fbpx

Que hai detrás da barca medieval inédita atopada afunidada nas augas de Ribadeo?

Tempo de lectura: 2 min.

Ribadeo volve ser escenario de novos achados arqueolóxicos. Este 30 de agosto deuse a coñecer o descubrimento dunha embarcación que, nun primeiro momento, se vincula coa peregrinación a Santiago de Compostela. Despois de que as augas ribadenses sacasen á luz o galeón “San Giacomo di Galiza” o pasado mes de xuño, a ría non deixa de sorprender, dando mostra da riqueza arqueolóxica do lugar.

“Este achado, descuberto grazas á campaña arqueolóxica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a levar a cabo na ría de Ribadeo, é importantísimo xa que aporta probas do transporte usado na peregrinación a Compostela”, destacou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, despois de visitar os traballos arqueolóxicos.

O recente descubrimento é dunha peza lonxitudinal de madeira labrada en forma de L, que formaría parte dunha embarcación. As primeiras pesquisas, grazas ás análises realizadas con carbono 14, apuntan a que se trata dunha peza construída entre os anos 1050 e 1260, época na que se publicou a Légende de Saint Julien, que recolle as peregrinacións de Julián a diferentes lugares Santos, entre eles Santiago de Compostela. A isto engádese o feito de que Ribadeo era un importante porto para a entrada de peregrinos, polo que se relaciona a embarcación coa peregrinación.

Os traballos arqueolóxicos enmárcase dentro das axudas solicitadas ao GALP a través do proxecto Retornos do Pasado, que “ten o propósito de estudar os restos arqueolóxicos que se conservan no fondo do porto de Ribadeo para coñecer a nosa historia e a nosa cultura”, como destacaron dende o Concello.

A riqueza arqueolóxica ribadense tamén será a protagonista este sábado 3 de setembro, cando se realice unha inmersión para coñecer de primeira man os tesouros baixo a auga, actividade acompañada dunha charla informativa. “Será unha oportunidade para coñecer e gozar da riqueza arqueolóxica da ría, un dos recursos máis importantes da nosa zona”, engadiu a alcaldesa en funcións Mónica Freire. Máis información no Xornal da Mariña.

Pode que che interese...