Da procesión á macroorquestra: como mudaron as festas patronais galegas ao longo dos séculos
As festas de agosto continúan a encher vilas e parroquias de toda Galicia, pero a súa evolución revela cambios profundos na sociedade: da centralidade da relixión e das bandas de música aos grandes espectáculos das actuais verbenas. Aínda así, a súa principal función segue sendo a mesma: reunir a comunidade.
Hai unha Galicia que rezaba, outra que traballaba e outra que, cando chegaba a festa, podía permitirse parar. A historia das festas patronais galegas tamén é a historia desa transformación: da celebración fundamentalmente relixiosa ao ocio como parte esencial da vida social.
Un estudo publicado na revista Prohistoria polo investigador Anxo Rodríguez Lemos, da Universidade de Santiago de Compostela, analiza precisamente a festa nos santuarios de Galicia durante os séculos XVIII e XIX e mostra que xa naquela época o sagrado e o festivo formaban parte dunha mesma celebración.
A relixión como motor da vida cotiá
Nas sociedades rurais do Antigo Réxime, a relixión ocupaba un lugar central na vida cotiá. Os santuarios e capelas eran espazos de devoción e as romarías constituían momentos fundamentais dentro do calendario colectivo.
Rodríguez Lemos explica que as festas celebradas nos santuarios galegos durante os séculos XVIII e XIX eran “expresións fundamentais da relixiosidade local” e estaban estreitamente relacionadas coa dura vida rural. As misas e procesións constituían os principais actos, pero non eran os únicos: música, danzas, pólvora e diferentes formas de entretemento completaban as celebracións.

Romaría de San Cosme, Baiona
A romaría permitía interromper, aínda que fose temporalmente, a rutina marcada polo traballo agrícola e as obrigas cotiás. Era un momento no que a comunidade se reunía, se desprazaba, comía, bebía, bailaba e establecía relacións. O estudo sinala ademais que estas celebracións tiñan funcións económicas, sociais e simbólicas e contribuían a reforzar as identidades comunitarias e as redes de intercambio.
A festa como revolución
Para comprender a evolución posterior hai que ter en conta unha cuestión fundamental: o ocio non sempre estivo distribuído como o está hoxe. Nunha sociedade maioritariamente rural, na que unha parte importante da poboación dependía directamente do traballo da terra, o tempo estaba fortemente condicionado polas tarefas agrícolas e só os nobres, propietarios destas terras, podían desfrutar de tempo de ocio.
A industrialización e o desenvolvemento das sociedades contemporáneas provocaron unha transformación radical da relación entre traballo e tempo libre. A aparición dunha sociedade industrial separou progresivamente os tempos de traballo e de descanso. As reivindicacións obreiras pola redución da xornada laboral, o descanso semanal e posteriormente as vacacións pagadas fixeron que o tempo libre deixase de ser un privilexio reservado ás elites.

Festas do Apóstolo, 1926 Biblioteca Dixital de Galicia
Por iso as romarías teñen unha importancia que vai máis aló da relixión. Tamén representan unha forma histórica de organizar o tempo libre. Esa dimensión permite conectar as festas tradicionais coa gran transformación que experimentaría o ocio durante os séculos XIX e XX.
Da romaría á festa patronal moderna
A festa tradicional non desapareceu coa modernización de Galicia. Ao contrario, foise adaptando e cambiando. Unha crónica publicada na revista quincenal Irimia en 1988, baixo o título Unha vez máis as romarías, advertía de que moitas celebracións estaban “perdendo parte da finalidade relixiosa coa que naceran”.
Segundo a publicación, a devoción ao santo ou á Virxe fora cedendo protagonismo fronte ás comidas familiares, os encontros entre amizades e as verbenas nocturnas. Case corenta anos despois, esa tendencia parece consolidada, aínda que a dimensión relixiosa continúa presente en boa parte das festas mediante misas, procesións e actos litúrxicos.
Mais a festa galega non pasou simplemente de ser relixiosa a ser profana. Antes da cristianización, os ritmos da vida comunitaria estaban estreitamente ligados aos ciclos naturais e agrícolas. Coa expansión do cristianismo, parte dese calendario foi reinterpretado e integrado no calendario festivo cristián.
Festa ou romaría
O etnógrafo Antón Fraguas xa reflexionou sobre esta cuestión na conferencia Festas e romarías galegas: o Corpus, pronunciada en 1986 e conservada polo Consello da Cultura Galega.
Fraguas diferenciaba entre a festa e a romaría, dous conceptos que en Galicia adoitan aparecer unidos. A romaría (ou romaxe) está vinculada tradicionalmente ao desprazamento cara a un santuario ou lugar de devoción, mentres que a festa patronal se organiza arredor dunha comunidade ou parroquia concreta.
Co paso do tempo, ambas dimensións acabaron mesturándose: a celebración relixiosa conviviu co encontro social, a música e o lecer.
O retorno ao rural
Hai, porén, un elemento da crónica de Irimia que continúa de actualidade: o reencontro. No verán, Galicia recuperaba unha vitalidade especial debido, entre outras razóns, ao regreso de miles de emigrantes aos seus fogares e á chegada de visitantes. A festa transformaba durante unhas semanas a vida das aldeas e parroquias.
Esa función non desapareceu. Cambiaron as circunstancias, pero as festas continúan sendo momentos de reencontro e de regreso ao fogar. O que antes era un retorno dende as Américas, hoxe en día é máis como un retorno ao rural dende as cidades.

Verbena en Vilaboa, 1997 XOSE CASTRO
Co traslado a zonas urbanas por traballo e pola búsqueda das comodidades que estas prometen, as pequenas vilas quedan baleiradas durante a maioría do ano. É durante as festas do verán cando recobran a súa vitalidade e reciben aos seus antigos habitatantes.
Da pólvora aos grandes espectáculos
Nas festas históricas, a pólvora, as músicas e as danzas contribuían a crear unha experiencia extraordinaria que rompía coa rutina diaria. Hoxe esa función continúa, pero multiplicada pola tecnoloxía.
As orquestras dispoñen de grandes escenarios, pantallas, iluminación e equipos de son. Os programas inclúen concertos, DJs, espectáculos audiovisuais e actividades para diferentes xeracións. A festa deixou de ser só algo que se celebra: converteuse tamén nun espectáculo que se consume.
E aquí está unha das maiores diferenzas entre o pasado e o presente. Nunha romaría do século XVIII, o entretemento estaba integrado na propia comunidade. Na festa actual existe unha industria cultural e do ocio capaz de mobilizar grandes cantidades de persoas. En calqueira caso o importante é desfrutar da música e da comida na compañía da familia, veciños e amigos.

Festas do Apóstolo 2020 / Santiago Turismo

