fbpx

David contra Goliat: novos petróglifos no Monte do Gato abren esperanzas na loita contra os eólicos

Tempo de lectura: 2 min.

Ata cinco enclaves con petróglifos foron os atopados no Monte do Gato, en Betanzos, dende o mes de abril. Foi entón cando un veciño de Oza-Cesuras comentou a existencia dunha “pedra cunha cruz” que lle ensinara o seu avó. Tras a súa localización, o arquitecto Bruno Prada encontrou arredor dunha ducia de petróglifos de fai máis de 4.000 anos.

É na zona do Monte do Gato onde se planea a instalación de eólicos, polo que a descuberta dos petróglifos podería converterse nunha nova arma para a protección do lugar. “Eu vivo a cen metros dos petróglifos. Como tamén formo parte da directiva da plataforma antieólicos tamén quixemos ir rápido para incluír este achado nas alegacións contra os parques proxectados, van seis nesta contorna”, explica Prada ao xornal La Opinión A Coruña.

Ata o de agora están localizados cinco enclaves con petróglifos, que presentan diferentes figuras, principalmente formadas por círculos concéntricos. Trátase de gravados semellantes aos que existentes no parque rupestre de Vilarmaior, un dos máis importantes da comunidade.

Ata o de agora, xa se informou a Patrimonio da existencia dos gravados, e o arqueólogo Tito Concheiro foi o encargado de realizar unha primeira intervención consistente na limpeza das pedras nas que se atoparon petróglifos. “Agora vamos realizar fotografías nocturnas para ver ben os debuxos, facer un escaneamento e xeorreferenciar todo”, engade Prada.

A estas estacións súmase a presencia dunha necrópolis megalítica na zona dos Montes do Gato, o que fai que sexa un lugar con gran interese cultural. Nisto apóianse veciños e diferentes profesionais para protexer os montes fronte á instalación de aeroxeneradores. Un total de dez voluntarios xa crearon unhas brigadas veciñais para atopar máis elementos patrimoniais para “facer mapeos contrarreloxo”. Trátase dunha iniciativa que se suma á actividade de colectivos como Terra de Trasancos, a Fundación Monteagudo, Monfero Di Non, a Asociación SOS Monte do Gato Seselle ou a bióloga Mónica Fernández Aceytuno, que xa recolleu máis de 37.000 firmas para que o Monte do Gato sexa declaro parque natural.

Profesionais e veciños loitan pola protección do medio rural, dando a coñecer o turismo cultural que estes lugares teñen, defendendo ao mesmo tempo os intereses ecoloxistas e paisaxísticos. Máis información el La Opinión A Coruña.

Pode que che interese...