Escola en Osedo (Sada) - Memoria de Sada

A escola que non chegou a consolidarse: o proxecto republicano para educar unha nova cidadanía

Tempo de lectura: 9 min.

Crear miles de escolas, transformar a formación dos mestres, achegar libros, cine ou teatro ás aldeas e situar a educación primaria no centro da acción pública. A Segunda República puxo en marcha dende 1931 un proxecto educativo que pretendía ampliar a escolarización e formar unha cidadanía adaptada ao novo sistema democrático, pero que apenas contou cuns anos para desenvolverse antes do golpe de Estado de xullo de 1936.

O pedagogo e historiador da educación Narciso de Gabriel, catedrático da Universidade da Coruña e autor de numerosos estudos sobre escolarización, alfabetización e maxisterio en Galicia, analizou este proceso nunha conferencia impartida recentemente en Santiago baixo o título ‘Pasado: o ensino republicano que desmantelou o golpe’. En conversa posterior con Historia de Galicia, o investigador situou precisamente na escola primaria unha das principais apostas políticas dos primeiros gobernos republicanos.

“Foi seguramente o período da historia de España onde a escola primaria destinada ás clases populares tivo unha maior centralidade dentro do sistema educativo”, explica De Gabriel. Esa prioridade traduciuse primeiro nunha conta tan sinxela como complexa de executar: saber cantos centros facían falta para escolarizar unha poboación infantil para a que a rede existente era insuficiente.

Máis de 27.000 escolas para cubrir o déficit

Pouco despois da proclamación da República, o Ministerio de Instrución Pública encabezado por Marcelino Domingo calculou que eran necesarias 27.151 novas escolas para cubrir as necesidades existentes. A partir desa estimación formulouse un plan de varios anos para ampliar a rede pública, aínda que as previsións iniciais non chegarían a completarse na súa totalidade. Un estudo publicado na revista Historia de la Educación recolle ese cálculo e estima en arredor de 16.500 as escolas creadas ata comezos de 1936.

De Gabriel lembra unha frase que lle transmitiu décadas despois un dos antigos ‘escolantes’ aos que entrevistou durante as súas investigacións. Aquel home resumíalle a expansión educativa daqueles anos asegurando que “onde había unha escola, Marcelino Domingo puxo tres”. A expresión era unha esaxeración, puntualiza o historiador, pero revela a pegada que deixou nalgunhas comunidades a rápida extensión da rede escolar durante os primeiros anos republicanos.

Ese impulso foi especialmente intenso durante o primeiro bienio, entre 1931 e 1933, cando gobernaron republicanos de esquerda e socialistas. As políticas educativas perderon intensidade nos anos posteriores e volveron desenvolverse nun escenario diferente coa chegada da Fronte Popular ao Goberno en febreiro de 1936, apenas cinco meses antes da sublevación militar.

Pero abrir aulas non era suficiente. O novo sistema necesitaba tamén profesionais formados para traballar nel. Unha das reformas que De Gabriel considera fundamentais foi precisamente a transformación da formación do maxisterio. O Decreto do 29 de setembro de 1931 aprobou o chamado Plan Profesional, unha reforma das Escolas Normais que pretendía elevar a preparación académica e pedagóxica dos futuros docentes. A propia norma partía dunha premisa resumida daquela nunha frase: era urxente crear escolas, pero tamén preparar mestres capaces de atendelas.

O sistema articulaba a formación cultural previa, os estudos profesionais nas Escolas Normais e un período de prácticas docentes. Ao rematar a fase académica, o alumnado debía realizar un curso de prácticas remuneradas antes da súa incorporación definitiva ao maxisterio público, unha fórmula coa que se pretendía reforzar o carácter profesional da carreira docente. A existencia e características xerais deste Plan Profesional están tamén documentadas nos expedientes conservados posteriormente sobre aqueles mestres.

Para Narciso de Gabriel, o cambio tiña unha dimensión que ía máis alá da preparación técnica. O mestre e a mestra adquirían unha función relevante dentro dun proxecto que entendía a extensión da cultura como unha condición para a supervivencia do propio sistema democrático.

