Así eran as casas dos mariñeiros coas que o franquismo quixo controlar a vida nos portos galegos
As vivendas sociais construídas para mariñeiros durante o franquismo son o punto de partida dunha historia moito máis ampla sobre as comunidades do mar en Galicia. Detrás daqueles grupos de casas levantados en diferentes localidades costeiras había familias que arrastraban décadas de precariedade habitacional, pero tamén un colectivo cunha intensa tradición sindical, unhas formas propias de organización e unha cultura laboral e comunitaria que a ditadura tratou de reorganizar baixo os seus principios políticos, sociais e morais.
Esa é unha das principais liñas que percorren Daniel Lanero Táboas e Xurxo Antelo Alvite na obra Más vale fortuna en tierra que bonanza en la mar. Franquismo y vivienda social para pescadores en Galicia. A investigación naceu inicialmente arredor dunha cuestión concreta: por que o réxime franquista construíu vivendas específicas para determinados colectivos profesionais, entre eles os mariñeiros e os mineiros. A medida que avanzaron nas fontes, porén, as casas acabaron abrindo unha xanela sobre practicamente todos os ámbitos da vida nas comunidades pesqueiras.
“O centro do libro é a vivenda social para mariñeiros, pero despois iso foi levando a outros temas“, explica Lanero. O traballo acabou achegándose ao mercado laboral, ás políticas sociais, ás formas de ocio ou ás prácticas culturais que rodeaban os portos. Para Antelo, estudar aquelas vivendas levou inevitablemente a “estudar a vida dese colectivo”, nun ámbito no que a historia social conta aínda con menos investigación que a económica ou a centrada na evolución tecnolóxica da pesca.
As políticas de vivenda franquistas non apareceron nun escenario de boas condicións habitacionais. Segundo explica Lanero, durante as primeiras décadas do século XX era habitual atopar nos portos galegos vivendas marcadas pola precariedade, a humidade e os problemas de salubridade. Nalgunhas casas convivían as persoas cos útiles relacionados directamente coa actividade pesqueira, dende remos ata outros aparellos empregados nas embarcacións.
A falta de ventilación sumábase ao amoreamento das familias. Non sempre existían habitacións diferenciadas para os matrimonios, os fillos ou as fillas, unha realidade sobre a que xa chamaban a atención antes da ditadura distintos expertos e institucións vinculados ao denominado discurso hixienista. Pero aquela preocupación non se limitaba ás condicións físicas das casas. Desde finais do século XIX e, especialmente, durante o primeiro terzo do XX, determinados sectores pretendían tamén tutelar os comportamentos das familias mariñeiras: como debía organizarse unha vivenda, que prácticas de ocio resultaban aceptables ou de que maneira debían administrarse os salarios.
Entre os problemas que os discursos da época identificaban con frecuencia estaba o consumo de alcohol e a presenza dos mariñeiros nas tabernas ao regresar ao porto. Esa visión, explica Lanero, non desapareceu coa chegada do franquismo, senón que foi integrada nunha política máis ampla de intervención sobre o sector.
Un colectivo cunha forte tradición sindical
A política habitacional franquista tampouco pode entenderse sen observar o que acontecera previamente coas organizacións dos traballadores do mar. Segundo Antelo, os mariñeiros constituían antes do golpe de 1936 un colectivo cun elevado grao de sindicación e organización política, circunstancia que os golpistas asociaron coa desafectación ao novo réxime. Na Coruña, por exemplo, Antelo sinala a importante presenza que tiña a CNT entre os mariñeiros antes da ditadura. A represión significou a persecución de persoas vinculadas a esas organizacións, pero tamén a destrución das estruturas asociativas existentes.
É precisamente despois desa ruptura cando os investigadores sitúan unha segunda fase. Tras desarticular boa parte do tecido organizativo precedente, o franquismo tratou de crear novas formas de relación coas comunidades mariñeiras e conseguir apoios sociais entre elas. “As políticas sociais da ditadura estaban destinadas a intentar lexitimarse, crear unha serie de consensos”, explica Antelo. Dentro desa estratexia, a vivenda social converteuse nunha das ferramentas empregadas polo réxime.

Arquivo – Franco percorre o barrio dos Mariñeiros na Coruña durante a inauguración das vivendas / Fundación Francisco Franco
A casa ofrecía unha resposta a unha necesidade material evidente, pero ao mesmo tempo introducía as familias nun novo sistema institucional. Non se trataba exclusivamente de construír paredes e tellados, senón de intervir sobre boa parte das condicións nas que se desenvolvía a súa vida.
O franquismo despregou arredor dos traballadores do mar unha serie de políticas que abarcaban seguros sociais, créditos para embarcacións e motores, formación náutica ou espazos de encontro e ocio. Entre estes últimos estaban as denominadas casas do pescador. Para Lanero, aqueles centros cumprían unha dobre función: eran lugares destinados ao ocio, pero tamén “centros de control social”. Nesa lóxica, o réxime pretendía substituír determinados espazos tradicionais de sociabilidade, como a taberna, por outros nos que as actividades e os comportamentos estivesen máis regulamentados.
Existía, segundo o historiador, o desexo de “substituír a taberna por un espazo de ocio pautado, de comportamentos pautados e tamén de doutrinamento político”. A actuación estatal transcendía así o ámbito profesional do mariñeiro e alcanzaba o seu contorno familiar e comunitario. A propia distribución dos novos barrios podía contribuír a esta finalidade. Antelo explica que algúns dos poboados para mariñeiros estaban concibidos para concentrar a vida dentro do propio grupo de vivendas. Ademais, podía existir unha persoa encargada da súa administración, habitualmente vinculada ás estruturas do réxime, que exercía tamén unha función de supervisión sobre os residentes.
