Castelo de San Felipe / Concello de Ferrol

Ferrol convértese oficialmente en Lugar de Memoria Democrática con 22 espazos históricos recoñecidos

Tempo de lectura: 4 min.

A cidade de Ferrol foi declarada oficialmente Lugar de Memoria Democrática, segundo a resolución publicada este luns no Boletín Oficial do Estado. O recoñecemento abrangue 22 espazos históricos relacionados coa defensa da legalidade republicana, a represión exercida durante a ditadura franquista e as mobilizacións sociais e obreiras que contribuíron á recuperación das liberdades democráticas.

A declaración foi aprobada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática e pon fin ao procedemento iniciado en novembro de 2025. A súa singularidade reside en que non se limita a un monumento ou edificio concreto, senón que recoñece a cidade como un conxunto de lugares vinculados a diferentes episodios da historia contemporánea. Entre os espazos incluídos figuran o castelo de San Felipe, as antigas prisións militares, os cemiterios nos que se produciron fusilamentos, o Arsenal de Ferrol, o Teatro Jofre, diferentes edificios relacionados co movemento obreiro e o monumento que lembra os sucesos do 10 de marzo de 1972.

O documento oficial sitúa os antecedentes da tradición republicana ferrolá no século XIX, especialmente na insurrección que tivo lugar entre o 11 e o 17 de outubro de 1872. Durante aqueles días, traballadores da maestranza, republicanos federalistas, anarquistas e integrantes da Armada participaron nun levantamento que chegou a ocupar o Arsenal, o Concello e varios buques. Os participantes proclamaron a República Federal no patio de armas, nun episodio que precedeu á instauración da Primeira República española en 1873.

Esta tradición política volveu manifestarse durante a proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931, cando os representantes das candidaturas republicanas asumiron o goberno municipal. A importancia militar e industrial de Ferrol contribuíu a converter a cidade nun espazo de especial relevancia política. A actividade dos estaleiros e do Arsenal favorecera a presenza de organizacións sindicais e obreiras, que desenvolveron unha intensa actividade durante as primeiras décadas do século XX.

Tres días de resistencia ao golpe militar

O levantamento militar comezou en Ferrol o 20 de xullo de 1936, dous días despois do inicio do golpe de Estado contra a República. Segundo recolle o BOE, a sublevación triunfou o 22 de xullo, despois de tres días de resistencia protagonizada por mariñeiros, traballadores e persoas leais ao Goberno republicano. A ocupación dos principais puntos estratéxicos permitiu aos militares sublevados establecer un novo poder na cidade e iniciar unha represión sistemática contra os seus adversarios políticos.

O documento oficial describe un proceso caracterizado polas detencións, os consellos de guerra sumarísimos e as execucións, que afectaron especialmente a militares republicanos, sindicalistas, traballadores e representantes de organizacións políticas. Numerosos edificios e instalacións militares foron empregados como lugares de reclusión, entre os que se destacan o castelo de San Felipe, convertido en prisión militar e escenario de fusilamentos.

Tamén desempeñaron funcións represivas o presidio da Escollera, as prisións navais de Caranza e A Graña, o Cuartel do Baluarte, o Cuartel de Dolores, a prisión do partido xudicial e a Comisaría de San Amaro.

O antigo cemiterio de Canido e as vítimas da represión

Outro dos lugares aos que a resolución concede maior importancia é o antigo cemiterio civil de Canido, empregado durante os primeiros anos da ditadura como espazo de execución e enterramento de persoas represaliadas. O cemiterio conservou ata 1965 varias fosas comúns nas que se atopaban restos de aproximadamente 300 vítimas da represión violenta exercida entre 1936 e 1945. Co paso dos anos, o recinto funerario desapareceu e sobre os seus terreos construíuse o actual Instituto de Canido.

A declaración inclúe tanto o centro educativo como a próxima igrexa de San Rosendo, que anteriormente funcionara como capela do cemiterio. Outro dos lugares recoñecidos é o cemiterio da igrexa de San Salvador de Serantes, onde a resolución sitúa varias fosas comúns con restos dunhas 150 vítimas. Neste mesmo ámbito figura o monólito dedicado a Alejandro Porto Leis, alcalde republicano de Serantes, executado en 1938 xunto con veciños que intentaron prestarlle axuda.

Un monumento que lembra 904 persoas asasinadas

O recoñecemento tamén incorpora a memoria das vítimas a través dos espazos conmemorativos construídos nas últimas décadas. Entre eles destaca o Memorial de Canido, inaugurado o 24 de febreiro de 2024 no parque Antón Varela. O monumento recolle os nomes de 904 persoas asasinadas pola ditadura franquista entre 1936 e 1975 nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e a súa creación foi resultado do traballo desenvolvido durante anos por entidades memorialistas e familiares das vítimas.

A resistencia obreira durante a ditadura

A declaración tamén recoñece a importancia da resistencia social e sindical desenvolvida durante a ditadura, especialmente no sector naval, mencionando diferentes mobilizaciósn que marcaron a historia laboral da cidade, entre elas a folga do aceite de 1946 e as protestas de 1966 contra o despedimento de traballadores da sección de Obras Civís de Bazán. Un dos episodios máis significativos produciuse o 10 de marzo de 1972, durante as mobilizacións dos traballadores dos estaleiros. A intervención policial provocou a morte dos obreiros Amador Rey e Daniel Niebla, convertidos posteriormente en símbolos da loita sindical contra a ditadura.

Tamén se inclúe o número 27 da rúa Terra, relacionado co asasinato do sindicalista e militante nacionalista Moncho Reboiras, abatido pola policía franquista en 1975.

O expediente incorpora espazos que permiten coñecer diferentes dimensións da historia política e cultural de Ferrol. Entre eles figura o Cantón de Molins, que aparece vinculado á defensa do edificio consistorial fronte aos militares sublevados en xullo de 1936.

O Teatro Jofre, pola súa banda, é recoñecido polo seu papel como escenario de reunións e actos políticos durante a Segunda República, así como o Centro Obreiro de Cultura e Beneficencia, que representa a actividade educativa, asociativa e cultural desenvolvida pola clase traballadora.

A declaración tamén incorpora a factoría de Navantia, herdeira dos antigos estaleiros, pola súa relación coa historia industrial e sindical da cidade.

No ámbito documental, recoñécense o Arsenal Militar, o Arquivo Naval de Ferrol, situado no Palacio de Capitanía, e o Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, instalado no antigo Cuartel do Baluarte.

Pode que che interese...