Serantes, baixo terra: tres corpos con signos de violencia abren a porta a reconstruír unha masacre de case 200 persoas
A terra do cemiterio de San Salvador de Serantes, en Ferrol, comezou a responder algunhas das preguntas que durante décadas permaneceron nos arquivos, nas casas das familias e na memoria dos veciños. As primeiras catas arqueolóxicas realizadas no camposanto permitiron localizar tres individuos a máis de metro e medio de profundidade, depositados nun espazo estreito, superpostos e nunha disposición que o equipo investigador considera incompatible cun enterramento funerario ordinario.
É a primeira constatación arqueolóxica dunha investigación que partía dunha abundante documentación histórica sobre o uso de Serantes como lugar de enterramento de persoas represaliadas tras o golpe de Estado de xullo de 1936. Os resultados iniciais non permiten aínda poñer nomes aos restos nin determinar cantas vítimas continúan conservadas baixo o cemiterio, pero si ofrecen unha primeira conexión material entre o que sinalaban os documentos, a memoria oral e o que permanece no subsolo case nove décadas despois.
A responsable do estudo histórico, Lucía Santiago, investigadora do grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, insiste nunha precisión fundamental: o traballo realizado ata agora é unha cata arqueolóxica de carácter diagnóstico, non unha exhumación completa.
O propósito desta primeira intervención era comprobar se os niveis relacionados cos enterramentos da represión seguían conservados, coñecer o seu estado e obter información suficiente antes de decidir os seguintes pasos.
“É unha cata de carácter diagnóstico propiamente dito”, explica Santiago, quen defende unha aproximación gradual á intervención: avanzar “dando os pasos en firme” e procurando coñecer o máximo posible antes de ampliar os traballos. Os primeiros resultados indican que baixo unha parte do cemiterio a fosa non desapareceu.
Tres individuos nunha foxa de apenas 50 centímetros
A cata permitiu localizar restos correspondentes a tres persoas, nun nivel situado a máis de 1,5 metros de profundidade.
Segundo a información facilitada polo equipo, apareceron restos superpostos, entre eles extremidades superiores colocadas unhas sobre outras, nunha foxa duns 50 centímetros de ancho. A disposición dos cadáveres non responde á organización habitual dun enterramento individual. O responsable do estudo antropolóxico, o profesor da USC Edgard Camarós, considera que a posición dos restos ofrece indicios claros sobre a natureza do espazo. “Puidemos determinar que se trata dun espazo de violencia extrema. Localizamos diversas víctimas superpstas unhas por riba das outras con evidencias de violencia extrema a través do tipo de posición”, explicou ao peche desta primeira fase de traballos.
A interpretación deberá ser completada agora mediante o estudo antropolóxico dos restos. Será esta análise a que permita determinar aspectos como o sexo biolóxico, a idade aproximada, posibles lesións ou traumatismos e outras características físicas que poidan ser cruzadas coa documentación histórica. Tamén se prevén estudos xenéticos cando as condicións dos restos e a existencia de familiares cos que realizar comparacións o permitan. O obxectivo final do proxecto é chegar, sempre que sexa posible, á identificación das vítimas e á devolución dos restos ás familias.
Unha zona que podería corresponder ás vítimas do 11 de outubro de 1936
A localización concreta da cata non foi escollida ao azar. A investigación documental e a memoria oral permitiran formular previamente a hipótese de que naquela zona do cemiterio podía conservarse unha parte dos enterramentos vinculados á represión. Segundo explicou Lucía Santiago, a documentación e a tradición oral relacionan este sector cun grupo de 18 persoas vítimas do 11 de outubro de 1936.
A aparición de tres individuos non implica, polo momento, que poidan ser identificados como integrantes dese grupo. Para chegar a unha conclusión deste tipo será necesario confrontar a información arqueolóxica, antropolóxica, documental e, cando sexa viable, xenética.
O que si permite comprobar a intervención é que o nivel funerario investigado continúa en profundidade e non foi completamente destruído polas transformacións posteriores do cemiterio. Esta cuestión era unha das principais incógnitas antes de comezar os traballos.
Un cemiterio transformado durante noventa anos
Serantes non é un espazo conxelado desde 1936. Durante case nove décadas continuou funcionando como cemiterio parroquial. Construíronse nichos, abríronse novas sepulturas, reutilizáronse terreos e producíronse movementos que alteraron profundamente a paisaxe funeraria existente no momento da represión.