Para os autores, nesta política converxían varias motivacións. Por unha banda estaba a necesidade de resolver, cando menos parcialmente, un problema real de vivenda; por outra, a intención de construír apoio social para a ditadura. A iso sumábase unha concepción moral da familia asentada no catolicismo tradicional e unha finalidade máis directamente relacionada co control político e social.
Ese intento de ordenar a vida das comunidades pesqueiras non sempre encaixaba coa realidade social que existía nos portos. Un dos exemplos que destaca Antelo é o papel das mulleres nas economías familiares mariñeiras. A ideoloxía franquista defendía un modelo no que o home debía concentrarse no traballo remunerado mentres a muller quedaba ligada fundamentalmente ao ámbito doméstico. Porén, nas comunidades mariñeiras esa separación chocaba coa estrutura económica real das familias.
“As mulleres seguían formando parte do traballo”, explica Antelo. A actividade feminina resultaba necesaria en diferentes fases da economía vinculada ao mar e aquela realidade limitaba a capacidade do réxime para trasladar sen máis o seu modelo familiar ás comunidades pesqueiras.
Algo semellante ocorreu coas propias formas de asociación profesional. O franquismo recuperou durante os primeiros anos da década de 1940 as confrarías de pescadores, pero fíxoo integrándoas na arquitectura institucional e ideolóxica da ditadura.
Lanero pon como exemplo os propios nomes relixiosos adoptados por moitas destas confrarías, con referencias á Virxe do Carme, San Pedro ou outros referentes católicos. Para o investigador, esta transformación representa outro intento de “encauzar culturalmente” un colectivo que antes da Guerra Civil contara con organizacións sindicais propias. O contraste é significativo: fronte á organización autónoma dun sindicato anarquista ou doutra entidade obreira, o franquismo favorecía unha confraría sometida ao control político e integrada no novo marco corporativo e relixioso.
Casas presentadas como símbolo da acción social do réxime
Para reconstruír esta historia, Lanero e Antelo recorreron fundamentalmente a tres grandes tipos de fontes: documentación de arquivo, prensa da época e entrevistas orais. Entre os fondos consultados figuran o Arquivo do Reino de Galicia e diferentes arquivos municipais. A prensa permitiulles, ademais de establecer a cronoloxía de determinados grupos de vivendas, observar con detalle como o franquismo presentaba publicamente estas actuacións.
As inauguracións convertíanse en actos cargados de simbolismo. Os xornais recollían a colocación das primeiras pedras, as visitas das autoridades ou a entrega das chaves aos novos propietarios. Nalgún caso, lembra Antelo, a inauguración incluía mesmo unha sardiñada, integrada no ritual público arredor das novas casas. Aquela cobertura formaba parte, segundo os investigadores, do dispositivo propagandístico do réxime. As fotografías das autoridades entregando unhas chaves ou unha escritura permitían presentar a vivenda como unha concesión directa do Estado ás familias necesitadas. Lanero lembra esa iconografía recorrente: o gobernador civil, o alcalde ou outros responsables entregando persoalmente as chaves. Detrás había unha narrativa que transmitía a idea de que o réxime estaba proporcionando unha solución a quen realmente precisaba unha vivenda.
As entrevistas realizadas décadas despois permiten, porén, observar unha realidade máis complexa que a difundida pola prensa franquista. Un dos contrastes máis claros aparece precisamente ao falar da calidade das construcións. Mentres os xornais podían salientar as características das novas casas, as fontes orais recollen críticas sobre as condicións reais dalgunhas vivendas. A comparación entre ambos os relatos permitiu aos investigadores estudar non só os edificios, senón tamén a distancia existente entre a propaganda institucional e a experiencia daqueles que acabaron residindo neles.
Ademais, a adxudicación das casas non sempre respondía á imaxe dunha política dirixida exclusivamente aos máis necesitados. Segundo Lanero, “en moitos casos non foi así” e chegaron a producirse prácticas de especulación arredor dalgunhas vivendas. Ese tipo de información resulta especialmente difícil de recuperar unicamente a través da documentación administrativa. Por iso, a fonte oral desempeña un papel central nun estudo que tenta reconstruír como recibiron realmente aquelas políticas as familias afectadas, máis alá da versión oficial.

Soportais no Porto do Muros / Obra pictórica de Carlos Sobrino
Unha historia social da pesca aínda por escribir
O libro chega tamén a un terreo no que, segundo ambos historiadores, quedan numerosas preguntas abertas. A pesca galega conta cunha importante tradición de estudos sobre economía, evolución das frotas ou cambios tecnolóxicos, pero a dimensión social das comunidades do mar está menos desenvolvida.
Lanero cita como exemplo as grandes transformacións provocadas polo paso da pesca de baixura á pesca de altura e gran altura durante as décadas de 1950, 1960 e 1970, así como os cambios posteriores relacionados coa incorporación de España á Comunidade Económica Europea. Eses procesos foron estudados principalmente desde perspectivas económicas ou político-institucionais. Falta, segundo sostén, coñecer con maior detalle como esas transformacións modificaron as familias, as relacións laborais, os barrios, a organización colectiva e as formas de vida.
Tampouco existe aínda unha reconstrución suficientemente completa da evolución política e sindical das comunidades mariñeiras entre o final do franquismo, a Transición e os anos oitenta. Antelo destaca que é posible identificar un antes, marcado por unha importante sindicación previa ao golpe, e observar posteriormente actitudes de protesta, desafecto, aceptación ou apoio cara á ditadura, pero falta coñecer mellor a continuidade entre aqueles mundos.

