fbpx
Escavacións no castelo de Portomeiro / remitida

Na procura dos segredos do Castelo de Portomeiro

Tempo de lectura: 2 min.

O próximo luns, 11 de Xullo, comeza a terceira campaña de escavación arqueolóxica no xacemento altomedieval do Castelo de Portomeiro. Esta intervención é, novamente, froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultura Larada, propietaria do xacemento. Como nas anteriores intervencións, os traballos serán realizados por investigadoras do grupo de investigación Síncrisis, Castelos no Aire e a colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’.

Do mesmo modo que na campaña do ano 2011, a intervención contará cun nutrido grupo de estudantes do grao de Historia e Historia da Arte da USC. Durante estas dúas semanas, a equipa de ‘Castelos no Aire’, dirixida por Jose Carlos Sánchez-Pardo e Mario Fernández-Pereiro, procurará ampliar os datos coñecidos sobre este interesante castelo altomedieval e, ao mesmo tempo, formar a novas fornadas de arqueólogas. “Consideramos moi interesante non só a intervención e os novos datos a obter sobre a Alta Idade Media neste territorio, senón tamén a formación práctica de estudantes do grao de Historia e de Historia da Arte no traballo arqueolóxico”, comenta o profesor José Carlos Sánchez-Pardo.

Escavación dun edificio

Esta nova campaña no Castelo estenderase até o venres 22 de Xuño e ten como obxectivo ampliar as zonas escavadas nos anos previos. “O obxectivo este ano é exhumar por completo outro edificio situado no sur do castelo. A importancia deste edificio ven dada pola súa boa factura técnica e a súa boa conservación, podería ser un bo obxectivo a consolidar e deixar visitábel en futuras intervencións”. explica Mario Fernández-Pereiro, co-director da intervención. “Lembremos que no ano 2021, foi posible a escavación completa dun edificio e a súa posterior consolidación. Este ano centrarémonos na escavación de varios sectores, mais xa planificando próximas campañas de consolidación das estruturas” apunta José Carlos Sánchez-Pardo, co-director da intervención. “Escavar, divulgar e consolidar para facer do xacemento un lugar visitábel e de interese na comarca era unha reclamación da asociación Larada, propietaria do Castelo.”

O Castelo de Portomeiro é o primeiro xacemento fortificado de entre os séc. VIII-X escavado na Galiza, momento que marcará a posterior evolución política e histórica do noroeste penínsular. “Estamos documentando arqueoloxicamente o proceso de ocupación e organización do territorio por parte da monarquía reinante en Oviedo-León”, comenta Mario Fernández-Pereiro, “Todo isto relacionado, evidentemente coa inventio do sartego de Santiago e a construción da cidade de Compostela e o Locus Sancti Iacobi”, completa Jose Carlos Sánchez-Pardo.

Esta campaña estará centrada na escavación parcial da muralla e de dous edificios situados intramuros. Ao igual que intervencións pasadas, esta campaña no Castelo estará ‘aberta por escavación’, facendo posíbel a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.

Pode que che interese...