Fotos da visita do ano pasado / Instituto de Estudos Tudenses

Tui abre o seu patrimonio ao público con novas visitas guiadas durante xullo e agosto

Tempo de lectura: 3 min.

O programa ‘Coñece o noso patrimonio’ continúa este mes de xullo e durante agosto cun calendario de visitas guiadas e actividades destinadas a achegar á cidadanía distintos elementos do legado histórico, artístico e cultural de Tui. A iniciativa está organizada polo Instituto de Estudios Tudenses e conta coa colaboración das concellerías de Turismo e Patrimonio e de Cultura do Concello de Tui.

Tras a acollida rexistrada en edicións anteriores, o ciclo mantén a súa aposta pola divulgación do patrimonio local a través de propostas abertas ao público e conducidas por especialistas vinculados ao propio Instituto ou por persoas investigadoras convidadas. O obxectivo, segundo trasladan desde a organización, é afondar no coñecemento do patrimonio tudense e reforzar a súa conservación a través da difusión social.

A seguinte cita terá lugar o martes 14 de xullo, ás 20:30 horas, cun percorrido centrado na escultura pública en Tui. A visita estará guiada polo historiador Rafael Sánchez Bargiela e partirá da escultura de Silverio Rivas situada na Alameda. A actividade permitirá achegarse a unha parte do patrimonio urbano configurada nas últimas décadas e na que figuran obras de autores como Silverio Rivas, Juan Oliveira, Xoán Piñeiro, Alfonso Quinteiro ou Maxín Picallo, entre outros.

O programa continuará o martes 21 de xullo, tamén ás 20:30 horas, cunha visita polos lugares vinculados á memoria democrática en Tui. A actividade coincide co 90 aniversario do golpe militar de xullo de 1936 e coa lembranza da resistencia tudense, que se prolongou ata o 26 de xullo. A encargada de conducir o percorrido será Helena Pousa Ortega, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña. O punto de inicio será a Praza do Concello.

Xa o martes 28 de xullo, a atención centrarase na Catedral de Tui e no oitocentos aniversario da súa consagración. A visita, titulada ‘Las huellas de 800 años de arte en la catedral de Tui’, será dirixida por Marta Cendón Fernández, catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta do Instituto de Estudios Tudenses. A actividade comezará ás 20:30 horas na portada da Catedral.

No mes de agosto, o ciclo trasladarase tamén ao outro lado do río Miño cunha proposta vencellada ao románico e ás relacións históricas e artísticas entre Tui e o territorio portugués. O martes 11 de agosto, ás 20.30 horas, a museóloga Isilda Salvador guiará a visita ‘Os tempos do románico en Ganfei: o mosteiro de O Salvador e San Teotonio’, con inicio no Mosteiro de Ganfei, en Valença.

A programación continuará o martes 18 de agosto, ás 20:00 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, coa conferencia ‘La catedral medieval de Santa María de Tui’, que será pronunciada por Carmen Manso Porto, investigadora da Real Academia de la Historia. A súa intervención afondará na relevancia histórica e artística do templo tudense no período medieval.

O ciclo pecharase o martes 25 de agosto, ás 21.00 horas, coa visita ‘De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral’, dirixida polo historiador José Ramón Fernández Fernández. A actividade terá lugar na igrexa parroquial de San Francisco, un dos templos máis coñecidos da cidade, e permitirá abordar a súa evolución histórica desde a súa orixe conventual ata o seu papel actual.

Desde o Instituto de Estudios Tudenses sinalan que esta nova edición de ‘Coñece o noso patrimonio’ responde á vontade de contribuír á divulgación do amplo legado que conserva Tui. A entidade defende que o coñecemento do patrimonio é unha ferramenta fundamental para favorecer a súa protección e transmisión.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, agradeceu ao Instituto de Estudios Tudenses a organización do programa e expresou a súa confianza en que esta edición manteña “a gran acollida dos últimos anos”.

Todas as actividades son de balde, de acceso libre e non contan con límite no número de persoas participantes.

Pode que che interese...