“Entendíase que para que perdurase ese sistema político era necesario fomentar a cultura e a formación da cidadanía”, sinala. Por iso, engade, boa parte dos esforzos se concentraron no ensino primario, a etapa que permitía chegar ás capas máis amplas da sociedade.

Bibliotecas, cine e teatro para as aldeas

A vontade de estender a educación máis alá das paredes da escola tivo unha das súas manifestacións máis coñecidas nas Misións Pedagóxicas, creadas mediante un decreto do 29 de maio de 1931 e presididas polo pedagogo Manuel Bartolomé Cossío. O proxecto estaba especialmente dirixido ás localidades rurais e buscaba levar ata elas recursos culturais que dificilmente estaban ao alcance dunha parte importante da poboación.

Non se trataba unicamente de organizar conferencias. As misións distribuían bibliotecas, realizaban proxeccións cinematográficas, ofrecían representacións teatrais, audicións musicais ou exposicións e desenvolvían tamén actividades de apoio aos docentes das escolas rurais. O Ministerio de Educación cifra en máis de 5.000 as bibliotecas circulantes creadas ao abeiro do programa, ao que se sumaron iniciativas como o Museo do Pobo, o Teatro e Coro do Pobo ou os servizos de cine e música.

A documentación do Patronato deixa claro que existía ademais unha terceira dimensión: a educación cidadá. Nas localidades visitadas organizábanse encontros sobre democracia, estrutura do Estado ou igualdade e empregábanse textos destinados a explicar os principios do novo réxime.

“Eu diría que a promoción cívica seguramente foi o máis destacado”, afirma De Gabriel cando se lle pregunta que cambiou nas aprendizaxes escolares. O investigador evita presentar as aulas republicanas como unha ruptura absoluta coa escola precedente: moitas das rutinas escolares continuaron. A novidade estaba tamén no marco ideolóxico no que se desenvolvían.

“A formación da cidadanía, a inculcación dos valores propios dun sistema democrático, seguramente foi un dos aspectos que tivo unha maior relevancia”, explica.

A escola laica e o conflito coa Igrexa

Outro dos grandes cambios foi a laicización do ensino público. O Goberno provisional declarara xa en maio de 1931 que a instrución relixiosa non sería obrigatoria, e a Constitución aprobada en decembro dese ano foi máis alá. O seu artigo 48 establecía que o ensino sería laico, que tería o traballo como eixo metodolóxico e que se inspiraría en ideais de solidariedade humana. Tamén definía a primaria como gratuíta e obrigatoria.

En marzo de 1932 suprimiuse formalmente a materia de Relixión nos centros dependentes do Ministerio de Instrución Pública. A Igrexa podía continuar ensinando a súa doutrina nos seus propios establecementos, baixo inspección estatal, pero a escola pública deixaba de ter carácter confesional.

De Gabriel identifica esta cuestión como unha das que provocou unha confrontación máis intensa entre a República, a Igrexa e os sectores conservadores. “Por primeira vez na historia de España a escola pública declárase neutra en termos relixiosos”, resume.

Galicia: unha rede escolar condicionada pola dispersión

A aplicación destas políticas partía en Galicia dunha realidade diferente á doutras zonas do Estado. A dispersión da poboación polo territorio dificultaba a organización dunha rede escolar baseada en núcleos concentrados, un problema que xa se manifestara moito antes da República.

De Gabriel retrocede ata a Lei Moyano de 1857 para explicar as particularidades galegas. Os criterios xerais empregados para determinar onde debían existir escolas resultaban difíciles de trasladar a unha sociedade organizada en milleiros de aldeas e lugares. Segundo explica, foi necesario formular criterios específicos para adaptar a planificación educativa a esa estrutura territorial.

