no Museo Provincial de Lugo, segundo a información recollida na ficha patrimonial.
A torre conserva unhas dimensións destacadas. Trátase dunha construción defensiva de máis de 15 metros de altura, con planta cadrada de 9,35 metros de lado e muros de 2,25 metros de espesor. Nos ángulos aínda se manteñen as gárgolas, mentres que a fábrica combina a cachotería de lousa con elementos de granito empregados nas partes máis coidadas da construción.
Entre os elementos conservados destaca a porta norte, que comunicaba co resto das dependencias do antigo palacio. A torre presenta tamén reforzos de granito nas esquinas e nas xanelas, unha característica habitual nas fortificacións e casas señoriais desta zona. Ademais, mantén os tranqueiros dos goznes que servían para suxeitar a porta de peche, así como poios de granito labrado, aspilleiras defensivas abertas en tres direccións e xanelas distribuídas nas distintas plantas. A fachada sur, pola contra, permanece completamente cega.
A poucos metros da torre consérvase tamén un muro defensivo vinculado á chamada Casa forte de Sobrada, coa que formaba un patio pechado. Este conxunto permite entender a edificación non como unha peza illada, senón como parte dun espazo señorial máis amplo, no que se combinaban funcións residenciais, defensivas e de representación.
O principal motivo da súa entrada na ‘Lista Roja’ é o seu estado de conservación. A vexetación oculta parte da estrutura e afecta aos muros, nos que se observan danos, fendas e gretas. A situación agrávase pola presenza dun eucalipto de grandes dimensións que medra paralelo a unha das esquinas e que, segundo a descrición recollida por Hispania Nostra, está practicamente apoiado no muro, o que compromete a estabilidade da construción.
A situación das edificacións anexas tamén forma parte da preocupación patrimonial. No caso do pazo de Sobrada, Apatrigal e Hispania Nostra sinalan a existencia de intervencións pouco axeitadas, con incorporación de materiais modernos como uralita, formigón ou bloques, que alteran a lectura histórica do conxunto.
Apatrigal compara a situación de Sobrada coa da torre de Taboi, tamén en Outeiro de Rei, onde si se desenvolveu algunha actividade de recuperación en 1985 e se retirou parte da vexetación que afectaba á estrutura. No caso da Torre de Sobrada de Aguiar, pola contra, non consta unha intervención semellante. A asociación advirte de que, de continuar a evolución actual, a perda parcial ou maioritaria da torre podería ser unha cuestión de tempo.

