Do cáliz medieval ao escudo de Galicia: unha viaxe por sete séculos de manuscritos europeos
A representación de Galicia mediante un cáliz non naceu dun único deseño nin permaneceu inalterada ao longo do tempo. A súa configuración foi resultado dun proceso de séculos no que interviñeron armoriais, manuscritos, romances cabaleirescos, cerimonias cortesás e tradicións heráldicas de diferentes puntos de Europa. Esa foi unha das ideas centrais expostas polo investigador, escritor e ilustrador Héitor Picallo no relatorio ‘O Graal e o escudo do Reino da Galicia’, dentro das xornadas de Compostela Hsitórica.
Picallo, autor de obras como O escudo do Reino da Galiza: unha (re)visión (inter)nacional ou Urraca: Totius Gallecie imperatrix, propuxo un percorrido pola presenza de Galicia na cultura medieval europea que levou o público desde os primeiros armoriais do século XIII ata representacións xa consolidadas na Idade Moderna. A súa exposición non se limitou á evolución formal dun emblema. O investigador relacionou a heráldica galega coa literatura artúrica e cabaleiresca, cos relatos sobre reinos remotos e lendarios, coas cortes francesas e borgoñoas e coa circulación de manuscritos entre territorios europeos.
Unha das primeiras cuestións abordadas por Picallo foi unha explicación recorrente sobre a aparición do cáliz como símbolo galego: a posible semellanza fonética entre Galicia ou Galiz e cáliz en determinadas tradicións lingüísticas europeas. O investigador cuestionou que esta asociación poida explicarse simplemente mediante ese xogo fonético. Para facelo, recorreu a textos medievais redactados en diferentes variedades lingüísticas do norte de Francia e territorios próximos, onde aparecen formas empregadas para designar Galicia que, segundo expuxo, non permiten establecer de maneira directa esa suposta equivalencia entre o nome do territorio e o vaso litúrxico.
A cuestión leva a Picallo a formular unha lectura máis ampla: para coñecer como acabou asentándose o cáliz como símbolo galego é necesario estudar a cultura heráldica europea na que Galicia estaba inserida, en lugar de buscar unha única explicación etimolóxica. Nese contexto aparecen manuscritos nos que Galicia figura xunto con outros territorios europeos, así como referencias literarias que distinguen explicitamente entre Galicia, Compostela e España.
Picallo explicou ademais que Galicia aparece en diferentes relatos europeos relacionados directa ou indirectamente co ciclo artúrico. Entre eles existen historias nas que Compostela e a Terra de Santiago se converten en escenarios de aventuras de cabaleiros, guerras contra inimigos musulmáns ou recuperacións de reinos.
Un dos exemplos empregados polo investigador foi unha tradición vinculada a Tristán, na que diferentes personaxes emprenden unha expedición que os conduce por territorios peninsulares ata chegar a Galicia e Compostela. O interese destes relatos non radicaría só no seu carácter fantástico, senón tamén no feito de demostrar que Galicia estaba integrada no mapa mental dos autores e lectores da literatura cabaleiresca europea.
Para Picallo, esta dimensión literaria resulta fundamental para entender tamén determinados símbolos heráldicos. Os autores medievais precisaban atribuír armas aos reis e cabaleiros, mesmo cando estes pertencían a mundos lendarios ou a épocas anteriores á aparición da propia heráldica.
Deste xeito, reis da India, soberanos bíblicos, personaxes clásicos e monarcas ficticios aparecen nos códices medievais portando escudos creados séculos despois do tempo no que supostamente viviran.
É dentro dese universo visual onde o investigador sitúa tamén parte da evolución da imaxe de Galicia.
1272, unha das primeiras referencias fundamentais
Entre as datas destacadas por Picallo figura 1272, momento no que sitúa unha das primeiras representacións propiamente heráldicas asociadas ao Reino de Galicia. Segundo explicou durante o relatorio, “a primeira forma heráldica, propiamente galega, data do ano 1272”. A imaxe aparece dentro dun códice no que os distintos territorios son identificados mediante armas propias. Galicia figura así dentro dunha serie de reinos representados mediante escudos, seguindo unha práctica habitual nos armoriais europeos. Outro manuscrito do século XIII mencionado na exposición, producido no ámbito lingüístico picardo, describe para Galicia un vaso dourado sobre campo azul, inicialmente cuberto cunha tapa.
Estes documentos sitúan a representación heráldica galega nun espazo moi concreto: o norte da actual Francia e territorios próximos, unha das grandes áreas de desenvolvemento da cultura cabaleiresca e heráldica europea. A partir de aí, explicou Picallo, as representacións multiplicáronse.
Un vaso que foi mudando durante séculos
O símbolo tampouco permaneceu idéntico, pois nos primeiros exemplos aparece fundamentalmente un recipiente ou cáliz, en ocasións tapado. Durante os séculos seguintes, os manuscritos introducen variacións que acabarían por aproximar paulatinamente o emblema á imaxe máis recoñecible do escudo galego. No século XV, segundo o percorrido presentado por Picallo, comezan a aparecer elementos claramente cristiáns asociados ao vaso. Entre eles destaca a cruz, situada sobre o cáliz ou integrada na composición. Este cambio resulta especialmente significativo porque transforma a lectura do emblema. O recipiente deixa de funcionar unicamente como unha figura heráldica para adquirir unha interpretación cada vez máis directamente vinculada coa Eucaristía. Ao mesmo tempo, diferentes códices presentan modificacións na forma do recipiente, nas cores, na tapa ou nos elementos que o acompañan. Picallo mostrou exemplos conservados actualmente en institucións de diferentes países europeos. O conxunto permitiría reconstruír unha auténtica cartografía internacional do escudo galego, con testemuños localizados desde Francia e Inglaterra ata territorios xermánicos, Flandres e outros puntos de Europa.
