fbpx

Unha bala, unha lousa e unha moeda… Así evolucionou a historia da Coruña no Castro de Elviña

Tempo de lectura: 2 min.

Durante dúas semanas, o Castro de Elviña, na Coruña, acolleu traballos de sondaxe que sacaron á luz novos achados. Así o deu a coñecer o Concello da Coruña, tras rematar as labores de intervención que se desenvolveron entre o 27 de xuño e o 15 de xullo.

Unha bala da batalla de Elviña datada do 1809, un anaco de lousa do século XIX e unha moeda do s. II coa imaxe de Faustina a menor, esposa do emperador Marco Aurelio, son algún dos elementos que destacan da escavación, e cuxos resultados se deron a coñecer nos últimos días.

A intervención, liderada polo investigador Samuel Nión Álvarez, consistiu en dúas sondaxes. A primeira delas tiña como obxectivo identificar un posible elemento antropomorfo, mentres que a segunda centrouse no túmulo do Castro, unha estrutura que se atopa na ladeira sueste do xacemento.

Grazas a estas labores permitiuse unha mellor delimitación do castro, cuxas primeiras escavacións se realizaron nos anos 40 e 50 por parte dos arqueólogos Luís Monteagudo e José María Luengo. Foi entón cando se descubriu que no castro había o que parecía unha aliñación de pedras habitual no mundo galo-bretón, unha estrutura na que se afondou grazas ás sondaxes.

Ademais, cabe destacar as labores de restauración que se realizaron no coñecido como torreón do Castro de Elviña, uns restos arqueolóxicos que foran exhumados nas campañas dos anos 2020 e 2021. Estes traballos de restauración foron dirixidos por Simón Pena Basso a cargo da empresa Árbore Arqueoloxía. Centráronse na consolidación do lousado da entrada, o que permite un acceso máis doado ao recinto do xacemento.

Nos traballos de sondaxe participou un equipo técnico de dez profesionais e oito alumnos en prácticas, dos graos de Historia da arte e do Máster Interuniversitario en arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC, mentres que nas labores de restauración estiveron presentes seis arqueólogas e arqueólogos e dúas restauradoras. Máis información en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...