“Saúde e Terra!”: o 25 de xullo durante a ditadura de Primo de Rivera
O 25 de xullo de 1926, A Nosa Terra, órgano das Irmandades da Fala, abría a súa portada cun editorial titulado “Ao decorrel-os días”. Galicia vivía baixo a ditadura de Miguel Primo de Rivera e o galeguismo sufría a censura e a prohibición de moitas das súas actividades públicas. Nese contexto, o Día de Galicia convertíase nun acto de resistencia simbólica máis que nunha festa multitudinaria.

Non hai chamamentos a grandes manifestacións nin referencias a actos públicos. Pola contra, o editorial propón unha celebración interior, case espiritual.
“Día de Galicia, data que ao lembrar o seu significado fai rebulir no noso maxín ideas xenerosas”
As Irmandades da Fala acordaran en 1919 instituír o 25 de xullo como Día Nacional de Galicia, e a primeira celebración tivera lugar en 1920. Durante os primeiros anos organizáronse conferencias, actos culturais, concertos e mesmo houbo concellos que izaron a bandeira galega. Mais o golpe de Estado de Primo de Rivera, en setembro de 1923, mudou o panorama. A ditadura prohibiu boa parte das expresións públicas do galeguismo e sometía publicacións como A Nosa Terra á censura previa.
Esta editorial insiste na necesidade de manter vivo o sentimento galeguista malia as dificultades. Explica que a verdadeira celebración debía producirse “entre nós e dentro de nós”, lonxe “da profana ollada dos incrédulos” e tamén daqueles que “agora andan a se manifestar con arrogancias autoritarias”.
25 de xullo é tamén día da festividade do Apóstolo Santiago, unha das datas relixiosas máis importantes do calendario para os galegos. As Irmandades fixeron un guiño a esa data falando con devoción e mediante pregarias de Galicia.
“Temos de entonar con fonda devoción e fe (…) unha pregaria ao pé do sagro altar da Patria.”
Ler hoxe esta portada de A Nosa Terra é asomarse a un momento especialmente delicado da historia do galeguismo. O Día de Galicia seguía celebrándose, pero xa non podía facerse coa visibilidade dos primeiros anos. A censura obrigaba a substituír os discursos explícitos por metáforas, referencias simbólicas e unha linguaxe chea de dobres lecturas.
Case cen anos despois, o contexto é radicalmente distinto. O 25 de xullo deixou de ser unha celebración que debía vivir “entre nós e dentro de nós” para converterse nunha data oficial do calendario galego, con actos institucionais, culturais e relixiosos que conviven con distintas formas de celebración cidadá.
Máis aló das diferentes sensibilidades políticas ou ideolóxicas, o 25 de xullo continúa sendo unha oportunidade para reflexionar sobre a lingua, a cultura, o patrimonio e a identidade dun país que segue construíndose tamén a través da súa memoria. Se en 1926 o obxectivo era manter viva unha idea en tempos de silencio, hoxe o reto pasa por manter vivo o interese por coñecer a propia historia e comprender como se forxaron os símbolos e as celebracións que forman parte da Galicia contemporánea.
“A todol-os irmáns Saúde e Terra!”

