fbpx
Situación de abandono no que se atopa Adro Vello, en O Grove / galiciadenuncia.blospot.com

Adro Vello, un exemplo do abandono do patrimonio galego

Tempo de lectura: 2 min.

“É certo que é un xacemento descoidado, invadido pola maleza e sen intervención ou musealización nos últimos tempos. Deixar morrer ese xacemento vai en prexuízo do patrimonio que esconde a comarca do Salnés”. Son as palabras en Faro de Vigo de Mónica Rei Cabezudo, unha das relatoras do curso de historia, organizado pola USC, que se celebra no pazo de Vista Real, e onde desenvolveu o relatorio “Perfumes e liturxia na Galicia hispanovisigoda. A Cruz osculatoria de Adro Vello, O Grove”.

Esta cruz é case única. De pequenas dimensións, ten un remate en forma de aro que serviría na liturxia visigoda para mesturar os óleos consagrados. Só hai dous exemplares en toda Galicia e non existen referencias sobre a súa existencia no resto da península.

Precisamente esta é unha das grandes riquezas de Adro Vello, un sitio arqueolóxico localizado na costa norte da península do Grove, que oculta os restos dunha vila romana, dunha igrexa visigótica e inhumacións que se prolongaron entre os séculos VI e XVIII. É un dos poucos sitios de Galicia onde hai unha continuidade poboacional de 1.800 anos.

Outra é unha moeda do século XII na que se representa a que quizais sexa a imaxe máis antiga da translación do apóstolo Santiago. Hoxe consérvase no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Detalle das escavacións de 1983, onde se poden ver restos enteiros de corpos / arqueotoponimia.blogspot.com

Detalle das escavacións de 1983, onde se poden ver restos enteiros de corpos / arqueotoponimia.blogspot.com

Abandono

Este ben leva abandonado máis de 20 anos. En 1997, un grupo de xornalistas, entre os que me atopaba, fixemos un documental sobre a situación de abandono na que se atopaba xa Adro Vella daquela, con osos á intemperie. Material humano que é moi difícil de atopar nos chans ácidos galegos e que se conservaron neste emprazamento por estar soterrados baixo area, un perfecto impermeabilizante. Uns restos que, debidamente analizados, darían importante información sobre as poboacións que viviron neste emprazamento.

E a pesar das continuas chamadas de atención sobre o seu lamentable estado, Adro Vello segue abandonado, unicamente protexido por un valado metálico, co interior semicuberto pola vexetación.

Aspecto da igrexa medieval e dos sepulcros de Adro Vello / arqueolugares.blogspot.com

Aspecto da igrexa medieval e dos sepulcros de Adro Vello / arqueolugares.blogspot.com

Entre os restos atopados hai muros, calzadas e canalizacións de auga da época romana. Especialmente importantes son dúas pías dedicadas á salga de peixe, coas paredes internas enlucidas.

Da igrexa visigótica consérvase a base dos muros perimetrais e restos dun altar. No interior da igrexa pero, sobre todo, ó seu redor esténdese un gran número de enterramentos en varias capas superpostas. Calcúlase que puido haber entre 1.600 e 4.000 enterramentos. Un número que, pola súa cantidade, fai de Adro Vello un xacemento único en Galicia. A gran maioría son moi simples, directamente en terra ou rodeados de varias pedras verticais, pero tamén hai sarcófagos labrados nunha única peza.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...