fbpx
Anta de Caxadas, decuberta recentemente en en Vimianzo

Galicia, o país das mámoas esquencidas

Tempo de lectura: 5 min.

Nos últimos días apareceron varias mámoas sen catalogar, unha no Concello de Vimianzo e outras dúas no de Becerreá. Non é doado atoparse con estes monumentos megalíticos aínda sen catalogar xa que, o seu tamaño e a súa ubiación, a diferencia dos petróglifos, fan que sexan recoñecidos máis doadamente.

O Concello de Vimianzo deu conta hai uns días dunha mámoa, cunha anta no seu interior, que apareceu nunha finca próxima ao vello camiño entre Caxadas e Sanfíns, na parroquia vimiancesa de Cambeda. Aínda que o túmulo é de grandes dimensións e está situado perto dun vieiro, pasou desapercibido durante todos estes anos. A mámoa foi profanada, como acontece habitualmente, deixando á vista media ducia de esteos verticais un pouco desprazados. Malia que non se realizou un estudo arqueolóxico do lugar, pola súa tipoloxía poderíase datar entre o 4.000 ao 3.000 a.C. O achado xa foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio.

Máis dun cento de mámoas

Non se trata dun dolmen illado, xa que a medio quilómetro ao leste en Caxadas localízase unha concentración de catro mámoas, unha delas coa anta visible (a “Arca”). A isto hai que engadirlle que no termo municipal hai inventariados máis dun cento de túmulos megalíticos, situando este territorio como un dos concellos con maior densidade deste tipo de monumentos de toda Galicia, algúns deles tan importantes como Pedra Cuberta, Pedra da Arca ou a Casota de Freáns.

Localización do dolmen de Caxadas, en Vimianzo

Localización do dolmen de Caxadas, en Vimianzo

Precisamente, existe unha Ruta dos Dolmens que une os nove monumentos megalíticos máis senlleiros, os cales está previsto que fagan parte do prometido Parque Arqueolóxico do Megalitismo proxectado pola Xunta de Galicia. A Ruta deseñada polo concello foi actualizada recentemente, ampliando o seu trazado e instalando unha nova sinalización que corrixiu as deficiencias que mostraba a anterior, conseguindo que agora sexa difícil perderse ao realizar o percorrido. Alén diso tamén se creou un novo mapa que se pode conseguir en formato físico ou dixital na web do concello.

Simposio megalítico

“O descubrimento desta anta é unha magnífica noticia para un concello que se prepara nestes días para acoller o segundo simposio O megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico, trala primeira edición realizada hai unha década en Carballo”, apunta o concello nun comunicado.

O simposio, coordinado polo profesor Antón Abel Rodríguez Casal, terá lugar o fin de semana do 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo. Nel analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que poden achegar novas visións e interpretacións do mundo megalítico en xeral, e nomeadamente o caso da Costa da Morte. As conferencias clausuran o domingo cunha visita arqueolóxica aos monumentos coa participación do poeta Miro Villar. O programa ao completo pódese consultar na web municipal, do mesmo xeito que se pode realizar a inscrición on-line.

Outras dúas en Becerreá

Por outra banda, o pasado 24 de agosto de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron dúas novas mámoas sen catalogar no concello de Becerreá. Atopáronas na Serra de Vilamane, no monte coñecido como O Marco, a 966 metros de altitude. As dúas están danadas.

E se ben é certo que as mámoas foron violadas hai séculos para buscar tesouros, o maior dano produciuse cando o acondicionamento do terreo para a repoboación forestal con piñeiros, que tamén se plantaron sobre elas, segundo apunta este colectivo.

Dolmen de O Marco, en Becerreá, atopado polo colectivo Patrimonio dos Ancares

Dolmen de O Marco, en Becerreá, atopado polo colectivo Patrimonio dos Ancares

A primeira mámoa ten uns 11 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. Sufriu unha escavación furtiva tal como se aprecia no cráter de violación central duns 2 metros de diámetro. Deste cono central sobresaen varias pedras que formaban parte da cámara funeraria e que, debido á

violación ou ben pola acción da maquinaria pesada ao plantar o monte con piñeiros, foron partidas. Sobre a mámoa obsérvanse gran cantidade de pedras de pequeno tamaño que formaban parte da coiraza pétrea.

A segunda mámoa atópase case destruída debido á utilización de maquinaria pesada para a repoboación forestal que lle produciu grandes cortes, facéndolle perder case toda a masa tumular. Na actualidade ten uns 8 metros de diámetro e 0,30 de altura; xusto ao seu carón vense algunhas pedras que formaron parte da cámara megalítica; un destes esteos está case intacto.

O sitio recibe o nome de O Marco por unha pedra fincada, situada xunto as mámoas, que xa figura recollida no Castastro de Ensenada do 10 de abril do ano 1753 e que actuaba como delimitadora das parroquias de Fontarón e Vilamane.

Dolmen de O Marco, en Becerreá

Dolmen de O Marco, en Becerreá

Está nova necrópole atópase a pouco máis dun quilómetro en liña recta da do Chao do Marco, tamén con dúas mámoas, que dende este colectivo sinalou no mes de outubro do pasado ano, sinalización que aos poucos días desapareceu do lugar. Os achados xa lle foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Becerreá.

Agresións

Con estes novos achados, no municipio de Becerreá están documentadas once enterramentos megalíticos datados hai uns 5.000 anos, en xeral en regular ou mal estado de conservación. O pasado ano denunciamos ante o Concello e Patrimonio a agresión con maquinaria pesada a un túmulo da necrópole da Cabeza do Río, na parroquia de Furco. No mesmo ano tamén lle enviamos un escrito ao Concello para que incluíra no PXOM o coñecido como Dolme de Vilouta ou Pedra Cobertoira que, a pesares de figurar no catálogo da Xunta, non estaba recollido no plan de ordenación municipal.

Abandono da Mámoa do Rei

Mámoa do Rei, en Vilaboa

Mámoa do Rei, en Vilaboa

Por outra banda, desde a Asociación Monte Pituco denuncian o estado da Mámoa do Rei que di, “se atopa nun estado de abandono atroz, despois de que investiran -ou máis ben tiraran ao lixo, visto o visto- moitos cartos na súa recuperación”.

Así, lembra que un dos principais activos na promoción turística do Morrazo e da provincia de Pontevedra “está literalmente cuberto de xestas, silvas e toxos”. “A imaxe é lamentable e provoca unha mestura de vergoña allea, indignación e mágoa”, critica.

Pode que che interese...