“A forma de asentamento da poboación condicionou moitísimo a creación dunha rede escolar pública en Galicia”, sinala. Ese problema convivía, porén, cun fenómeno que contradí unha imaxe historicamente estendida sobre o atraso educativo galego. Segundo as investigacións desenvolvidas polo propio De Gabriel a partir dos censos de poboación, os homes galegos presentaban desde 1860 unha taxa de alfabetización superior á media española, aínda que a situación das mulleres era radicalmente diferente.

O seu estudo ‘El proceso de alfabetización en Galicia: un intento de explicación y comprensión’, publicado en 2013 na revista académica Historia de la Educación, analiza a evolución entre 1860 e 2001 e identifica precisamente como unha das características máis relevantes do caso galego o enorme diferencial de alfabetización por sexo, ademais da influencia da emigración e das particularidades do proceso de escolarización. “En todos os censos, os homes galegos teñen un nivel de alfabetización superior á media española”, explica o investigador. “E as mulleres, unha taxa inferior, moi inferior ao principio, aínda que a distancia se vai reducindo”.

As escolas de ferrado, unha educación fóra da rede oficial

Para entender esta aparente contradición entre unha rede escolar limitada e unhas taxas relativamente altas de alfabetización masculina, De Gabriel sinala un fenómeno característico do rural galego: as escolas de ferrado.

Estes centros funcionaban á marxe ou de maneira complementaria á rede pública. Eran atendidos polos chamados ‘escolantes’, persoas que ensinaban coñecementos elementais nas aldeas, moitas veces durante os meses nos que diminuía o traballo agrícola. O ensino centrábase fundamentalmente na lectura, a escritura e a aritmética, con coñecementos de carácter práctico adaptados ás necesidades da sociedade rural.

A Enciclopedia Galega Universal sinala que estas escolas contribuíron a que Galicia non ocupase os últimos lugares nas estatísticas españolas de alfabetización e a que a alfabetización masculina superase a media estatal, unha interpretación directamente vinculada aos estudos de Narciso de Gabriel.

“As escolas de ferrado foron en boa medida responsables deste proceso de alfabetización, especialmente no século XIX”, explica o investigador. A partir das primeiras décadas do XX, a ampliación progresiva da rede pública foi reducindo a súa importancia, aínda que en determinadas zonas rurais sobreviviron durante décadas.

A emigración tamén tivo consecuencias. Nunha primeira etapa, os movementos migratorios estiveron protagonizados principalmente por homes e, segundo De Gabriel, moitas familias consideraban que quen estaba destinado a saír da aldea necesitaba unha formación mínima que lle permitise desenvolverse fóra da comunidade. Esa percepción contribuíu ao forte desequilibrio entre a alfabetización masculina e feminina que caracterizou Galicia. A relación entre emigración, escolarización e alfabetización constitúe precisamente unha das liñas estudadas polo historiador.

O límite lingüístico: unha República pouco aberta ao galego

Se a extensión da escola pública, a formación do profesorado ou a difusión cultural forman parte dos avances que De Gabriel identifica na política educativa republicana, a cuestión lingüística ofrece unha lectura moito máis crítica.

“A República, a nivel lingüístico, era moi españolista”, sostén o investigador. A chegada do novo réxime non implicou unha incorporación xeneralizada das linguas propias ao sistema educativo e o castelán continuou sendo a lingua habitual da escola galega, malia que unha parte moi importante do alumnado chegaba ás aulas falando galego. “Na comunicación formal entre o mestre e os alumnos non se utilizaba normalmente”, explica sobre o galego. A situación non era idéntica á persecución lingüística que se desenvolvería posteriormente durante a ditadura, pero tampouco se produciu a transformación que reclamaban os sectores galeguistas.

A principal excepción dentro do Estado foi Cataluña. Un decreto do 29 de abril de 1931 abriu a posibilidade de empregar a lingua catalá no ensino primario catalán. A importancia daquela disposición queda reflectida anos despois na propia documentación oficial republicana, que lembraba que a norma recoñecera a conveniencia pedagóxica de ensinar os nenos na súa lingua materna.

