fbpx
Pontella de Loureza ( O Rosal) / galiciamaxica.eu

Piden a conservación das pontes e pasos fluviais galegos

Tempo de lectura: < 1 min.

‘Poldras, pasos, pasaderas… Reminiscencias del Neolítico‘, este é o novo libro do investigador e historiador Maximino Fernández Sendín no que reivindica o valor patrimonial e histórico dos pasos fluviais.

Unhas pontes, pontellas e pasos que configuran a fisionomía galega pero que son, en moitas ocasións, minusvalorados a pesar de ser, como sinala Sendín, “auténticas reliquias do pasado”. Polo momento, non existe ningún censo do número de pasos que perduran na actualidade en Galicia, ao contrario que sucede con outros elementos do patrimonio, como os cruceiros.

O seu libro é froito de cinco anos de investigación e trátase do primeiro sobre estes elementos de orixe prehistórica, xa que até o momento só existían pequenos traballos. Nel recompila non só os pasos existentes en Galicia, centrándose nos existentes nas comarcas de O Condado e A Paradanta, senón tamén os doutros puntos da Península Ibérica e do resto do mundo.

Así, recolle estruturas existentes en Australia, China ou Inglaterra, entre outros.”Trátase dun sistema de comunicación prehistórico, corresponde a camiños indíxenas”, defende Maximino Fernández Sendín en declaracións a La Voz de Galicia, apuntando que os romanos tamén as utilizaron posteriormente, como queda patente nos restos de Pompeya.

Fernández Sendín incide na enorme riqueza de pasos para cruzar as canles fluviais existentes en Galicia e en Portugal e lembra que xa sufriron importantes danos e só permanecen en tramos fluviais pouco accesibles, como pode verse en Covelo, por exemplo, onde se conservan doce.

Precisamente, o obxectivo do libro é que sexan coñecidos para que sexan rehabilitados e postos en valor. “Pido que sexan declarados Patrimonio da Humanidade”, conclúe. Fonte: lavozdegalicia.es

Pode que che interese...