De avoas a netas: o proxecto que conserva sementes e coñecementos transmitidos durante xeracións
Un proxecto desenvolvido nos concellos de Betanzos, Cedeira e Mañón está a recuperar unha parte do patrimonio etnográfico galego a través da conservación de sementes locais e da transmisión dos coñecementos asociados ao seu cultivo. A iniciativa, denominada Tecelás da Terra, combina o intercambio de variedades agrícolas coa recollida de palabras, receitas, experiencias e técnicas tradicionais que durante xeracións se transmitiron principalmente no ámbito familiar e comunitario.
O proxecto, impulsado polas educadoras sociais Tania Merelas, Noelia Darriba e Raquel Teijeiro, funciona mediante unha rede de bibliotecas públicas e centros socioculturais da provincia da Coruña. A súa particularidade reside en que os materiais dispoñibles para o préstamo non son libros, senón sementes que as persoas participantes poden cultivar e multiplicar para devolver posteriormente unha parte á comunidade.
O funcionamento da biblioteca baséase nun sistema de intercambio que busca favorecer a conservación das variedades locais no que as persoas participantes reciben sementes, cultívanas e comprométense a devolver unha parte das obtidas ao rematar a tempada.
O proxecto establece tamén o compromiso de manter os cultivos sen finalidade lucrativa durante un período mínimo de tres anos. Deste xeito, as sementes poden continuar circulando entre diferentes persoas e contribuír á conservación de variedades que forman parte da historia agrícola do territorio. Entre as sementes documentadas figuran a cebola chata de Betanzos, a faba loba, diferentes variedades de verzas, chícharos, nabos, tomates, cabazas e pementos.
Cada variedade acompáñase dunha ficha na que se recollen datos sobre a súa procedencia, características, momento de recollida e condicións de cultivo. Este sistema permite conservar non só o material vexetal, senón tamén información sobre os usos e os coñecementos asociados a cada semente. A iniciativa distingue o seu funcionamento do dun banco de sementes convencional. Mentres estes últimos adoitan centrarse no almacenamento e na conservación de material xenético, Tecelás da Terra promove a multiplicación das sementes mediante o seu cultivo e intercambio comunitario.
O papel das mulleres na conservación dos coñecementos agrícolas
Un dos principais obxectivos do proxecto é recoñecer o papel desempeñado historicamente polas mulleres na transmisión dos coñecementos relacionados coa agricultura e coa alimentación. A conservación das sementes, a selección das variedades, a elaboración de conservas ou a preparación de alimentos formaron parte durante décadas das tarefas desenvolvidas nas explotacións familiares galegas.
O feito de que moitos deste coñecementos fosen transmitidos exclusivamente a través da oralidade dificulta en ocasións a súa investigación histórica, xa que unha parte importante da información permanece vinculada á memoria das persoas que practicaron esas actividades. O proxecto busca recuperar esas experiencias mediante encontros comunitarios nos que participan mulleres de diferentes xeracións.
Entre xaneiro e marzo de 2026, as promotoras organizaron reunións nos concellos de Betanzos, Cedeira e Mañón para compartir experiencias relacionadas co cultivo, coa conservación das sementes e cos traballos agrícolas. Durante estes encontros tamén se recolleron lembranzas, cantigas, refráns e expresións relacionadas coa vida rural. O obxectivo é conservar un patrimonio que abrangue tanto os coñecementos técnicos como as formas de relación social desenvolvidas arredor do traballo no campo.
A recuperación das palabras da terra
Unha das dimensións máis interesantes da iniciativa desde o punto de vista etnográfico é a recollida de vocabulario tradicional. O proxecto desenvolveu un espazo denominado Palabras da Terra, destinado a conservar termos e expresións vinculados coa agricultura, coa alimentación e coa vida cotiá.
A documentación destas palabras permite estudar a relación entre a lingua e as actividades económicas tradicionais, atendendo aos nomes das variedades agrícolas, das ferramentas ou das técnicas de cultivo, que forman parte dun vocabulario que pode experimentar cambios importantes cando desaparecen determinadas prácticas.

