fbpx

O Carril das Flores, unhas obras polémicas no corazón de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), denuncian que as obras que se están a levar na esquina entre as rúas Carril das Flores e San Roque, no centro histórico de Lugo, non reúnen as garantías necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico.

Os bens Patrimonio da Humanidade que se verían afectados polas obras segundo Adega son a Muralla Romana e o Camiño Primitivo, ao seu paso polo centro da cidade. Ademais, a pasarela que une as rúas de San Roque coa Ronda da Muralla tamén se podería ver afectada.

Ante isto, dende a asociación presentaron un escrito á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. “Estas obras estanse a realizar actualmente fóra do prazo concedido ao efecto, sen reunir os requisitos e garantías necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado”, alegan dende Adega.

Un dos feitos que critican é o que afecta ao tramo do Camiño Primitivo/Carril das Flores, que actualmente conta cunha pendente do 11,16%, que pasaría a ser do 13,38%, incumprindo así as normas de accesibilidade vixentes, e tendo en conta que este lugar é unha das principais entradas á cidade histórica.

As obras ao carón de restos arqueolóxicos tamén foron obxecto de críticas. “A principios da segunda semana do mes de xuño, a cidadanía lucense mesmo puido observar como dentro do quinteiro quedaron ao descuberto muros pétreos de presumible interese ou valor arqueolóxico, muros que motivaron a curiosidade dos transeúntes e que foron rapidamente ocultados”, explican dende Adega. Engaden, ademais, que nestas labores non están presentes os arqueólogos, algo que demandan para salvagardar os restos que se atopen.

Como protesta, a asociación convocou una concentración o pasado 18 de xullo na porta de San Pedro, na que reclamaron a paralización inmediata das obras. Ademais, ao día seguinte desenvolveuse un coloquio para explicar as obras e as súas posibles consecuencias. Máis información na páxina web de Adega.

Pode que che interese...