O rei Pontus de Galicia, un éxito literario medieval
Un dos capítulos aos que Picallo dedicou maior atención foi o do rei Pontus, protagonista dun romance cabaleiresco que gozou dunha notable difusión nos séculos XV e XVI. A historia presenta a Pontus como rei de Galicia e relata as súas aventuras, enfrontamentos e relacións con outros territorios europeos. O texto circulou en numerosos manuscritos e edicións, con versións en varias linguas.
A importancia deste personaxe para o estudo de Picallo está tamén nas súas representacións visuais. Os manuscritos ilustrados necesitaban proporcionar ao rei de Galicia unhas armas identificativas, o que xerou novas propostas heráldicas relacionadas co territorio galego. O investigador detívose especialmente nos traballos promovidos arredor da corte de René de Anjou, un dos grandes mecenas da cultura cabaleiresca do século XV. Nese ambiente producíronse manuscritos e tratados relacionados con torneos, cabaleiros e personaxes lendarios nos que tamén aparece o rei Pontus.
Picallo considera que este ámbito cultural puido desempeñar un papel relevante na difusión e transformación do emblema galego, especialmente na incorporación dalgúns dos elementos que acabarían conformando o escudo posterior.
As cruces gañan espazo
Un dos cambios máis visibles prodúcese cando o cáliz comeza a aparecer acompañado por cruces distribuídas arredor del. A finais da Idade Media e durante os primeiros momentos da Idade Moderna existen xa composicións nas que o campo do escudo aparece sementado con cruces. O número e a disposición destes elementos aínda non eran completamente estables.
É dicir, o coñecido escudo cun cáliz e sete cruces non apareceu de maneira inmediata coa súa configuración actual. Durante un longo período circularon versións diferentes, con máis ou menos cruces, distintos tratamentos do cáliz e combinacións cromáticas variables. Esta diversidade documental é precisamente unha das claves da investigación de Picallo: o escudo galego non debe interpretarse como unha creación puntual, senón como o resultado dunha evolución iconográfica internacional.
O investigador tamén prestou atención a outro ámbito no que os símbolos territoriais adquirían especial importancia: as cerimonias funerarias e cortesás. Nos funerais dos monarcas, os diferentes territorios vinculados á Coroa podían aparecer representados mediante cabalos, estandartes, heraldos ou escudos. Picallo expuxo exemplos de cerimonias nas que Galicia figura individualizada entre os diferentes reinos, acompañada polas súas propias armas.
Estas prácticas contribuíron á consolidación do símbolo, ao tempo que amosan a función política da heráldica. Os escudos non eran unicamente elementos decorativos: permitían visualizar os territorios que integraban as monarquías compostas europeas. O mesmo fenómeno pode observarse en programas iconográficos posteriores ligados á monarquía dos Habsburgo.
A expansión desta iconografía durante a Idade Moderna deixou exemplos moi afastados do territorio galego. Picallo mostrou durante a súa intervención escudos conservados en edificios, manuscritos, tapices, armoriais e programas decorativos europeos, especialmente nos antigos territorios dos Países Baixos. Entre eles existen representacións relacionadas coa monarquía de Carlos V, onde Galicia aparece xunto con outros reinos e dominios da Coroa. O investigador chamou tamén a atención sobre exemplos monumentais conservados en Bélxica e noutros territorios europeos. Neles pódese observar xa unha composición máis próxima ao escudo que acabaría consolidándose: un cáliz acompañado por cruces sobre un campo azul.
Estas pezas forman parte dunha dispersión xeográfica moito máis ampla. Durante o relatorio, Picallo trazou un percorrido que pasou por Francia, Inglaterra, Escocia, Flandres, territorios xermánicos, Europa central e oriental e a propia Península Ibérica.
Un símbolo europeo antes de consolidarse en Galicia
A documentación presentada leva a unha aparente paradoxa: algunhas das representacións máis antigas e significativas do escudo galego non se conservan en Galicia, senón en arquivos, bibliotecas e monumentos doutros países europeos. Isto explícase pola propia natureza da heráldica medieval. Os grandes armoriais pretendían catalogar os reinos coñecidos polos seus autores e asignarlles unha identidade visual. Galicia podía aparecer así nun manuscrito francés, inglés ou flamengo mesmo cando o códice nunca pasara polo territorio galego. Esa circulación internacional é unha das principais liñas de investigación desenvolvidas por Picallo nos últimos anos.
O autor defende, deste xeito, que a historia do escudo de Galicia só pode comprenderse plenamente dentro dunha perspectiva europea, seguindo os intercambios culturais entre cortes, heraldos, miniaturistas, escritores e compiladores de armoriais.

