fbpx
serea / foto cocoparisienneCC0

Lendas para escorrentar o virus: O mariñeiro, a serea e o encaixe de Camariñas

Tempo de lectura: 3 min.

Esta é unha curiosa lenda que foi recollida por Francisco Ramón y Ballesteros no seu libro Oscurantismo Finisterrano, editado en 1970 por Porto y Cía. É unha lenda non moi coñecida pero que sen dúbida nos trae a máis verdadeira evocación destes panos únicos que, en mais dunha ocasión, nos recordan a escuma e ó ir e vir das ondas do mar. Nela fálase do encaixe de Camariñas como creación propia da inspiración das sereas. E non é sen razón, xa que dun xeito ou doutro, como se conta, o encaixe chegou dende o mar, do comercio marítimo.

A lenda do mariñeiro e a serea

A lenda fala de que en tempos un pescador novo de Camariñas, un bo rapaz, estaba perdidamente namorado dunha costureira, unha das máis fermosas mozas da de toda a contorna. Mais ambos eran tan pobres que a pesares do seu amor non podían pensar en casar. El traballaba arreo, pero nin sequera con esas era quen de cambiar a súa sorte, pois a pesca apenas daba para malvivir e o aforro era case imposible. Ela, cosía día e noite.

Durante varios invernos correran temporais tan feros que el case non se puidera saír ó mar, co que a pesares do traballo de ambos os froitos non chegaban. Así co tempo o rapaz comezou a se desesperar, sendo tal a súa inquedanza que nas tardes de mar de de fondo camiñaba desesperado ó pé da costa mirándolle directamente ós ollos ó mar. Sucedeu que unha tarde, botándolle unha mirada de profunda rabia ás ondas, atopou entre elas, mirando para el fronte a fronte, a unha serea. Ela fitouno e ofreceulle o seu ser a cambio de unir a súa sorte á súa, pois tal era o arroubo e a apostura que vira esta no rapaz. Aquel ser excepcional ofreceulle levalo con ela, se cadra aproveitando a súa desesperanza, mais a forza e a fidelidade do amor do rapaz fixo que non caera no seu encantamento.

Un barco a costa / foto sturmrockerCC0

El confesoulle o seu amor e a súa triste fortuna, e ela non tivo máis remedio que deixalo ir. Mais vendo a súa triste ollada, e as magoas da súa sorte, antes de deixalo marchar regaloulle unha unha curiosa caramuxa. El aceptouna agradecido, sen saber en que podía axudarlle aquela singular cuncha á súa sorte. Mais a fermosa caramuxa levaba a escuma do mar tallada no seu cuncha, as ondas e o reflexo das estrelas. O rapaz entregoulla á súa namorada, e ela inspirouse na decoración daquela singular reliquia do mar para tecer o encaixe de Camariñas.

Unha viaxe polo mar

Mais non é a única das lendas que se contan do encaixe de Camariñas. A outra lenda de sona sobre el está tamén no mar. Cóntase que entre as moitos barcos que pasaron fronte a costa de Soneira, nunha noite de temporal, un deles, segundo a versión procedente de Flandes ou Italia, encallou na costa preto da vila, quedando a tripulación a mercé dos seus habitantes. Estes non dubidaron en rescatalos, darlle comida e pousada a todos os que conseguiron sobrevivir. Entre eles viaxaba unha muller que coñecía as artes do encaixe. En agradecemento ensinou a palillar ás mulleres da vila.

Sexa como for, os investigadores sobre o tema sitúan a orixe do encaixe no mar, nos intensos intercambios comerciais que a costa galega tivo de sempre con diferentes lugares de Europa. A comezos da Idade Moderna, lugares coma o norte de Italia, Francia ou os Países Baixos eran xa grandes produtores de encaixe, mentres Galicia era un gran produtor de tecido de liño durante a Idade Media. Seguramente na comunicación marítima entre todos eles o encaixe recalou entre as xentes da costa galega, conservándose dende aquela en lugares como Camariñas, as Rías Baixas ou Viveiro.

O mar semella ás veces de encaixe / foto zinkaCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...