O reino soberano de Galicia (X-XIII): catro séculos de relación con León
Unha nova investigación propón revisar a maneira de entender a evolución política do reino medieval de Galicia entre os séculos X e XIII. Fronte á idea dunha integración temperá e estable nun único reino leonés, o historiador da Universidade de Santiago de Compostela Xosé M. Sánchez Sánchez defende que a relación entre Galicia e as restantes monarquías do noroeste peninsular foi cambiante, con etapas de monarcas propios, unións entre coroas e unha progresiva subordinación a unha estrutura de centro leonés.
A proposta aparece no artigo ‘El reino de Galicia y la articulación de las monarquías occidentales del norte peninsular (siglos X–XIII). Nuevas propuestas de enfoque’, publicado en 2026 na revista En la España Medieval. Sánchez analiza as fontes atendendo especialmente ao exercicio efectivo do poder: quen gobernaba, con que título, sobre que territorio e con que capacidade política. O resultado debuxa unha primeira etapa de forte variabilidade ata Afonso VII e unha segunda na que Galicia queda integrada de maneira máis estable nunha monarquía articulada arredor de León.
Do recordo do reino suevo a unha nova realidade rexia
O estudo sitúa os antecedentes na memoria do reino suevo, incorporado ao reino visigodo no ano 586. Sánchez non defende unha continuidade institucional directa durante os séculos seguintes, pero si sinala que Galicia conservou unha singularidade territorial e unha memoria política propia. As crónicas elaboradas no tempo de Afonso III recuperaban expresamente o antigo reino dos suevos e mesmo presentaban Galicia como un territorio susceptible de ser gobernado por un rei diferenciado.
O punto de inflexión chega no 910, coa sucesión de Afonso III. A documentación permite observar un reparto do poder no que Ordoño exerce como rei en Galicia mentres o seu irmán García goberna León. Diplomas dos anos 911 e 912 presentan a Ordoño e Elvira Menéndez como rei e raíña vinculados á provincia Gallecie, ao tempo que García aparece rexendo o reino leonés. Para Sánchez, trátase de dous espazos políticos nos que se exercían simultaneamente capacidades rexias diferenciadas.
A situación volveu cambiar en 914 coa morte de García. Ordoño asumiu tamén León, pero a reunión de ambas coroas baixo a mesma persoa non supuxo a desaparición automática de Galicia como reino. Documentos posteriores comezaron a contar o reinado leonés de Ordoño precisamente desde ese ano, deixando fóra os seus catro anos anteriores de actividade en Galicia. Para o investigador, esa distinción mostra que ambas titularidades seguían sendo concibidas de maneira diferenciada.
A separación reapareceu pouco despois. En 926, Sancho Ordóñez foi coroado e unxido en Santiago de Compostela como rei, mentres o seu irmán Afonso IV ocupaba o trono leonés. A documentación presenta a ambos como rex e atribúe a Sancho capacidade para exercer autoridade política sobre Galicia. Un texto posterior da súa irmá Ximena distingue mesmo entre Galicia e unha “terra de fóra”, mentres outro diploma chama a Sancho príncipe de toda Galicia.
Tras a súa morte, o peso de León comezou a medrar, especialmente durante o reinado de Ramiro II, pero esa tendencia tampouco foi irreversible. No ano 982, os condes galegos enfrontados a Ramiro III elevaron a Bermudo como rei en Compostela. A Crónica de Sampiro relata como Ramiro se desprazou “de León a Galicia” para combater contra el. Sánchez interpreta o episodio como unha nova constatación da capacidade política do reino galego: durante aqueles anos existiron outra vez dous reis sobre dous espazos rexios diferentes.
Coa morte de Ramiro III en 985, Bermudo accedeu tamén ao reino leonés. A partir dese momento os documentos preséntano gobernando “en León e en Galicia”, reunindo novamente ambas coroas baixo unha mesma persoa.
Dun conxunto de reinos á centralidade de León
Durante o século XI, Sánchez observa unha progresiva transformación. Con Afonso V, Galicia continúa aparecendo como comunidade política diferenciada, pero integrada nun conxunto máis cohesionado. Un documento de Celanova de 1007 relata como representantes de Castela, Galicia e Asturias participaron na elevación do monarca na sede leonesa, exemplo para o autor dunha estrutura común na que os territorios conservaban aínda personalidade propia.
A centralidade leonesa intensificouse con Bermudo III e Fernando I, aínda que a documentación seguía diferenciando León, Castela e Galicia nos dominios rexios. Esa realidade quedou especialmente clara á morte de Fernando I en 1065, cando os seus territorios volveron repartirse entre os fillos: Sancho recibiu Castela, Afonso León e García Galicia.
Sánchez considera que durante ese período existiron tres coroas autónomas e en situación comparable. Diplomas producidos mesmo fóra de Galicia mencionan expresamente a García gobernando Galicia, xunto a Sancho en Castela e Afonso en León. Para o investigador, a procedencia exterior destas referencias reforza a idea de que a consideración de Galicia como reino non era simplemente unha autodenominación das elites galegas.
A situación cambiou coa reunificación protagonizada por Afonso VI a partir de 1072. Nun primeiro momento, as fontes aínda o presentan como titular diferenciado de León, Castela e Galicia. Crónicas posteriores lembran que asumiu os “reinos” dos seus irmáns ou que reuniu baixo si as tres coroas.
