Arquivo - Dolmen de Axeitos / Turismo de Galicia

O megalitismo galego, a estudo en Vimianzo: catro xornadas para coñecer as súas orixes e o seu legado

Tempo de lectura: 2 min.

O municipio de Vimianzo acollerá entre o 4 e o 25 de novembro un curso dedicado ao megalitismo no noroeste peninsular, unha iniciativa formativa da UNED que permitirá coñecer as sociedades que levantaron os primeiros monumentos de pedra, as súas formas de vida e a relación destas construcións co territorio. A actividade prestará especial atención ao patrimonio arqueolóxico da Terra de Soneira e da Costa da Morte, combinando os coñecementos sobre a Prehistoria coas posibilidades actuais de conservación, investigación e divulgación.

Baixo un enfoque que abrangue dende as orixes do fenómeno megalítico ata a súa presenza na sociedade contemporánea, o programa desenvolverase na Aula UNED de Vimianzo, con catro sesións de tres horas previstas para os días 4, 10, 18 e 25 de novembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas. As persoas interesadas poderán participar presencialmente ou seguir as clases por internet, tanto en directo como en diferido.

A formación estará impartida por Patricia Mañana-Borrazás, arqueóloga e investigadora especializada na aplicación de tecnoloxías 3D ao patrimonio cultural, e Santiago Vázquez Collazo, arqueólogo, licenciado en Xeografía e Historia na especialidade de Arqueoloxía e Prehistoria e secretario da Fundación L. Monteagudo.

O curso comezará o mércores cunha aproximación ao megalitismo como fenómeno de alcance global. A primeira sesión permitirá situar estas manifestacións arquitectónicas no contexto do Neolítico e examinar as características das construcións monumentais que diferentes comunidades ergueron durante a Prehistoria. A análise abordará os rituais, os símbolos e as prácticas culturais asociadas aos monumentos megalíticos. A partir das evidencias arqueolóxicas dispoñibles, o profesorado explicará as principais interpretacións sobre a función destas estruturas e o seu significado para as comunidades que as construíron.

A segunda xornada, prevista para o martes 10, trasladará a atención ás sociedades megalíticas e á súa vida cotiá. Fronte á habitual asociación dos dolmens co mundo funerario, a sesión examinará tamén outras dimensións destas comunidades, como a cultura material, a expresión artística ou a súa relación co medio natural. Nesta mesma sesión introducirase a presenza dos monumentos megalíticos na cultura popular, un ámbito que permite estudar como estas construcións foron interpretadas polas poboacións ao longo do tempo. O programa achegarase especialmente á Terra de Soneira, Vimianzo e a Costa da Morte, territorios nos que se conserva un importante conxunto de vestixios megalíticos.

A conservación e a divulgación do patrimonio

Ademais da perspectiva histórica, a formación dedicará unha parte do seu programa aos desafíos que presenta o patrimonio megalítico na actualidade. O 18 de novembro, a terceira sesión centrarase nas posibilidades de aplicar os resultados da investigación arqueolóxica a diferentes ámbitos sociais.

Entre as cuestións que se examinarán figuran a educación patrimonial, o turismo sustentable, a difusión cultural e a xestión dos monumentos arqueolóxicos. O obxectivo será analizar como o coñecemento científico pode contribuír á protección destes bens e á súa integración nas iniciativas culturais e educativas dos territorios nos que se atopan.

A última xornada, o 25 de novembro, terá un carácter participativo. O alumnado presentará os seus traballos e propostas, que serán sometidos a debate colectivo coa orientación do equipo docente. A sesión incluirá unha titoría metodolóxica e un laboratorio de ideas no que se reflexionará sobre os retos da divulgación arqueolóxica e da conservación do patrimonio.

Pode que che interese...