Cen anos da fin dos foros: a loita dos labregos galegos pola terra
En xuño de 1926, un decreto-lei de redención forzosa dos foros puxo o punto final a un sistema de propiedade da terra que marcara profundamente a historia económica e social de Galicia durante séculos. O foro, de orixe medieval, establecía unha relación pola que os labregos podían traballar unha terra a cambio do pagamento dunha renda ao propietario ou perceptor do dominio directo.
Lonxe de ser unha cuestión exclusivamente xurídica, o sistema foral condicionou a vida do campesiñado galego, a estrutura da propiedade e mesmo a evolución do movemento agrarista. Durante o século XIX e as primeiras décadas do XX, a reivindicación da redención dos foros converteuse nunha das principais demandas do campo galego e alimentou unha intensa mobilización social e política.
A súa desaparición foi o resultado dun longo proceso no que participaron os propios labregos, as sociedades agrarias e diferentes movementos políticos. Moitos campesiños chegaron mesmo a redimir os seus foros de maneira privada, empregando en numerosos casos cartos procedentes da emigración, especialmente de Cuba.
Pero que era exactamente o foro? Por que sobreviviu durante tantos séculos? Como foi a loita dos labregos para converterse en propietarios? E que papel xogaron o agrarismo e a emigración na súa desaparición?
Coincidindo co centenario do decreto de 1926, o grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela organizou un seminario dedicado precisamente a revisar a historia deste sistema e as súas consecuencias na sociedade galega. Praza.gal aproveita esta efeméride para reconstruír a longa historia do foro a través das explicacións de especialistas como Ramón Villares e Lourenzo Fernández Prieto.

