Mina de ouro na Pastoriza / EP

Descobren na Pastoriza unha mina de ouro romana de máis de 117 hectáreas

Tempo de lectura: 4 min.

Unha investigación arqueolóxica desenvolvida no concello lucense da Pastoriza permitiu identificar en Campo do Oso unha explotación de ouro de época romana cunha superficie estimada superior ás 117 hectáreas. O xacemento, datado arredor do século I a.C., conserva ademais parte das infraestruturas hidráulicas empregadas para mobilizar os sedimentos e separar posteriormente o mineral.

O achado produciuse durante os traballos arqueolóxicos vinculados ao proxecto de ampliación dunha explotación da empresa Pizarras Universales. Como parte da tramitación ambiental, a Xunta de Galicia requiriu unha prospección arqueolóxica intensiva da zona directamente afectada e dunha franxa adicional de 200 metros ao seu redor.

Foi precisamente nese espazo perimetral onde o equipo coordinado polo arqueólogo Francisco Hervés localizou diferentes estruturas que acabaron levando á identificación do complexo mineiro romano.

As primeiras evidencias provocaron inicialmente unha interpretación distinta. A morfoloxía dalgunhas estruturas fixo pensar que o equipo podía estar diante dun campamento militar romano, unha hipótese que levou a ampliar os medios destinados á investigación ao existir outros recintos semellantes documentados na contorna.

“Se reforzou o equipo porque xa había constancia de que había outros recintos similares nas zonas próximas”, explica Hervés.

A posible relación entre estruturas militares e explotacións mineiras non resultaba, segundo o investigador, allea ao contexto da minería romana, posto que existen casos nos que a presenza de tropas se vincula ao control da extracción de metais e dos territorios mineiros.

Con todo, a análise posterior permitiu descartar que unha das estruturas estudadas tivese esa orixe. O recinto que inicialmente levantara as sospeitas correspondía en realidade a un antigo viveiro forestal construído na década de 1940.

O elemento que acabou resultando determinante foi outro: a presenza de canais vinculados directamente á actividade extractiva romana.

Un sistema hidráulico conservado permite reconstruír o proceso de extracción

A particularidade do xacemento de Campo do Oso non reside unicamente nas súas dimensións. A conservación de parte do sistema utilizado para conducir a auga ofrece información sobre como se explotaba o terreo para conseguir o ouro.

Entre as estruturas identificadas figura un canal principal de alimentación de máis de 4,80 metros de ancho e aproximadamente 1,40 metros de altura. A rede permitía conducir grandes cantidades de auga polo territorio mineiro e aproveitar a súa forza para erosionar e arrastrar os materiais.

O máis importante desta mina é que se ve como se obtiña o ouro“, resume Hervés.

A explotación baseábase nun sistema hidráulico no que a auga era conducida ata as zonas escavadas e descendía por diferentes cortes ou incisións practicadas no terreo. A forza da corrente permitía desprender e transportar sedimentos procedentes do interior da montaña.

Segundo a interpretación realizada durante a investigación, parte desa auga chegaba ao complexo a través dun canal de grandes dimensións e discorría por pendentes pronunciadas, nalgúns puntos superiores ao 30%, en dirección ao río de Brañas.

Os materiais arrastrados pola corrente acumulábanse posteriormente en zonas preparadas para a súa decantación e tratamento. Alí podía empregarse o bateo para separar as partículas de ouro do resto dos sedimentos.

A conservación destas estruturas é especialmente relevante porque os sistemas hidráulicos asociados á minería antiga adoitan resultar difíciles de identificar. Co paso dos séculos, moitos canais foron transformados, reutilizados para outros fins ou directamente borrados do territorio.

O que nos chamou a atención é que atopamos os canais“, sinala Hervés, quen explica que resulta máis habitual localizar superficies alteradas pola actividade extractiva que unha parte suficientemente visible das infraestruturas que permitían levar a cabo o proceso.

