fbpx
Fiestra do Prioirado Bieito de San Romao de Moreda, en Pantón / Lucas Vázquez

O Priorado bieito de San Romao de Moreda, outra descoñecida xoia da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

Artigo de Lucas Vázquez, enxeñeiro técnico agrícola, fundador de Segredos de Pantón

O Priorado bieito de San Romao de Moreda era unha granxa dependente do mosteiro de Samos da que xa se ten constancia no século XII. Así, en 1175, o papa Alexandre III, por medio dunha bula, pon baixo a súa proteción a abadía de Samos e as súas posesións, entre as que figura este priorado. Así recolle o documento: “in terra de Lemus ecclesiam sancti Romani de Moreda cum haereditatibus suis et servitialibus circumpositis”.

Logo en diversos anos farase mención deste cenobio por terras nas súas lindes, en 1239, 1332, 1345, 1391, 1393, 1425 e 1653.

En 1630 o mosteiro de Samos e San Román de Moreda con Juan Pérez e consortes, falan sobre a reivindicación dunha viña en Mouriz en San Vicente de Castillón. Ademáis este conxunto foi citado por Fr. Martín Sarmiento na súa “Viaxe a Galicia” no ano 1745.

No Catastro da Ensenada da parroquia no ano 1753, falarase do priorado ao cal correspondíalle 15 ferrados de fariña centeo dun veciño de Monforte de Lemos que traballaba un muíño no río. Canda o Catastro o prior era o fraile Pedro.

Dende o ano 1832 exerceu como prior e cura o P. Sebastián Rueda.

En 1917 o arqueólogo Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega, fixo unha nota sobre o priorato de San Romao de Moreda:

Estado actual do Prioirado Bieito de San Romao de Moreda, en Pantón / Lucas Vázquez

“Pertenceu na súa época á dilatada xurisdición do Mosteiro de Samos, cuxo abade aínda en 1644 tiña dereito de visitar a igrexa.

É un templo de arquitectura un tanto indefinida, por non presentar ben aqueles elementos que caracterizan un estilo. Ten unha nave e un ábside rectangular separados por un arco triunfal de medio punto perfilado, que se apoia sobre pilastras e non sobre semicolumnas, como o está na xeneralidade das igrexas románicas e nas de transición. A maneira de capiteis ten as de Moreda combinacións de molduras e rosarios de contas. A porta principal é de arco apuntado de sección rectangular sobre lisas jambas: e outra que ten nun dos seus lados, é, simplemente, adinteladas.

 

Como as igrexas do Incio, Espenuca e Ferreira de Pallares ten illada a torre de campás, que é de planta cadrada e mide 3,50 metros de lado por 10 metros de altura. Aínda que algo desorienta o adorno de contas e molduras das pilastras do arco triunfal, parece polas directrices dos seus arcos e o adorno de billetes, que é un monumento pertencente ao románico de transición, e levantado seguramente na segunda metade do século XIII.

 

O portalón de aceso está feito en perpiaño granítico con pilastras laterais e pináculos de remate. Por riba da porta unha fornela con forma de cuncha de vieira na parte superior, onde hai un oco para un santo, o cal está baleiro. O conxunto remata nunha cruz pétrea.”

Hoxe en día pódese apreciar, o portalón , parte do muro perimetral, a igrexa con moitas modificacións na súa estrutura, e a casa do priorado.

Estado actual da igrexa do Prioirado Bieito de San Romao de Moreda, en Pantón / Lucas Vázquez