Compostela recupera os traxes de brillantes que se popularizaron a mediados do século XIX

Tempo de lectura: 5 min.

Durante o século XIX, as mulleres das clases populares das terras de Compostela empregaban unha indumentaria que se distinguía pola riqueza dos seus adornos e pola utilización de pequenos abelorios de cristal cosidos directamente sobre os tecidos. Eran os coñecidos como traxes de brillantes, unha modalidade da vestimenta tradicional galega que alcanzou a súa maior expresión nos diantais de veludo. A súa historia, vinculada á sociedade rural e ás transformacións da moda, é o eixo dunha exposición que a Asociación do Traxe Galego inaugura este venres 30 de outubro en Santiago, cunha selección de sete pezas antigas e dezanove reproducións contemporáneas.

A mostra, titulada ‘Os diantais de brillantes nas terras de Compostela’, poderá visitarse na rúa Nova, 18, e forma parte dun traballo de investigación destinado a recuperar as características históricas da indumentaria galega. Un labor que, segundo explica Ana Nogareda, secretaria da Asociación do Traxe Galego, resulta especialmente necesario pola transformación que experimentaron estas prendas desde que deixaron de utilizarse habitualmente. “O tema da folclorización e do uso case exclusivo do traxe para cantar e bailar fixo que se fose deturpando a nosa indumentaria en favor dun traxe de escenario que, en moitas ocasións, non representa para nada o que é o traxe histórico”, sinala Nogareda.

Dende a asociación procuran recuperar esa realidade mediante o estudo de pezas antigas, fotografías e documentos históricos, así como a elaboración de réplicas fieis aos exemplares conservados. O obxectivo é diferenciar as características da vestimenta orixinal das modificacións introducidas posteriormente para adaptala ás representacións folclóricas.

Diantal do Castiñeiriño / Colección fotográfica de Francisco Rodríguez

A indumentaria tradicional galega presentaba importantes diferenzas territoriais. Segundo explica Nogareda, para comprender esa diversidade é necesario atender ás relacións históricas entre as localidades e non limitarse ás divisións administrativas actuais. Eran as comunicacións e os intercambios entre comunidades próximas os que favorecían a difusión de determinadas tipoloxías de prendas. Neste contexto desenvolvéronse os traxes de brillantes da comarca de Santiago, caracterizados pola utilización de pequenos cristais cosidos directamente sobre a tea para formar diferentes composicións ornamentais. Estes adornos aparecían en prendas como mantelos e basquiñas, confeccionados en pano, pero era nos diantais de veludo onde se concentraban as decoracións máis elaboradas.

Un dos elementos que distinguía esta indumentaria era a variedade cromática dos abelorios. Mentres noutras zonas de Galicia predominaba a ornamentación negra, nas terras compostelás empregábanse catro tonalidades: negro, prata ou claro de lúa, cobre ou Bristol e dourado. Con estes materiais elaborábanse motivos vexetais e relixiosos, entre os que figuraban espigas, follas, corazóns e representacións de custodias. “Nos diantais é onde máis se expresa esta tipoloxía de brillantes, onde máis se adorna o traxe”, explica a secretaria da asociación.

A expansión desta ornamentación produciuse a partir de mediados do século XIX, arredor de 1850, cando comezou a popularizarse unha decoración máis abundante. Anteriormente xa existían elementos ornamentais na vestimenta, pero eran xeralmente máis discretos, como pequenos agremáns ou remates aplicados sobre o tecido. Este gusto polos adornos elaborados mantívose ata as primeiras décadas do século XX, cando a utilización habitual dos traxes tradicionais comezou a desaparecer coa chegada doutras formas de vestir.

A indumentaria tradicional era a roupa das clases populares

Unha das cuestións que destaca Nogareda é que, malia a riqueza decorativa dalgúns exemplares, os traxes tradicionais galegos non eran propios da aristocracia nin da burguesía, senón das clases populares. “Dentro das clases populares parece que só había labregos, pero non. Había xente con maior e con menor poder adquisitivo”, explica. A existencia de familias labregas acomodadas e de persoas dedicadas a diferentes profesións permitía que dentro da propia sociedade popular convivisen prendas de moi distinta calidade e elaboración. Deste xeito, un diantal con abundantes brillantes non significaba necesariamente que a súa propietaria pertencese aos estamentos sociais máis elevados.

