Case tres metros baixo o túmulo: a escavación de Cabaleiros destapa a dimensión real do dolmen
O dolmen de Cabaleiros, no concello de Tordoia, agocha baixo terra unha estrutura de dimensións moi superiores ás que permite intuír a súa imaxe exterior. A primeira intervención arqueolóxica realizada no monumento durante o mes de setembro permitiu coñecer mellor a súa arquitectura funeraria e recuperar diferentes materiais, entre eles fragmentos dun vaso campaniforme vinculado ao enxoval funerario.
Os traballos estiveron promovidos polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da Universidade de Santiago de Compostela, encabezado por Miguel Carrero, e contaron con financiamento europeo. A escavación correu a cargo da empresa Árbore Arqueoloxía, cun equipo técnico dirixido por Elena Taboada e do que formou parte o arqueólogo ordense Ángel Concheiro.
Un dos principais obxectivos da intervención era localizar niveis arqueolóxicos que permanecesen sen alterar desde a construción do túmulo, hai arredor de 4.000 anos. O estudo destes depósitos permitiría obter información para precisar cronoloxicamente cando foi levantado o monumento e avanzar no coñecemento das comunidades que utilizaron este espazo funerario durante a Prehistoria.
Máis información en La Voz de Galicia

