fbpx
Campaña de varias entidades de defensa do patrimonio, coordinada polo Sorriso de Daniel, e a Rede do Patrimonio de Galicia, para que a TVG teña un programa sobre o patrimonio

Por que non hai na TVG un espazo adicado específicamente ao Patrimonio?

Tempo de lectura: 2 min.

“Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas por dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro”. Este é o primeiro artigo da Lei de Creación da CRTVG do ano 1984. Unha lei que a Asociación O Sorriso de Daniel e a Rede do Patrimonio de Galicia, quere que se cumpla.

Por iso, estas entidades, en colaboración con outras, entre as que se atopa Historia de Galicia, iniciaron unha campaña nas redes sociais para que a TVG poña en marcha un programa adicado específicamente ao rico patrimonio cultural de Galicia.

A campaña lembra que a TVG ten o deber de informar sobre o patrimonio tal e como recolle, tamén o Estatuto de Galicia e a propia Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Con todo, e no que ao Patrimonio material e inmaterial de Galicia se refire, non houbo nos 35 anos ningún programa que se ocupase especificamente de divulgar o valor do Patrimonio Galego.

Micro-espazos

De feito, os espazos sobre patrimonio quedaron sempre relegados a micro-espazos dentro de programas culturais e informativos onde se daba conta de eventos relacionados con el, “pero nunca ocupándose con periodicidade regular do mellor coñecemento do patrimonio artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental, bibliográfico ou mesmo inmaterial”, denuncia O Sorriso de Daniel.

Ademais da posta en marcha deste programa, a campaña pide unha entrevista cos membros da Comisión Permanente de Control da CRTVG e o Presidente da CRTVG para compartir con eles estas demandas e convencelos da necesidade de incluír un programa sobre patrimonio na grella de programación. Para iso, e ademais desta campaña en redes, membros desta entidade presentarán unha iniciativa na Cámara galega.

Pode que che interese...