Pola contra, as clases aristocráticas e burguesas seguían as tendencias internacionais, especialmente a moda parisiense, e non acostumaban empregar a indumentaria tradicional. Esta separación comezou a mudar durante a primeira metade do século XX, cando a roupa popular adquiriu unha nova función relacionada coas representacións culturais.

Segundo Nogareda, entre as décadas de 1930 e 1950 determinados sectores acomodados comezaron a recuperar prendas antigas conservadas nas aldeas para utilizalas en actuacións teatrais, musicais e folclóricas. Neste proceso participaron diferentes agrupacións corais e culturais, herdeiras dun movemento que xa contaba con antecedentes a comezos do século XX. “Moitas familias burguesas teñen estes traxes porque foron buscalos ás clases populares, non porque viñesen dun legado familiar real”, explica. Esta circunstancia contribuíu a que parte da roupa histórica chegase ata a actualidade, aínda que tamén favoreceu a súa transformación progresiva nunha indumentaria destinada aos escenarios.

Unha exposición con sete pezas históricas e dezanove réplicas

A investigación sobre os traxes de brillantes composteláns desenvolveuse a partir de pezas conservadas en coleccións particulares e institucionais. Un dos principais referentes foi a familia Paz Nogueira, do Castiñeiriño, que custodia un conxunto de prendas desta tipoloxía. Nogareda explica que o interese da asociación por afondar no estudo desta indumentaria recibiu un novo impulso cando a entidade decidiu representar a vestimenta santiaguesa nun certame celebrado en Zamora. A partir daquela iniciativa ampliouse o traballo de localización de exemplares e de elaboración de reproducións. A exposición actual permite coñecer parte dos resultados da investigación realizada por Alberto Golpe Beceiro e Andrés Collantes, coa colaboración das familias e entidades que conservaron as pezas.

A mostra reúne sete diantais antigos e dezanove réplicas modernas. Algunhas destas reproducións están realizadas a partir dos propios exemplares expostos, mentres outras toman como referencia fotografías históricas ou prendas conservadas noutras coleccións.

A roupa que se perdeu e a importancia dos documentos históricos

Aínda que existen coleccións particulares e institucionais, unha parte da indumentaria tradicional galega desapareceu sen deixar exemplares materiais que permitan estudala directamente. Nogareda destaca especialmente a escaseza de calzado antigo conservado en Galicia, malia que existen numerosas referencias documentais sobre os diferentes modelos empregados.

Para reconstruír estes aspectos da vestimenta, os investigadores recorren a fontes como os boletíns oficiais provinciais históricos, que poden conter descricións de prendas, materiais e cores. Estes documentos tamén permiten comprobar que a roupa conservada non representa necesariamente toda a variedade que existía. Como exemplo, a secretaria da asociación menciona as referencias a numerosas prendas verdes na documentación histórica de Ourense, aínda que entre os exemplares antigos que chegaron ata hoxe predominan os vermellos e amarelos. A explicación podería estar relacionada coa conservación selectiva da roupa: as pezas consideradas máis valiosas ou destinadas a ocasións especiais gardábanse, mentres as empregadas habitualmente acababan deteriorándose.

As condicións climáticas, o desgaste e os hábitos de conservación tamén influíron na supervivencia deste patrimonio. Nogareda compara a situación galega coa de León, onde existen coleccións con numerosas prendas antigas, e coa de Asturias, onde determinados tipos de vestimenta apenas contan con exemplares testemuñais. Porén, considera que as diferenzas non dependen unicamente da conservación material, senón tamén da relación que cada sociedade mantivo coa súa indumentaria.

Para a secretaria da Asociación do Traxe Galego, unha das principais dificultades para preservar esta tradición é a súa identificación case exclusiva coa música e co baile. “A indumentaria galega en Galicia non se vive como un sinal de identidade. Vívese como o que se usa para bailar ou para tocar”, afirma. Nogareda considera que esta situación contrasta coa doutras zonas da península, onde a vestimenta tradicional continúa presente en celebracións e actos públicos nos que participa a poboación xeral. “Se eu non bailo e non toco, non me relaciono co traxe de ningunha maneira, porque non é parte da miña vida”, sinala.

Pode que che interese...