541 anos cara atrás, 454 cara adiante: as eclipses que fixeron historia en Galicia
Hai fenómenos astronómicos que poden parecer frecuentes cando se observan dende o conxunto do planeta, pero que se converten en acontecementos extraordinarios se nos enfocamos nun lugar concreto para observalos.
Unha eclipse total de Sol pode producirse en diferentes puntos da Terra cada poucos anos, pero a sombra da Lúa percorre unha franxa tan estreita que a posibilidade de que a totalidade se repita exactamente nun mesmo territorio é moito máis remota. Galicia ten este 12 de agosto de 2026 unha desas citas excepcionais. Para comprender ata que punto o é, abonda con mirar cara ao pasado e logo cara ao futuro.
O 16 de marzo de 1485, hai 541 anos, unha eclipse total de Sol podía contemplarse dende Santiago de Compostela e dende diferentes puntos de Galicia. O seguinte eclipse total que volverá ser visible desde o territorio compostelán chegará o 4 de outubro de 2480, dentro de 454 anos. Entre ambos, o ceo galego ofrecerá este 2026 unha oportunidade extraordinaria.
1485
Cando o Sol desapareceu sobre a Galicia medieval
O eclipse do 16 de marzo de 1485 foi un eclipse solar total. Os cálculos astronómicos da NASA sitúan o fenómeno como un eclipse de magnitude 1,0615, cunha duración máxima da totalidade de case cinco minutos.
A súa sombra atravesou a Península Ibérica e, segundo os cálculos recompilados por Solar Eclipse, a totalidade puido observarse en localidades galegas como Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Betanzos, Viveiro, Vilalba, Carballo, Boiro, Teo, Ordes ou Mos, entre outras.
A Solar Eclipse Newsletter da NASA sinalaba que aquela eclipse do 16 de marzo de 1485 foi a última eclipse solar total visible desde Compostela antes do actual ciclo histórico. Como sería contemplar aquel fenómeno na Galicia de finais do século XV?
Un dos documentos máis sorprendentes sobre o fenómeno é un incunable escrito por Diego de Torres, médico e astrólogo salmantino, conservado na Biblioteca Diocesana do Obispado de Teruel. O texto, relacionado directamente coa eclipse de 1485, mostra unha sociedade na que astronomía, medicina e astrología aínda estaban profundamente conectadas. A eclipse era considerada un posible presaxio de enfermidades e, mesmo, de epidemias.
O documento chegou ata nós con 24 páxinas de recomendacións para facer fronte aos supostos efectos do fenómeno. Entre elas había consellos alimentarios, recomendacións de hixiene e indicacións para evitar determinados lugares.
1912
Valdeorras, capital mundial da astronomía por un día
O seguinte episodio fundamental da historia dos eclipses galegos lévanos ata o 17 de abril de 1912. Aquel día produciuse un fenómeno de características diferentes: unha eclipse híbrida, isto é, anular nalgúns puntos e total noutros. A súa estreitísima franxa de totalidade atravesou Galicia polo leste de Ourense, pasando por Verín e O Barco de Valdeorras, antes de continuar cara ao Bierzo e Asturias.
A diferenza respecto de 1485 é evidente. Xa non estamos ante unha sociedade medieval que busca explicacións astrolóxicas para o escurecemento do Sol, senón ante unha comunidade científica que viaxa expresamente ata Galicia para aproveitar o fenómeno.
Entre os investigadores que se desprazaron ata O Barco atopábase Josep Comas i Solà, director do Observatorio Fabra de Barcelona. O astrónomo instalouse na comarca para estudar o espectro da cromosfera solar e empregou unha innovación tecnolóxica extraordinaria para o momento: unha cámara cinematográfica adaptada como espectrógrafo. O seu obxectivo era rexistrar a evolución do espectro durante os instantes da totalidade.

Imaxe da eclipse solar do 17 de abril de 1912 obtida por Josep Comas Solá nos arredores do Barco de Valdeorras.
Revisando a hemeroteca
Nun tempo sen televisión nin internet, a prensa era a principal fonte de información científica
para a maioría da poboación. Durante os meses previos á eclipse, varios diarios galegos publicaron explicacións sobre como se producía o fenómeno, cales serían as horas nas que podería observarse e que localidades gozarían dunha mellor visión.
As informacións afastábanse do sensacionalismo e adoptaban un ton didáctico. Os lectores aprendían que un eclipse solar se produce cando a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol, proxectando a súa sombra sobre unha estreita franxa da superficie terrestre. Os xornais tamén insistían en que a totalidade só sería visible nunha pequena parte de Galicia, mentres que no resto do país a eclipse sería parcial.
Especial atención prestou a prensa ourensá ás horas exactas nas que comezaría o fenómeno en localidades como O Barco, Verín, Trives ou Viana do Bolo.
2026
O día esperado
O 12 de agosto de 2026, Galicia será o primeiro territorio da Península en recibir a sombra da Lúa durante a eclipse solar total. A franxa de totalidade entrará pola zona occidental e percorrerá principalmente o norte e o leste de Galicia, aínda que a súa extensión non será uniforme. Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), a eclipse será total en numerosas localidades do norte peninsular e a Coruña será a primeira capital de provincia española desde a que se poderá observar a totalidade.
En Galicia, a provincia máis favorecida será Lugo, onde aproximadamente o 97 % do territorio quedará dentro da franxa de totalidade. Séguelle A Coruña, cun 62 %, mentres que en Ourense a sombra cubrirá arredor do 19 % e en Pontevedra apenas un 8 %. Estes datos proceden dos cálculos realizados polo Clube de Astronomía de Compostela (Clube Vega).

Mapa das comarcas afectadas pola sombra da totalidade. Clube Vega
Santiago de Compostela quedará fóra da franxa da totalidade, polo que no centro urbano o eclipse será parcial. De feito, o Clube Vega calcula que desde a Praza do Obradoiro se verá un 99,97% do disco solar oculto, unha porcentaxe extraordinariamente alta pero que non chega ao 100%.
Porén, algunhas parroquias do nordeste si estarán dentro da franxa de totalidade, entre elas Busto, Nemenzo, Marantes, A Barciela, Cesar, A Enfesta, O Carballal e Sabugueira. É dicir, uns poucos quilómetros poden marcar a diferenza entre contemplar un eclipse parcial espectacular e experimentar a desaparición completa do disco solar.
2480
541 anos cara atrás, 454 cara adiante
Quen se perda a eclipse do 12 de agosto do 2026 terá que agardar uns poucos séculos ata a seguinte, en concreto 454 anos para a próxima eclipse total que a NASA calculou que se poderá ver en Santiago o 4 de outubro do 2480.
Visto dende esta perspectiva pódese comprender mellor a excepcionalidade do acontecemento que temos a oportunidade de ver este ano. Quen contemple o eclipse de 2026 estará presenciando algo que non volverá repetirse desde Compostela ata dentro de máis de catro séculos.
Durante uns poucos minutos, o ceo que observaron os habitantes da Galicia medieval volverá escurecerse ante os ollos dunha nova xeración. E cando o Sol volva iluminar Galicia, o seguinte capítulo desta historia quedará reservado para un futuro que hoxe resulta case imposible de imaxinar.