Para os investigadores, esta transformación converte Serantes nun caso especialmente complexo. “É unha das fosas máis grandes de Galicia e unha fosa moi complicada”, resume a investigadora.
O problema non reside unicamente no elevado número de persoas relacionadas documentalmente co lugar. Tamén é necesario reconstruír onde se atopaban exactamente as diferentes zonas de enterramento irregular e determinar cales sobreviviron ás actuacións posteriores. A investigadora explica que o equipo utiliza a palabra fosa nun sentido amplo: non necesariamente como unha única gran gabia, senón como unha área do cemiterio empregada para enterramentos irregulares das vítimas da represión.
A configuración actual do camposanto non permite observar directamente aquel espazo. “Tiñamos a hipótese de que había zonas nas que podía corresponder parte da fosa, entendendo a fosa como a gran área de enterramento irregular das vítimas”, sinala. A primeira cata confirma que, polo menos nun dos puntos investigados, quedan restos conservados.
De 170 vítimas a un mínimo provisional de 199
A arqueoloxía avanza paralelamente a outra investigación que aínda permanece aberta: saber cantas persoas foron realmente enterradas en Serantes e quen eran. As primeiras referencias bibliográficas manexadas polo equipo situaban a cifra aproximadamente entre 170 e 175 vítimas. Posteriormente, o proxecto ‘Nomes e voces’ elevou a relación ata arredor de 189 persoas entre 1936 e 1939. Un novo baleirado de arquivos e o cruzamento de fontes permitiron alcanzar inicialmente as 197 vítimas anunciadas no comezo das catas.
Pero a cifra xa volveu cambiar: Lucía Santiago explica que a investigación histórica continúa aberta e que, cos últimos datos incorporados, o balance provisional se sitúa agora nun mínimo de 199 persoas. “Falamos dun mínimo sempre, porque a circunstancia pode cambiar”, advirte. Mesmo existen novos casos pendentes de contrastar documentalmente, polo que non se pode considerar pechada a relación definitiva. A aparición de novas vítimas responde, entre outras razóns, á incorporación de testemuños familiares e memoria oral, ademais da documentación procedente de arquivos militares, rexistros civís, fondos parroquiais e outras fontes. A chamada pública realizada durante a investigación provocou que familiares de persoas represaliadas contactasen co equipo. Nalgúns casos conservaban desde hai xeracións a información de que un avó ou outro antepasado fora levado a Serantes, aínda que o equipo non dispuxese previamente dunha proba documental suficientemente sólida. Eses novos nomes están sendo contrastados agora nos arquivos. Os datos recompilados por Santiago permiten observar tamén a evolución cronolóxica da represión vinculada ao cemiterio. O ano 1936 concentra, de momento, 141 vítimas documentadas.
Delas, segundo o balance provisional da investigadora, 114 persoas morreron sen unha execución formal de sentenza, categoría na que se inclúen vítimas dos chamados “paseos” e mortes derivadas da aplicación dos bandos de guerra.
Outras 27 persoas foron executadas tras unha sentenza. A violencia continuou nos anos seguintes e para 1937, a investigación documenta polo momento 35 vítimas: unha persoa asasinada mediante un “paseo” e outras 34 executadas tras unha sentenza, entre xaneiro e outubro. En 1938 constan outras 20 execucións con sentenza, mentres que en 1939 aparecen dúas máis.
Pero o marco cronolóxico non remata co final da Guerra Civil. O último enterramento irregular localizado ata agora na documentación corresponde a 1942 e a suma destas cifras —141 en 1936, 35 en 1937, 20 en 1938, dúas en 1939 e unha en 1942— sitúa actualmente o mínimo documentado en 199 persoas.
A investigación continúa, polo que o balance aínda pode aumentar ou experimentar modificacións a medida que se contrasten novas fontes.
Civís, militares, sindicalistas e cargos públicos
Detrás da cifra non existe un único perfil. “En realidade hai de todo”, explica Santiago. A listaxe inclúe civís, sindicalistas, representantes públicos e militares, ademais de integrantes de corpos armados que permaneceron vinculados á legalidade republicana.
Entre os casos estudados figuran, segundo a investigadora, militares e carabineiros, así como alcaldes e outras persoas con responsabilidades públicas. Un dos problemas aos que se enfronta a investigación é precisamente transformar unha longa relación de nomes nunha reconstrución das biografías individuais e das circunstancias que levaron cada persoa ata Serantes.
