Novas tumbas, cerámica medieval e unha moeda do século XVI amplían a historia do castro de Cereixa
O castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón, continúa ampliando o seu rexistro arqueolóxico dez anos despois do inicio do proxecto de investigación. A campaña desenvolvida este mes de agosto permitiu localizar polo menos catro novas sepulturas e outra posible tumba aínda pendente de confirmación, uns achados que elevan por riba das 80 estruturas funerarias o número de enterramentos identificados na necrópole medieval.
Ata esta intervención coñecíanse 79 sepulturas, documentadas desde que o cemiterio saíu á luz en agosto de 2017. Os resultados da décima campaña confirman que a área funeraria ocupa unha superficie maior da coñecida ata o momento e permiten avanzar na delimitación dun espazo que reutilizou, séculos despois da súa primeira ocupación, o recinto dun antigo asentamento castrexo.
A campaña comezou o pasado 3 de agosto e rematou a mediados de mes baixo a dirección da arqueóloga Claudia González Villadóniga. Unha das prioridades do equipo era coñecer ata onde se prolongaba a necrópole cara ao leste. Para iso abriuse un sondeo duns 25 metros de lonxitude, no que se detectaron dúas das novas tumbas.
Outras tres posibles sepulturas apareceron noutro sector do xacemento. O seu estado impediu unha intervención máis profunda sobre elas durante estes traballos. “Non as destapamos porque están en mal estado de conservación, pero si que documentamos a súa presenza”, explica González.
Máis información en La Voz de Galicia

