Gumersindo Busto Villanueva no seu despacho / Secretaría Xeral da Emigración

A Biblioteca América cumpre cen anos como testemuña das relacións históricas entre Galicia e América

Tempo de lectura: 2 min.

A Biblioteca América da USC, inaugurada oficialmente en 1926, cumpre cen anos como unha das coleccións documentais máis singulares para estudar as relacións culturais, intelectuais e históricas entre Galicia e o continente americano. O aniversario volve situar no centro do debate a conservación dun fondo que supera os 37.000 volumes e que naceu da iniciativa dun emigrante galego establecido na Arxentina, Gumersindo Busto.

A institución universitaria dedicará este mércores 28 de outubro unha xornada aos desafíos da conservación deste patrimonio bibliográfico. O encontro, organizado polo grupo de investigación HistAmérica, desenvolverase na Fundación Eugenio Granell, en Santiago, e reunirá especialistas en historia, arquivos, bibliotecas e conservación documental.

A iniciativa coincide co centenario dun proxecto cuxas orixes se remontan a 1904, cando Gumersindo Busto impulsou desde Bos Aires a creación dunha biblioteca destinada a reunir e difundir coñecementos sobre América na Universidade compostelá. O proxecto xurdiu nun contexto de intensas relacións entre Galicia e os países americanos, especialmente a través da emigración. Durante as últimas décadas do século XIX e as primeiras do XX, as comunidades galegas establecidas no exterior participaron en numerosas iniciativas educativas, culturais e filantrópicas vinculadas aos seus lugares de orixe.

A Biblioteca América representa unha expresión singular dese intercambio. A súa creación vén da vontade de establecer unha conexión intelectual entre as dúas beiras do Atlántico. O fondo foi concibido cun carácter multidisciplinar e enciclopédico. Reúne publicacións sobre historia, dereito, medicina, botánica, obras públicas e outras materias, permitindo estudar diferentes aspectos da evolución política, científica e cultural das sociedades americanas.

A colección inclúe tamén obxectos históricos e etnográficos. Entre os materiais da mesma figuran pezas cerámicas procedentes da Quebrada de Humahuaca, no noroeste arxentino, unha reprodución da Acta da Independencia de Chile, un pano relacionado co militar uruguaio Manuel Oribe e outros elementos que reflicten a diversidade cultural dos territorios americanos. A inauguración oficial da biblioteca, celebrada o 26 de xullo de 1926, tivo unha dimensión transatlántica. Mentres en Santiago se desenvolvían os actos de apertura, en Bos Aires organizouse unha celebración paralela, promovida polo propio Busto.

Un século despois, a colección serve para investigar a circulación de ideas, as redes de intercambio cultural, a participación da emigración galega na vida académica e a evolución das relacións entre Galicia e América. O centenario tamén ofrece unha oportunidade para examinar as dificultades que presenta a conservación de fondos bibliográficos e documentais de grande diversidade material.

A xornada deste mércores, titulada La Biblioteca América. Desafíos de la conservación del patrimonio cultural, comezará ás 18.00 horas e incluirá unha aproximación á historia da institución e unha mesa redonda sobre investigación, conservación, acceso público e difusión dos fondos. Participarán Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega; Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC; Pilar Cagiao Vila, profesora de Historia de América; Elena Díaz del Río, vinculada a Galiciana, e Cristina Lerma Rey, descendente do fundador da biblioteca.

Pode que che interese...