Un campo internacional de voluntariado investigará en Tomiño as pegadas dunha posible fortaleza da Guerra da Restauração
O proxecto Fortalezas da Fronteira inicia este luns en Tomiño unha nova fase de traballo arredor do xacemento de As Torres, en San Miguel de Taborda, cun campo de voluntariado que reunirá durante dúas semanas a 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. A actividade forma parte da programación de campos de voluntariado da Xunta de Galicia e contará con participantes procedentes de Galicia, doutros territorios do Estado e de países como Italia, Colombia e México, o que lle dá á iniciativa unha dimensión internacional.
O campo permitirá continuar os traballos iniciados o ano pasado neste enclave, identificado en 2020 por Xurxo Salgado Tejido e posteriormente caracterizado pola arqueóloga e profesora da Universidade do Minho Rebeca Blanco-Rotea. A intervención busca avanzar no coñecemento dun espazo que as primeiras investigacións relacionan coa posible existencia dunha estrutura defensiva vinculada á Guerra da Restauración, o conflito do século XVII que marcou durante décadas a fronteira entre Galicia e Portugal.
As hipóteses abertas ata agora, porén, non se limitan á Idade Moderna. A primeira campaña permitiu documentar materiais cerámicos que apuntan a unha posible ocupación anterior, situada principalmente entre os séculos XIII e XV, aínda que tamén apareceron fragmentos que poderían remontarse ao século XI. A isto súmase outro elemento de interese para a lectura histórica do territorio: o sistema de fortificacións no que se insire As Torres sitúase nun amplo complexo mineiro romano, o que engade novas capas de interpretación a unha paisaxe marcada pola explotación dos recursos, a defensa e o control do territorio.
Durante as mañás, as persoas voluntarias participarán en diferentes tarefas relacionadas co traballo arqueolóxico. Entre elas figuran labores de limpeza, apoio á prospección e colaboración nas intervencións programadas no xacemento. A retirada de vexetación permitirá acondicionar a zona e facer máis visibles posibles estruturas, trazas ou elementos de interese, mentres que a prospección facilitará unha observación máis sistemática do terreo para localizar restos, materiais ou indicios que contribúan a comprender mellor a evolución histórica de As Torres.
O campo de voluntariado non se limitará ao traballo directo sobre o terreo. A programación incluirá tamén actividades formativas arredor da arqueoloxía, o patrimonio e a memoria do territorio, co obxectivo de que as persoas participantes poidan coñecer as técnicas básicas de intervención arqueolóxica e, ao mesmo tempo, entender o contexto histórico e paisaxístico no que se insire o enclave.
As Torres forma parte dunha contorna de fronteira na que se conservan pegadas de fortificacións, camiños, vías de comunicación e estruturas defensivas vinculadas á historia da raia galego-portuguesa. A súa investigación permite, así, abrir unha lectura máis ampla sobre os usos do territorio ao longo do tempo, desde a minería romana ata os conflitos militares da Idade Moderna, pasando por posibles ocupacións medievais aínda pendentes de precisar.
Pola tarde, o campo reservará espazo para actividades de ocio e tempo libre, orientadas á convivencia entre os participantes, ao coñecemento da contorna e á creación dunha experiencia colectiva arredor do patrimonio. Deste xeito, o proxecto combina investigación, formación e participación social, cunha fórmula que busca implicar a mocidade no coidado e interpretación dos bens culturais.
BARferencias, visitas e roteiros abertos á cidadanía
En paralelo ao campo de voluntariado, Fortalezas da Fronteira desenvolverá unha programación aberta á veciñanza e ao público xeral, con BARferencias, visitas e roteiros en diferentes espazos de Tomiño e da súa contorna. A proposta pretende levar a arqueoloxía e a historia da raia fóra dos espazos académicos, favorecendo o encontro entre especialistas, participantes no campo e comunidade local.
As BARferencias abordarán temas relacionados co uso de detectores en arqueoloxía, a minería romana no Baixo Miño, a paisaxe fortificada de Tui e do val do Miño, a educación patrimonial e a memoria dos territorios de fronteira. O programa contará coa participación de investigadores e especialistas como Gorka Martín, Brais Currás, Rebeca Blanco-Rotea, Tiago Rodrigues, Santiago Veloso, Alfonso Lorenzo Vila, Xaquin Cadilla Castro e Avelino González, entre outros.

