Mulleres traballando no mercado de Issogne (Italia) / Balteus

Nin recluídas na casa nin afastadas do diñeiro: a historia das mulleres de negocios na Galicia medieval

Tempo de lectura: 4 min.

Na Galicia de finais da Idade Media había mulleres que dirixían negocios, comerciaban con produtos procedentes doutros países europeos, concedían préstamos e participaban na recadación de impostos da Coroa. Algunhas chegaron a administrar importantes patrimonios e mesmo a financiar iniciativas culturais. A súa presenza na economía medieval foi maior do que tradicionalmente se pensaba, aínda que a maior parte das súas historias permanece fóra dos relatos históricos máis coñecidos.

Esta realidade foi abordada pola investigadora Amparo Rubio Martínez, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta), durante o coloquio ‘Mujeres gestoras y de negocios al final de la Edad Media‘. A súa investigación analiza catro mulleres que desenvolveron actividades económicas entre finais do século XV e principios do XVI, permitindo coñecer o seu papel no comercio, nas finanzas e na administración patrimonial.

Rubio explica que a imaxe das mulleres medievais limitadas exclusivamente ao ámbito doméstico non se corresponde coa realidade documental. Con todo, lembra que se trataba dunha sociedade profundamente patriarcal, na que a presenza feminina na vida pública era inferior á masculina. “O problema está nas fontes“, sinala a historiadora, que explica que a documentación conservada sobre estas actividades é escasa e dispersa. Isto non significa que as mulleres non participasen nos negocios familiares ou que carecesen de capacidade para realizar operacións económicas. De feito, moitas colaboraban cos seus maridos e, especialmente cando enviuvaban, asumían a dirección das empresas.

Catro mulleres con poder económico na Galicia medieval

Entre as protagonistas da investigación atópase Clara Sánchez, vinculada a unha familia de mercadores de Betanzos, e Mayor Rodríguez de la Torre, esposa do financeiro Ruy Martínez de Carballido. Esta última participou como avalista en operacións relacionadas co arrendamento e recadación das rendas reais do partido fiscal de Santiago, unha actividade que requiría importantes recursos económicos e conexións cos círculos de poder.

Outro caso destacado é o de Mayor Fernández Varela, esposa de Lope Gómez de Marzoa, tradicionalmente recoñecido como un dos impulsores do primitivo Estudo compostelán, antecedente da actual Universidade de Santiago de Compostela. Segundo explica Rubio, a participación da súa muller na iniciativa de 1495 foi tamén destacada, aínda que o protagonismo histórico acabou recaendo principalmente sobre o marido.

A cuarta protagonista é Violante de Mosquera, unha comerciante que desenvolveu a súa actividade en Ribadavia nas primeiras décadas do século XVI. Inicialmente participou no negocio familiar de venda e distribución de viño do Ribeiro e tecidos, entre eles panos importados de Inglaterra. Tras a morte do seu marido, Juan Rodríguez, asumiu a súa dirección e ampliou a actividade cara á concesión de préstamos a particulares.

O caso de Violante resulta especialmente interesante pola documentación conservada na Real Audiencia e Chancillería de Valladolid. Entre os fondos localizados figuran un inventario detallado dos seus bens, o seu testamento e un libro de contas que permite reconstruír parte das operacións financeiras que realizou.

Estes exemplos, sinala Rubio, corresponden principalmente a mulleres das elites urbanas, pertencentes a familias de mercadores, financeiros ou membros da pequena nobreza. A súa posición social facilitáballes o acceso ao capital e a determinadas redes comerciais, aínda que iso non implica que as mulleres dos grupos populares permanecesen afastadas da actividade económica.

Podían administrar bens e denunciar os seus propios maridos

Un dos aspectos que máis destaca a investigadora é que as mulleres medievais podían comprar e vender propiedades, formalizar contratos, prestar diñeiro, outorgar testamentos e acudir aos tribunais para defender os seus intereses. Rubio explica que existen numerosos procesos xudiciais promovidos por mulleres que reclamaban herdanzas, débedas ou bens propios empregados nos negocios dos seus maridos. Algunhas chegaron á Chancillería de Valladolid, unha das principais institucións xudiciais da Coroa de Castela.

Porén, a investigadora distingue entre a capacidade xurídica e os recursos económicos necesarios para exercer determinados dereitos. Acudir ás instancias superiores da xustiza esixía un desembolso considerable, polo que as protagonistas destes procesos pertencían habitualmente aos sectores máis acomodados.

Pola súa banda, a viuvez, aínda que podía provocar dificultades económicas, para outras mulleres supuña a oportunidade de asumir directamente a xestión dos negocios familiares. Isto non significaba necesariamente que comezasen a traballar neles nese momento, xa que moitas participaran anteriormente na súa administración.

A investigación de Rubio enlaza con outros estudos sobre a participación feminina na economía galega. O historiador Miguel García-Fernández recolle no seu traballo ‘Las élites femeninas en las ciudades gallegas de la Baja Edad Media‘ o caso de María Figueroa, unha comerciante que chegou a negociar con tecidos procedentes de Inglaterra e Flandres e con peixe destinado a Andalucía. Segundo a documentación estudada por Elisa Ferreira Priegue, conseguiu ampliar os seus negocios ata organizar expedicións marítimas con embarcacións propias. Outro exemplo é o de Teresa Sánchez, unha comerciante coruñesa que realizou operacións mercantís xunto co seu fillo Juan Rompatras e que tivo que afrontar reclamacións económicas mesmo despois da morte deste.

Por que apenas coñecemos as súas historias?

Para Amparo Rubio, a escasa presenza destas mulleres nos relatos históricos responde tanto ás limitacións documentais como á falta de difusión dos avances da investigación. Desde a década de 1970, os estudos sobre a historia das mulleres permitiron recuperar numerosas traxectorias, pero ese coñecemento non sempre chegou ao ensino. “Non hai unha correspondencia entre o avance da investigación e como se transfire á sociedade ese avance”, advirte.

A historiadora sinala que os libros de texto continúan reproducindo con frecuencia unha imaxe das mulleres medievais dependentes dos homes e dedicadas principalmente ao fogar, agás algunhas raíñas ou integrantes da alta nobreza. A recuperación destas traxectorias tampouco implica presentar a Idade Media como unha época de igualdade. As posibilidades económicas das mulleres estaban condicionadas polo seu sexo, a súa posición social e os recursos familiares, pero iso non impediu que algunhas desempeñasen un papel significativo na vida comercial e financeira.

Rubio lembra, ademais, que a evolución dos dereitos femininos non foi un proceso de progreso continuo, senón que experimentou avances e retrocesos ao longo dos séculos. Por iso, considera necesario revisar as interpretacións tradicionais e continuar investigando unha documentación que aínda permite recuperar novas protagonistas da historia económica galega.

Pode que che interese...