A documentación permite seguir mellor algúns casos ca outros. Nalgunhas execucións existe unha causa militar, unha sentenza ou un rexistro administrativo. Noutros asasinatos, especialmente nos chamados “paseos”, a pegada documental pode ser moito máis fragmentaria. Por iso a memoria oral adquiriu un papel relevante.
De San Felipe e o Arsenal ata Serantes
A investigación histórica tamén permite reconstruír, polo menos parcialmente, como chegaban os cadáveres ata o cemiterio. No caso das persoas condenadas mediante procedementos militares, Santiago sinala dous dos principais escenarios das execucións: o castelo de San Felipe e a Punta do Arsenal de Ferrol.
Era frecuente que as execucións se realizasen por grupos. Despois dos fusilamentos, os cadáveres eran trasladados en vehículos ata Serantes e depositados nas zonas destinadas a estes enterramentos. Pero non todas as vítimas percorreron ese itinerario. A memoria oral recollida polos investigadores mantén que, cando se trataba de grupos numerosos de persoas sometidas a “paseos”, algunhas execucións se realizaron directamente no propio entorno de Serantes.
Un dos episodios documentados corresponde ao 22 de setembro de 1936, cando 33 persoas aparecen relacionadas cun mesmo “paseo”. Segundo os testemuños transmitidos na zona, as vítimas eran levadas en vehículos ata o cemiterio e podían ser executadas contra un dos seus muros. É aquí onde documentación e tradición oral se complementan. Durante décadas, veciños da zona lembraron a presenza de impactos no antigo muro antes de que a construción posterior de nichos ocultase a superficie.
A memoria local tamén fala da aparición de proxectís e vainas no entorno do camposanto. Ese relato non substitúe a proba arqueolóxica, pero permite orientar preguntas que posteriormente poden ser contrastadas mediante a investigación material. Noventa anos modifican un cemiterio, pero tamén modifican a memoria.
Santiago evita falar simplemente de contradición entre os documentos e os testemuños familiares. O que observa é un proceso máis complexo: unha memoria transmitida durante varias xeracións que pode conservar datos fundamentais ao mesmo tempo que perde detalles concretos. Isto resulta especialmente evidente cando se pregunta pola localización exacta das fosas. “Podemos intuír como se distribuían, pero non sabemos o número ou extensión de zonas para este tipo de enterramentos”, explica. Hai ademais outro fenómeno que complica aínda máis o mapa funerario: as exhumacións realizadas polas propias familias décadas atrás.
A investigación histórica constatou que, a partir de finais da década de 1950, algunhas familias intentaron recuperar os cadáveres dos seus parentes. Fixérono sen contar cunha estrutura pública de investigación, identificación ou reparación comparable á actual. En certos casos, segundo Santiago, esas actuacións realizáronse de maneira discreta ou clandestina.
O resultado é que existen actualmente sepulturas que poden conter restos de varias vítimas trasladadas desde outros puntos do cemiterio. Sábese que esas exhumacións existiron. O que non sempre se conserva é a información necesaria para reconstruílas. “Sabemos que hai tumbas que acollen restos de vítimas, a modo de tumba común, que son o resultado desas exhumacións, pero a memoria non recorda onde foron exhumados”, explica. É dicir, unha familia puido recuperar restos que atribuía ao seu parente, trasladalos e enterralos novamente, pero décadas máis tarde pode terse perdido a información sobre o punto exacto do que procedían ou cantas persoas acabaron reunidas nunha mesma sepultura.
Esta circunstancia introduce numerosas incógnitas. Cantos corpos permanecen nas zonas orixinais? Cantos foron trasladados? Cantos individuos poden estar agrupados hoxe en enterramentos posteriores? E ata que punto será posible atribuír unha identidade concreta a cada conxunto de restos? Son preguntas que o proxecto deberá abordar de maneira progresiva.
Neste contexto, a importancia dos primeiros resultados das catas reside precisamente na constatación de que existe unha zona na que os enterramentos irregulares continúan conservados. Os tres individuos apareceron nunha foxa estreita, superpostos e a considerable profundidade. Para Antonio Míguez, decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC e investigador do CISPAC, o achado permite reforzar mediante evidencias materiais unha investigación que ata agora dependía en boa medida das fontes históricas.