A Constitución de 1931 estableceu posteriormente no seu artigo 50 que as rexións autónomas poderían organizar o ensino nas súas linguas, aínda que o estudo do castelán continuaría sendo obrigatorio e esta lingua sería tamén instrumento de ensino nos centros de primaria e secundaria.

No caso galego, ese desenvolvemento nunca chegou a consolidarse. Figuras do galeguismo como Castelao e Ramón Otero Pedrayo reclamaron durante a etapa republicana un maior recoñecemento da lingua e a autonomía política. A Real Academia Galega lembra que Otero Pedrayo, deputado durante a República, defendeu a cooficialidade do galego e traballou pola aprobación do Estatuto de Autonomía. No propio anteproxecto do Estatuto de Autonomía incluíase no artigo 15 do Título III, referencia ao ensino da lingua e historia galegas na Educación: “Nas Escolas primarias da Rexión e nas do Estado, será obrigatorio o ensino das linguas galega e castelá, e nos Institutos e nas Escolas Normais crearanse as materias de Lingua, Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.”

De Gabriel interpreta a diferenza entre Cataluña e Galicia fundamentalmente en termos políticos. “O feito de que non se atendesen as demandas do nacionalismo galego era porque este tiña menos forza que o nacionalismo catalán”, afirma. Para o historiador, a capacidade do movemento catalán para condicionar politicamente o Goberno permitiu obter un nivel de recoñecemento que Galicia non conseguiu.

Esta cuestión lévao tamén a advertir contra unha lectura idealizada do período republicano. O investigador distingue os avances en escolarización, democratización educativa ou laicismo dos límites que observa no tratamento da pluralidade cultural e lingüística do Estado. “Ás veces mitificamos a República”, sinala. “A República fixo cousas que eu valoro en termos moi positivos”, pero no recoñecemento da diversidade cultural e nacional “non se avanzou unha gran cousa”.

Un proxecto interrompido en 1936

A experiencia iniciada en 1931 non chegou a completar o percorrido previsto. O golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra Civil e a posterior ditadura romperon coa orientación política e educativa que se viña desenvolvendo, ao tempo que unha parte do profesorado republicano foi sometido á represión e aos procesos de depuración.

A interrupción afectou tamén ás Misións Pedagóxicas, cuxa actividade terminou coa guerra. O rexistro do Ministerio de Cultura sitúa a existencia do Patronato entre 1931 e 1936 e sinala expresamente que o inicio da Guerra Civil puxo fin ao proxecto.

De Gabriel leva anos estudando precisamente o outro lado daquela ruptura. Obras como ‘Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés’, ‘Os mestres mortos daquel verán’ ou ‘Xosé María Álvarez Blázquez. Mestre republicano. Diario escolar e desterro’ reconstruíron diferentes aspectos do impacto da represión sobre un colectivo ao que o novo réxime concedeu unha importancia especial pola súa capacidade para formar as seguintes xeracións.

O resultado foi algo máis profundo que a desaparición dun determinado programa de construción de escolas. Quedou interrompida unha determinada concepción da educación pública que vinculaba alfabetización, acceso á cultura, profesionalización docente, laicidade e formación cidadá, aínda que o propio De Gabriel insiste en introducir matices e evitar converter aquela experiencia nunha realidade uniforme ou idealizada.

A escola da República estivo atravesada por contradicións, por diferentes etapas políticas e por reformas que non chegaron a cumprir todos os seus obxectivos. En Galicia, ademais, conviviu cunha realidade rural específica, cunha tradición educativa popular propia e cunha cuestión lingüística para a que o novo réxime tampouco ofreceu a resposta que reclamaba o galeguismo.

Pero entre 1931 e 1936 a educación primaria adquiriu unha relevancia política pouco habitual ata entón. A aposta por crear escolas, formar novos mestres e levar libros e cultura ás aldeas partía dunha idea de fondo: a democracia necesitaba cidadáns con acceso á educación. Ese foi o proxecto que quedou sen completar cando o golpe militar transformou tamén o rumbo da escola.

Pode que che interese...