Da vinganza ao perdón: a historia que podería explicar unha das esculturas máis enigmáticas da Catedral de Santiago
Unha muller sentada, co cabelo solto e un cranio no colo. A súa figura, esculpida hai máis de novecentos anos no Pórtico de Praterías da Catedral de Santiago, leva séculos suscitando preguntas sobre o seu significado. Interpretada como unha representación da luxuria, da morte ou da penitencia, esta imaxe podería estar vinculada tamén a un dos grandes debates xurídicos e relixiosos da Idade Media: o dereito dos maridos a castigar as súas esposas por adulterio e os intentos da Igrexa por poñer límites a esta práctica.
Esta é unha das hipóteses que desenvolve José María Anguita Jaén, profesor de Filoloxía Latina da Universidade de Santiago de Compostela, nunha investigación publicada na revista Annuarium Sancti Iacobi. O traballo, titulado ‘Niveles de lectura y paralelos literarios de la mulier adulterata (Liber Sancti Iacobi 5,9) del Pórtico de Platerías: el Ruodlieb y el Cuento de los Tres Consejos (ATU 910B)’, propón unha nova aproximación á escultura a partir da literatura medieval e dos cambios introducidos no dereito matrimonial durante os séculos XI e XII.
A primeira pista para comprender a figura atópase no propio ‘Códice Calixtino’, que xa na primeira metade do século XII recollía unha explicación sobre a súa identidade. Segundo o relato, tratábase dunha muller sorprendida cometendo adulterio, cuxo marido decapitara o amante e a obrigara a bicar a súa cabeza dúas veces ao día como castigo.
Anguita considera que esta historia, lonxe de ser unha narración illada, formaba parte dunha tradición literaria moito máis extensa. A súa investigación relaciona o episodio con diferentes obras europeas e, especialmente, co ‘Conto dos Tres Consellos’, unha narración tradicional conservada a través de versións recollidas por folcloristas nos séculos XIX e XX.
“Era unha especie de exemplo visual”, explica o investigador en declaracións a Historia de Galicia. A hipótese é que quen contemplaba a escultura podía recoñecer nela unha historia coñecida, transmitida durante xeracións tanto en ambientes populares como cortesáns.
Para reconstruír esta posible orixe, Anguita analiza tamén o ‘Ruodlieb’, unha novela de cabalarías escrita en latín na Alemaña de finais do século XI. Aínda que nesta obra non aparece a escena do cranio, comparte a estrutura narrativa do conto tradicional e permite establecer conexións entre os diferentes relatos. O investigador considera que estas creacións puideron desenvolverse en ambientes próximos á reforma gregoriana, precisamente cando a institución matrimonial estaba sendo obxecto dunha profunda revisión.
Cando un marido podía matar a súa esposa por adulterio
Unha das cuestións centrais do estudo é o contraste entre as leis civís e a doutrina eclesiástica da época. O dereito visigodo, como outros ordenamentos altomedievais, recoñecía ao marido certas facultades de vinganza sobre a esposa e o seu amante en caso de adulterio. Esta tradición entraba en conflito coa posición defendida pola Igrexa, que consideraba a fidelidade unha obriga para ambos os cónxuxes e o adulterio un pecado susceptible de penitencia.
“Un marido, se sorprendía a súa muller en adulterio cun estraño, podía facer con ela o que quixese. Con el e con ela”, explica Anguita ao describir o alcance destas disposicións legais. Fronte a esta situación, sinala que a Igrexa promovía unha interpretación diferente do matrimonio, na que ningún dos esposos tiña dereito a matar o outro por unha infidelidade.
Aínda que estes principios xa estaban presentes no pensamento cristián dende séculos anteriores, o investigador sitúa na reforma gregoriana do século XI un momento decisivo para a súa incorporación sistemática ao dereito canónico. O obxectivo era que o matrimonio quedase progresivamente baixo a regulación eclesiástica e que o adulterio deixase de xustificar a vinganza privada.
Esta cuestión aparece reflectida en tratados como o ‘Decreto de Graciano’ ou o ‘Polycarpus’, unha compilación de dereito canónico dedicada a Diego Gelmírez en 1104, practicamente contemporánea da escultura compostelá.
Unha mensaxe sobre a xustiza diante da Catedral
A relación coa Compostela de Diego Gelmírez abre outra das interpretacións propostas por Anguita. Segundo explica, os venres celebrábanse sesións xudiciais nun espazo próximo ao Pórtico de Praterías, nas que participaban autoridades eclesiásticas e xuíces laicos. Nese contexto, a escultura da muller castigada podería adquirir un significado directamente relacionado coa confrontación entre dúas maneiras de entender a xustiza.
O investigador sinala que a figura se atopa xunto ás representacións das tentacións de Cristo, quen aparece caracterizado con vestimentas sacerdotais. Esta disposición permitiría relacionar o conxunto coa autoridade relixiosa e coa necesidade de superar o pecado, pero tamén coa lexitimidade da Igrexa para intervir nos conflitos matrimoniais.
“Que dereito se vai aplicar neste tipo de casos? Este dereito civil, moi arcaico, ou o novo dereito canónico da reforma gregoriana?”, formula Anguita ao explicar a posible mensaxe que transmitía a escultura nun espazo vinculado á administración de xustiza.
Con todo, o profesor insiste en que non existe unha única interpretación válida da figura. A súa proposta baséase precisamente na convivencia de diferentes niveis de lectura, habituais na cultura medieval. Así, a escultura podía representar a condenación eterna para quen coñecese a súa dimensión teolóxica, funcionar como advertencia moral contra o adulterio ou recordar unha historia popular ao público que a contemplaba.
Dende esta perspectiva, a muller do cranio non sería necesariamente unha simple representación dun castigo exemplar, senón unha imaxe capaz de transmitir mensaxes distintas e mesmo aparentemente contraditorias. O pecado, a morte, o arrepentimento, o perdón e a xustiza convivirían nunha mesma escultura, cuxo significado dependería dos coñecementos e das circunstancias de cada espectador.