O novo xacemento da Pastoriza engádese ao amplo conxunto de evidencias relacionadas coa explotación dos recursos minerais durante o período romano no noroeste peninsular.

O ouro constituía un recurso de interese para a administración romana e estaba destinado, entre outros usos, á fabricación de moeda e diferentes obxectos. A explotación destes xacementos estaba sometida ao control do poder imperial.

Hervés lembra que, pola súa condición de recurso do Estado, existía unha intervención administrativa sobre a súa extracción e fiscalización. “Ao ser do Estado, hai un encargo do propio emperador de fiscalizar iso”, sinala o arqueólogo.

A presenza dun sistema mineiro destas dimensións permite analizar tamén a transformación dunha parte da paisaxe provocada pola extracción. As explotacións auríferas romanas podían estenderse por superficies moi amplas, modificando montes, cursos de auga e zonas completas do territorio.

No caso de Campo do Oso, a superficie calculada supera xa as 117 hectáreas, aínda que as características destas explotacións fan que os seus límites poidan resultar difíciles de delimitar con precisión.

Unha chamada a elaborar un censo da minería aurífera galega

O descubrimento levou tamén a Hervés a reclamar unha investigación máis sistemática sobre a minería romana en Galicia.

O arqueólogo considera necesario elaborar un inventario ou censo rigoroso das antigas explotacións auríferas, tanto para coñecer a súa extensión real como para estudar o papel que desempeñaron na ocupación e transformación do territorio durante o proceso de romanización.

Este tipo de actividades mineiras abarcan parroquias enteiras e é imposible protexelas“, admite. Ante esa dificultade, propón como primeiro paso identificar e catalogar os diferentes complexos coñecidos.

A súa documentación permitiría establecer comparacións entre explotacións, analizar os sistemas hidráulicos utilizados e coñecer con maior precisión a incidencia económica e territorial da minería romana no actual territorio galego.

Hervés considera que a atención pública e científica sobre este tipo de actividade continúa concentrándose en grandes complexos situados fóra de Galicia.

Sempre nos imos fixar nas Médulas e pouca cousa máis, cando temos moitas explotacións mineiras en Galicia“, afirma.

A catalogación tamén podería servir, ao seu xuízo, para evitar perdas ocasionadas por obras ou transformacións posteriores do territorio. O arqueólogo advirte de que moitas destas explotacións non resultan evidentes a simple vista e poden confundirse con modificacións naturais ou intervencións máis recentes.

As empresas non son conscientes das minas da época romana e é moi fácil destruílas“, sinala. Como exemplo da necesidade de ter en conta estes restos en grandes infraestruturas menciona os traballos relacionados coa autovía A-8.

Un posible recurso divulgativo para A Pastoriza

Ademais da dimensión científica, os responsables da investigación sinalan as posibilidades do xacemento para explicar ao público como funcionaba unha explotación aurífera na antigüidade.

Hervés considera que Campo do Oso podería incorporarse aos recursos culturais da comarca mediante actuacións que non necesariamente requirisen grandes intervencións sobre o xacemento. Entre as propostas menciona a instalación de paneis explicativos que permitan interpretar as estruturas conservadas.

O arqueólogo apunta tamén á organización de visitas e excursións escolares para achegar ao alumnado a transformación do territorio durante a presenza romana e explicar sobre o terreo as técnicas utilizadas para conseguir ouro.

A proximidade doutros elementos patrimoniais e culturais podería facilitar esa incorporación a itinerarios máis amplos. Hervés menciona como referencia o castro de Viladonga, convertido desde hai décadas nun dos principais espazos de divulgación arqueolóxica desta área de Lugo, e lembra tamén a celebración dunha rapa das bestas nas proximidades de Campo do Oso.

Na súa opinión, o interese do xacemento reside precisamente na posibilidade de combinar as dúas vertentes. Por unha banda, ofrece datos para investigar a organización e a tecnoloxía da minería romana. Pola outra, permite explicar dun xeito visible un proceso que habitualmente resulta difícil de interpretar sobre o territorio.

Pode que che interese...