Porén, o seu reinado representa para Sánchez un paso decisivo cara á homoxeneización. En 1076 xa aparece unha referencia ao conxunto dos seus dominios como un único reino do monarca, mentres o desenvolvemento das relacións feudais permitiu reforzar a autoridade rexia sobre os distintos territorios.
Galicia quedou posteriormente baixo a tenza do conde Raimundo de Borgoña, esposo de Urraca. A documentación mantén, con todo, referencias que distinguen o reino galego e a autoridade exercida sobre el. Raimundo aparece en 1095 como señor de toda Galicia e outros diplomas sitúano gobernando o territorio mentres Afonso VI reina noutras partes da monarquía.
A crise aberta tras a morte de Afonso VI volveu converter Galicia nun espazo decisivo. Segundo a Historia Compostelana, o monarca previra que o seu neto Afonso Raimúndez recibise Galicia en determinadas circunstancias. Despois do matrimonio da súa nai, Urraca, con Afonso de Aragón, Diego Xelmírez e unha parte da aristocracia galega promoveron os dereitos do infante.
O proceso culminou en 1111 coa coroación de Afonso Raimúndez en Santiago de Compostela. Para Sánchez, aquela cerimonia constitúe outro exemplo do exercicio da vontade política do reino galego. Con todo, o proxecto non se limitaba necesariamente a crear unha monarquía separada: os partidarios do novo rei pretendían tamén levalo a León e estender a súa autoridade sobre un territorio máis amplo.
Ese episodio marca practicamente o final da etapa de maior variabilidade. Coa morte de Urraca en 1126 e o ascenso de Afonso VII, Galicia segue sendo un reino recoñecido nas fontes, pero a súa posición dentro da monarquía comeza a ser claramente desigual.
Fernando II e Afonso IX: reis de León e Galicia
Durante o reinado de Afonso VII, o seu fillo Fernando aparece xa asociado á coroa galega. En documentos de 1155 figura como rei de Galicia, mentres o seu irmán Sancho aparece como rei de Castela. Á morte do emperador en 1157, Fernando II pasou a reinar sobre León e Galicia. A propia Crónica latina relaciona a división dos dominios coa presión do conde galego Fernando Pérez de Traba.
Porén, o estudo da documentación mostra que Fernando II exercía habitualmente o poder en Galicia como rei de León. Mesmo cando os textos indicaban que reinaba nos dous territorios, os actos xurídicos eran frecuentemente emitidos baixo titulación leonesa. Sánchez identifica aquí unha relación de “unión accesoria”, na que Galicia conserva condición rexia pero León ocupa unha posición predominante.
Con Afonso IX, entre 1188 e 1230, Galicia recupera maior presenza na titulación. O rei utiliza con frecuencia a fórmula “rei de León e Galicia”, tamén en documentos legais como as Cortes de León de 1188 e 1208. O Tratado de Cabreros de 1206 preséntao igualmente como “rei de León e de Galicia”.
As fontes continuaban diferenciando ademais as comunidades políticas. Cando Afonso IX recibiu a cabalaría en Carrión en 1188, a crónica distinguiu entre galegos, leoneses e casteláns presentes na cerimonia. Para Sánchez, o dato evidencia que a crecente xerarquización da monarquía non eliminara por completo a personalidade política do reino galego.
Galicia perde autonomía, pero non desaparece como reino
O proceso culminaría con Fernando III a partir de 1230. Nese momento, documentos pontificios e crónicas presentan Galicia cada vez máis integrada no marco político leonés. A súa capacidade normativa propia aparece xa fortemente debilitada, nunha estrutura que posteriormente reforzará tamén o peso castelán.
Pero unha das principais conclusións de Sánchez é que isto non equivale á desaparición do reino de Galicia. O territorio conserva a súa condición e personalidade durante a Idade Media, aínda que cunha autonomía política cada vez menor. O artigo lembra como probas posteriores a irmandade dos reinos de León e Galicia de 1282, a entrada do duque de Lancaster como rei de Galicia ou a proclamación de Fernando de Portugal.
Para explicar todo o proceso, o investigador emprega tres conceptos das chamadas monarquías compostas: a ‘unión persoal’, cando varios reinos comparten monarca pero conservan estruturas diferenciadas; a unión ‘æque principaliter’, cando esas coroas se integran nun conxunto mantendo unha posición similar; e a ‘unión accesoria’, cando unha delas adquire preeminencia sobre as demais.
A súa proposta, polo tanto, evita tanto presentar Galicia como unha monarquía permanentemente independente como considerar que desapareceu politicamente desde o momento en que compartiu rei con León. A documentación permite identificar etapas diferentes, con reis propios como Ordoño, Sancho Ordóñez, Bermudo ou García; sucesivas reunións das coroas; e finalmente unha progresiva centralización leonesa.
O primeiro terzo do século XII marca, segundo Sánchez, o momento no que a posibilidade dun novo reino galego cun monarca exclusivo queda practicamente pechada, nunha evolución diferente á de Portugal. Galicia, porén, non deixa por iso de ser considerada reino. Desde Afonso VII a Fernando III perde capacidade política propia dentro dunha monarquía cada vez máis xerarquizada, pero mantén a súa personalidade territorial e xurídica.

