fbpx
Via Nova ao seu paso pola Baixa Limia / Panoramio

A Vía Nova recupera o seu esplendor

Tempo de lectura: 2 min.

Este verán completarase a limpeza dunha das vías romanas máis importantes da Gallaecia, a XVIII ou Vía Nova que unía Bracara Augusta con Lucus Augusti. En menos dun mes completaranse os traballos de roza, limpeza e conservación do tramo da Vía Nova que cobre o traxecto entre Portela d’Home e o balneario de río Caldo, que transcorre en pleno Parque do Xurés ao longo de 7 quilómetros desde o concello de Lobios até o de Muíños.

Unha limpeza necesaria logo da situación de abandono na que se atopaba esta vía. “Aquí rozaron ocasionalmente os empregados do concello e algunha vez tamén a brigada do parque”, apunta en La Región David Pérez, un dos arqueólogos que desde hai unha semana coordina os esforzos de sete operarios xunto ao seu colega Celso Barba. “Pero requiría dunha actuación máis concreta, sobre todo na mansión Aquis Originis, a que está próxima ao balneario, porque se detectaron gretas nos ladrillos dos muros e no lousado”.

Estado da Via Nova ou Via XVIII antes a súa limpeza / www.eicduran.com

Estado da Via Nova ou Via XVIII antes a súa limpeza / www.eicduran.com

Os traballos sobre a calzada están a avanzar rápido. Así, a limpeza da vía e a contorna -para que se poidan apreciar tanto os miliarios como a evolución do viario desde a época romana até o camiño medieval, máis angosto- están tan avanzados que para a próxima semana, o xoves día 14, programouse unha visita guiada. A visita comezará ao seis da tarde e o punto de encontro será no balneario de Río Caldo.

Pero os traballos continuarán polo menos até final de xullo. O acordo entre a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Lobios permitiu a estes dous arqueólogos da Universidade de Vigo traballar no adecentamento desta vía. Fonte: La Región

Pode que che interese...