Coñeces o misterio da muller da caveira da catedral de Santiago?
Entre as numerosas figuras que decoran a fachada de Praterías hai unha que leva séculos espertando a curiosidade de peregrinos, visitantes e historiadores. Trátase da coñecida como muller da caveira, unha escultura románica que representa unha figura feminina sostendo unha caveira nas súas mans.
A súa aparente sinxeleza agocha un dos grandes enigmas iconográficos da catedral de Santiago. Quen é realmente esta muller? Que significado tiña para os homes e mulleres da Idade Media? E por que ocupa un lugar destacado nun dos conxuntos escultóricos máis importantes do románico europeo?
Segundo o historiador da arte Manuel Antonio Castiñeiras González, catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona, a peza procede da desaparecida Fachada do Paraíso, situada na antiga portada norte da catedral, e foi reutilizada en Praterías tras a súa destrución. Ao perder o seu contexto orixinal, tamén se perdeu parte da información necesaria para interpretar con certeza o seu significado. Esta circunstancia deu lugar a numerosas hipóteses, convertendo a escultura nun dos elementos máis debatidos polos especialistas na arte medieval compostelá.
Posibles hipóteses sobre a misteriosa figura
Unha das teorías máis antigas identifica a figura con Eva, a primeira muller segundo o relato bíblico. Esta interpretación relaciona a caveira coa entrada da morte no mundo como consecuencia do Pecado Orixinal, en coherencia co programa iconográfico da antiga Fachada do Paraíso, centrado no libro da Xénese.
Tamén se propuxo a identificación con María Magdalena, personaxe frecuentemente asociada ao arrepentimento e á reflexión sobre a morte e a salvación. Esta teoría non é das máis respaldadas, xa que a escultura carece dalgúns dos atributos habituais nas representacións medievais da santa, como o frasco de perfumes co que adoita representarse na escena da unción de Cristo.
Outra interpretación considera a figura unha alegoría da morte ou da condición humana, como recordatorio da fraxilidade da vida e da inevitabilidade da morte, unha mensaxe habitual no pensamento cristián medieval.

Figura da muller da caveira en Praterías
A representación do pecado do adulterio
Unha fonte clave para a interpretación desta peza é o Libro V do Códice Calixtino, recollido tamén pola Fundación Catedral de Santiago, no que se describe unha escena na que unha muller adúltera é castigada a soster e bicar a cabeza do seu amante como exemplo de condena moral. Esta descrición reforza a idea de que a escultura podería ter unha función moralizante vinculada ao pecado e ao castigo, máis que unha representación simbólica abstracta.
Pola súa parte, o historiador da arte Manuel Antonio Castiñeiras González reforzou esta teoría na conferencia Portais historiados da catedral de Santiago, organizada pola asociación cultural O Galo. Segundo explicou, a figura podería representar o pecado do adulterio: a muller sostería no colo a cabeza decapitada do seu amante, converténdose nunha advertencia visual sobre as consecuencias de desobedecer a moral cristiá.
Castiñeiras fundamenta esta hipótese na localización orixinal da peza, que formaba parte da desaparecida Porta Francíxena ou Fachada do Paraíso. A escultura situábase no tímpano dereito da portada, mentres que o esquerdo estaba presidido pola escena da Anunciación á Virxe María. Para o historiador, esta disposición establecía un contraste entre dous modelos femininos opostos: María, “símbolo da obediencia e da salvación”, e a muller adúltera, “exemplo do pecado e das súas consecuencias”.
A perda da antiga Porta do Paraíso e o posterior traslado da escultura á fachada de Praterías fixeron que a figura quedase descontextualizada, o que explica as múltiples interpretacións que suscitou ao longo dos séculos. Hoxe, a coñecida como muller da caveira pode contemplarse na fachada de Praterías, integrada no tímpano das Tentancións. Neste ilústranse as tentacións ás que foi sometido Xesús, según o Evanxeo de San Mateo, e outra seríe de figuras como unha corte de demos con cabezas de can, corpos de animal e colas longas.

