fbpx
Desfeitas dunha mámoa no Monte do Gato, en Oza-Cesuras / Xabier Moure

As desbrozadoras arrasan novas mámoas en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Galicia é o país das mámoas, e dos petróglifos, e dos castros e de infinidade de outros bens que fan que sexa un dos territorios máis ricos en patrimonio. Pero tamén é o país onde hai a quen non lle importa estragar estes monumentos por intereses económicos.

E, especialmente, son as mámoas e os petróglifos os que peor parado saen en canto a agresións patrimoniais, a maior parte das veces, debido a desbroces incontrolables ou plantacións de especies foráneas nos nosos montes.

Recentemente outra mámoa sufriu unha agresión no concello de Oza-Cesuras. Non é a única que sofre un atentado neste municipio. No mes de abril de 2016, os divulgadores Xavier Moure e Luis Seoane denunciaron ante Patrimonio e o propio concello unha agresión a dúas mámoas dos Montes do Gato durante a tala de eucaliptos realizada con maquinaria pesada. Xa no ano 2002, foi o arqueólogo Antón Malde quen denunciara a agresión a varias mámoas da necrópole.

Mámoa afectada en Mougá, Ferrol / Xabier Moure

Mámoa afectada en Mougá, Ferrol / Xabier Moure

Novos atentados en Ferrol

Por outra parte, o día 5 de febreiro de 2015 tamén se denunciou un novo atentado contra as mámoas de Mougá (Ferrol). Unha mámoa foi arrasada por unha desbrozadora de cadeas que a achandou case na súa totalidade, ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos. Ao día seguinte comunicouselle ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia na Coruña.

A principios do mes de abril de 2016, Moure informou doutro atentado a dúas novas mámoas desta necrópole, tamén debido a unha tala de eucaliptos. “Hai uns días comprobamos que sobre outra mámoa da mesma necrópole plantaron eucaliptos, utilizando maquinaria pesada”, denuncia.

Tamén hai uns días denunciaban o estado da anta de Zarramacedo, en Santiago de Compostela, danado por outra plantación de eucaliptos, tal e como xa denunciou HdG.

E todo isto pasa no país das mámoas, no reino dos mouros. Un país no que, a pesar da destrución incontrolable dalgunha delas, tamén oculta, ás veces, gratas sorpresas como a descuberta de novas antas, como aconteceu, recentemente, en Vimianzo e Becerreá.

Pode que che interese...