Domingo Fontán co seu mapa

Así foi a elaboración do mapa de Galicia que revolucionou a Xeografía española

Domingo Fontán foi o autor do primeiro mapa de Galicia pero tamén da primeira representación xeográfica que houbo en España. Durante máis de 25 anos traballou para rematar un mapa que supuxo unha revolución da xeografía do seu tempo. Comezou medindo unha base de 2.291 metros na estrada de Santiago á Coruña, entre Formarís e A Sionlla, coa que iniciou a súa triangulación, nun traballo que concluíu coa impresión da súa carta en 1845.

Conseguiu vincular así as dúas culturas, a dun Matemático que antes se licenciou en Filosofía e Artes e que non escatimou a súa actividade política. A Torre do Reloxo da Catedral de Santiago foi o punto cero de referencia das medicións coas que Domingo Fontán foi construíndo unha malla triangular con vértices nos cumes dos montes e promontorios. Seguiu a escala 1:100.000, o que a converteu no primeiro mapa construído en España utilizando medidas xeodésicas rigorosas con base científica.

Detalle da Carta Xeométrica de Fontán

Homenaxe

E, agora, 200 anos despois da súa epopeia, O Consello da Cultura Galega editou unha unidade didáctica dedicada a Domingo Fontán, para render unha homenaxe ao seu traballo “titánico”. Coa unidade didáctica presentada este mércores, da que se editaron mil exemplares, tratarase de achegar aos escolares galegos a obra dun matemático galego, catedrático de Matemática Sublime, que desde 1817 a 1834 dedicouse a elaborar a primeira carta xeométrica de Galicia, que se utilizou como base cartográfica para proxectos de ferrocarril ou estradas.

A elaboración do dossier escolar iniciouse en 2017, no momento no que se cumprían 200 anos desde que Fontán comezou a Xeométrica de Galicia. O luns, día 8, ao coincidir co aniversario 230 do seu nacemento, a unidade didáctica será presentada no colexio de Portas, por ser a localidade natal de Fontán. E pola tarde, celebrarase o Día da Ciencia, tamén dedicado a Fontán, o en Pazo de San Roque.

A Lagoa de Antela no mapa de Fontán

Un “gran patriota”

Uns actos cos que se porá de manifesto a relevancia “dun gran patriota, sen alharacas nin pretensións ególatras”, que con “vontade de ferro” realizou unha “das obras máis titánicas” de Galicia, un Catedrático de Matemáticas Sublimes que “enganchou un cabalo e percorreu Galicia” para elaborar unha carta xeométrica que a situou á “avanzada” da ciencia de España e Europa.

Así o destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que enxalzou tamén o exemplo que para as próximas xeracións debe supor Domingo Fontá, unha persoa capaz de “subir 200 veces á Torre do Reloxo da Catedral para medir”.

Elena Vázquez, unha das responsables da unidade, incidiu así en destacar a “suma de saberes” que exemplifica Domingo Fontán, capaz de desenvolver un proxecto que implicou matemática, historia ou xeografía. O mesmo obxectivo perséguese, precisamente, no traballo dedicado aos colexios, que inclúe actividades, como un crebacabezas, co que os escolares poderán entender a aplicación práctica de disciplinas como a trigonometría.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: