Unha sondaxe no castro de Rueta busca comprobar que se agocha baixo as estruturas detectadas polo xeorradar
A investigación arqueolóxica regresa esta semana ao castro de Rueta, no concello de Cervo, cunha sondaxe destinada a comprobar sobre o terreo os indicios localizados durante os estudos realizados no xacemento en 2022. A intervención, promovida por Mariña Patrimonio coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, pretende coñecer o estado de conservación das estruturas soterradas e recuperar materiais que permitan avanzar na datación do asentamento.
Os traballos comezaron este luns e prolongaranse durante toda a semana. Un equipo formado por tres profesionais da empresa Tempos encárgase da actuación sobre o terreo, mentres que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) mantén a dirección das prospeccións e será tamén o encargado de procesar posteriormente a información obtida durante a intervención.
Esta nova actuación dá continuidade aos estudos desenvolvidos polo CSIC en 2022, cando a aplicación de técnicas de prospección non invasivas permitiu obter unha primeira imaxe do que podería conservarse baixo a superficie. Segundo explica o presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda, naquela campaña o xeorradar identificou posibles estruturas e construcións compatibles con cabanas, mentres que o uso dun magnetómetro serviu para localizar zonas nas que poderían atoparse antigas lareiras.
A información recollida entón é a que marca agora o lugar concreto da intervención. O equipo abriu unha sondaxe de tres por tres metros, cunha superficie total de nove metros cadrados, nun punto no que os estudos xeofísicos sinalaban a posible presenza de estruturas arqueolóxicas. A área escollida sitúase nun sector que se correspondería coa entrada do castro, inmediatamente despois do recinto defensivo.
O arqueólogo Fran Alonso explica que o obxectivo non é realizar neste momento unha escavación extensa, senón abrir unha pequena xanela que permita comprobar directamente a natureza e conservación dos restos detectados mediante os métodos xeofísicos. “Nesta sondaxe valorativa o que facemos é abrir un cadrado pequeniño onde os traballos previos marcaban posibles estruturas para ver o que sae e, en función diso, valorar o estado de conservación das mesmas”, sinala.
A intervención tratará tamén de recuperar material arqueolóxico que permita establecer unha cronoloxía máis precisa para o asentamento. As primeiras investigacións xa apuntaban a que os restos conservados podían atoparse nun estado favorable, pero a sondaxe permitirá comprobar esa hipótese directamente e coñecer as características das estruturas que sobrevivan baixo terra.
“A superficie na que traballaremos é suficiente para unha primeira valoración e cremos que vai dar resultados”, indica Alonso. Os arqueólogos esperan que a combinación entre os datos obtidos en 2022 e os materiais que poidan aparecer agora permita determinar tanto a cronoloxía como o potencial do xacemento para futuras investigacións de maior alcance.
Un sistema defensivo complexo
Un dos aspectos que máis chama a atención dos investigadores é a propia configuración do castro. Alonso define Rueta como un xacemento “bastante singular” polo seu complexo sistema defensivo, no que se identifican importantes fosos e parapetos. Estes elementos fan do recinto un lugar de interese para estudar non só a ocupación do asentamento, senón tamén as solucións empregadas para delimitar e protexer o espazo habitado.
A investigación detectou ademais unha importante concentración de pedras para a que, polo momento, non existe unha explicación asociada a actividades modernas coñecidas na zona. Trátase dun elemento que os arqueólogos pretenden interpretar no contexto do propio xacemento e que podería estar relacionado con actividades realizadas durante a ocupación castrexa.
Alonso sinala que esta acumulación resulta pouco habitual e apunta como unha das posibilidades a existencia de traballos de cantería desenvolvidos no propio castro. “É algo raro e non ten ningunha explicación recente de traballos que se puideran levar a cabo na zona”, explica o arqueólogo, polo que a súa orixe deberá ser analizada a partir dos resultados da intervención e das características dos materiais localizados.
Esta hipótese podería gardar relación coa presenza na contorna de numerosos muíños de granito de época castrexa, algúns dos cales foron posteriormente reaproveitados. A existencia destas pezas evidencia o uso desta materia prima durante a ocupación do asentamento e abre a posibilidade de que determinados sectores do castro estivesen vinculados á extracción ou transformación da pedra.