“Hoxe estamos case seguros de que son arredor de 200 persoas asasinadas aquí”, explicou, antes de sinalar que a disposición dos cadáveres apunta a que “as persoas que o fixeron non enterraron dunha maneira normal, senón algo máis parecido a ocultalas”. A interpretación sobre as circunstancias concretas das mortes terá que apoiarse agora nos estudos antropolóxicos. Os restos poden conservar información sobre traumatismos, impactos ou outras lesións compatibles cunha morte violenta, pero esas conclusións requiren análise especializada.
O remate da cata non pecha o traballo. En realidade, abre unha nova fase, pois os restos localizados pasarán agora polo estudo antropolóxico, ao que se poderá sumar a análise xenética.
O equipo deberá cruzar diferentes fontes de información: idade e sexo estimados, lesións, posición do cadáver, lugar no que apareceu, data probable do enterramento, documentación histórica, datos sobre grupos executados nun determinado día e información facilitada polas familias. Cando exista material xenético viable e familiares adecuados para establecer unha comparación, o ADN poderá engadir unha proba máis.Precisamente por iso resulta tan relevante coñecer con detalle quen eran as persoas documentadas.
Un corpo atopado nun nivel concreto pode adquirir outro significado se os arquivos indican, por exemplo, que nese lugar foron enterrados varios individuos executados na mesma data. Arqueoloxía e historia funcionan así en ambas direccións: os documentos permiten orientar a escavación e a escavación permite comprobar ou corrixir o que din os documentos.
Lucía Santiago insiste en que tampouco o estudo histórico pode considerarse pechado. A identificación provisional de 199 vítimas continúa sendo unha cifra mínima. Quedan fontes por revisar, testemuños por contrastar e novos casos achegados por familiares que deberán ser investigados nos arquivos.
Esta é unha das razóns polas que a responsable histórica do proxecto reclama prudencia ao falar das persoas que “están” actualmente en Serantes. Unha cousa é determinar documentalmente que unha vítima foi inhumada no cemiterio e outra distinta poder afirmar que os seus restos continúan no punto orixinal case noventa anos máis tarde. Os cambios experimentados polo camposanto e as exhumacións familiares impiden facer automaticamente esa equivalencia. Precisamente a combinación de historia e arqueoloxía pretende determinar agora quen foi enterrado, onde, en que circunstancias e que queda daqueles enterramentos.
Un proxecto da Deputación, a USC e o Estado
A intervención forma parte do convenio promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, co financiamento do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. A achega estatal ascende a 150.000 euros e abrangue actuacións nas fosas de Serantes, Boisaca, en Santiago de Compostela, e Beira, no concello de Carral.
O equipo que traballa en Serantes ten carácter multidisciplinar e reúne historiadores, arqueólogos e especialistas en antropoloxía e análise forense. A directora xeral de Atención ás Vítimas, Zoraida Hijosa, confirmou a intención de manter a colaboración institucional para avanzar desde as catas ata a posible exhumación, identificación e entrega dos restos. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, situou a intervención dentro das políticas públicas de memoria democrática e incidiu na necesidade de ofrecer respostas ás familias.
A deputada provincial de Dereitos Civís, Sol Agra, destacou pola súa parte a disposición irregular dos restos localizados e cualificou o sucedido en Serantes como “case un xenocidio ideolóxico”, unha expresión coa que se referiu á magnitude e á orientación política da represión.
Será a investigación histórica, arqueolóxica e forense a que permita precisar a dimensión material do sucedido no cemiterio. A existencia de exhumacións familiares desde finais dos anos cincuenta introduce tamén unha pregunta inevitable: por que unha investigación sistemática chega case noventa anos despois? Santiago evita reducir a resposta a unha única causa. Lembra que durante décadas as familias non dispuxeron de instrumentos institucionais para afrontar a recuperación dos restos e que algunhas trataron de resolver por si mesmas esa necesidade. “Se non hai as ferramentas”, explica, as actuacións clandestinas das familias deben entenderse tamén como unha resposta á vontade de recuperar aos seus parentes.
Para a investigadora, aquelas actuacións evidencian que a necesidade non apareceu recentemente. As familias xa procuraban respostas cando aínda non existía unha estrutura pública que permitise realizar unha investigación histórica, arqueolóxica, antropolóxica e xenética coordinada. O paradoxo é que aquelas recuperacións poden dificultar agora a reconstrución arqueolóxica do cemiterio, ao tempo que constitúen unha parte da propia historia da fosa.

