fbpx
Recreación de Xullo César comandando o Exército Romano / acercatealassociales.blogspot.com.es/

Coñece o ouro perdido dos romanos ou os segredos das aves dos confíns de Galicia con Rutas de Historia

Tempo de lectura: 4 min.

As montañas de ouro dos romanos, os segredos das aves dos confíns de Galicia, os berce da industria do país e os castros que miran a Irlanda ou a cidade oculta da poeta Luísa Villalta. A sétima edición primavera-verán de Rutas de Historia viaxará polo interior por Arbo, Estaca de Bares, Cervo e A Coruña e será guiada por escritores, poetas, xeógrafos ou biólogos.

Precisamente, Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia é o principal obxectivo de rutasdehistoria.gal, un proxecto patrimonial impulsado polo portal web historiadegalicia.gal cun cun único fin: poñer en valor o seu patrimonio local.

Roteiros en primavera

As andainas terán lugar o 25 maio, 1 xuño, 15 xuño e 29 de xuño de 2024.  Todos eles de mañán ee combinarán visitas con camiñatas. Os alcaldes, acompañados nalgunhas ocasións por divulgadores locais explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. As persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño.

Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto rutasdehistoria.com ou rutasdehistoria.gal e terán que abonar 5 euros para pagar seguros e transporte.

Cabo Estaca de Bares / Wikipedia

 

1. “Sempre é desandado o Camiño”, A Coruña de tinta e mar de Luísa Villalta  (25 de maio)
Andaina guiada pola cidade da Coruña para descubrir a historia poética de Luisa Villalta, poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista. Percorreremos os seus espazos vitais e falaremos das súas obras nos lugares onde foron creadas.

Guía: Estíbaliz Espinosa, poeta, intérprete lírica e comunicadora de ciencia

2 . Na procura do ouro perdido do río Miño  (1 de xuño)

Este roteiro lévanos ao máis fondo do río Miño, alí onde os romanos partiron en dous un val en busca de ouro. Visitaremos en Arbo as minas romanas de ouro de A Lagoa, que abarcan unhas 40 hectáreas e da que se cre que se moveron dous millóns de m3 de sedimentos .Pasearemos por restos de minaría galaico-romana e poderemos ver tamén algo da historia xeolóxica e etnolóxica deste río coas súas formas sorprendentes e as súas vellas pesqueiras medievais.

Guía: Óscar Pazos, escritor, divulgador e xeólogo

3. Estaca de Bares, onde a terra abraza o mar  (15 de xuño)

Este paseo levaranos a coñecer un dos puntos xeográficos máis fermosos de Galicia e un enclave ornitolóxico único en Europa. Entre os meses de agosto e novembro chéganse a contabilizar algúns anos máis de 100.000 exemplares de aves. Na zona tamén están as ruínas dunha base dos Gardacostas dos Estados Unidos que se instalaron alí a comezos dos anos 60 e marcharon no 1991. O roteiro levaranos pola contorna do cabo de Estaca de Bares, visitando o faro, as ruínas da antiga base militar norteamericana, o observatorio de aves e os muíños próximos e o Semáforo de Bares. Gozaremos das vistas desde o propio Semáforo de Bares e o chamado Banco de Bares. Xa pola tarde, e para os que queiran, realizaremos unha sesión de avistamento de aves.

Guía: Antonio Sandoval Rey, escritor, divulgador e ornitólogo

4.Sargadelos, o mundo máxico das formas, cores e animais míticos de Galicia  (29 de xuño)

Este roteiro levaranos o corazón da industria que Antonio Raimundo Ibáñez Llano y Valdés, o marqués de Sargadelos, deseñou a finais do século XVIII nun recuncho da Mariña. Camiñaremos entre fragas centenarias, polo Camiño Real que ía desde as Reais Fábricas de Sargadelos até o porto de San Cibrao, coñeceremos todo o complexo industrial e tamén os grandes restos arqueolóxicos que hai na súa contorna.

Elisa Pérez, reponsable do Museo de Sargadelos e Manuel Miranda, Divulgador e presidente de Mariña Patrimonio

Sargadelos, antigos fornos de fundición / Lourdes Cardenal Wikimedia

O proxecto

Os roteiros de Rutas de Historia queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia e dos concellos que a conforman. Tamén para crear conciencia entre a veciñanza de que a historia e o patrimonio poden ser un valor engadido para a dinamización da economía local.

O proxecto Rutas de Historia naceu en 2017 da man do xornalista e profesor da USC, Xurxo Salgado, co obxectivo de poñer en valor a nosa historia. Desde entón e ata hoxe se teñen realizado máis de 60 roteiros. Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal historiadegalicia.gal, colaboraron representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Colectivo Capitán Gosende, colectivo A Rula, a Asociación Cultural Roxín Roxal ou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo. Tamén participaron arqueólogos como Xurxo Ayán ou Antón Malde e destacados divulgadores culturais e escritores de novela histórica como Anxo Angueira, Manuel Gago, Marcos Calveiro, Eva Mejuto ou Carmen Varela, entre outros.

Pode que che interese...