fbpx
Situación de abandono no que se atopa Adro Vello, en O Grove / galiciadenuncia.blospot.com

Fronte común contra a Xunta polos máis de 30 anos de abandono do Adro Vello

Tempo de lectura: 4 min.

Deputación, Concello e goberno central a través da Demarcación de Costas. Estas son as tres administracións que decidiron enfrontarse á pasividade e o abandono por parte da Xunta dun dos xacementos máis importantes das Rías Baixas e dos máis degradados entre os que no seu día foron escavados.

Trátase do Adro Vello, no Grove. Un xacemento ó mesmo pé da costa, á carón do areal do Carreiro, que foi escavado na segunda metade do século XX e no que se atoparon restos dunha vila romana, evidencias de salgaduras, restos dunha igrexa de estilo xermánico e unha necrópole ocupada dende o século VI ata o XVIII.

Xacemento do Adro Vello / foto Turismo das Rías Baixas

Unha Comisión Interadministrativa tamén coa Xunta

E é que, tal e como declararon nos pasados días, tres das catro Administracións con competencias compartidas sobre este xacemento -Administración do Estado, Concello do Grove e Deputación de Pontevedra- traballarán conxuntamente para a recuperación e posta en valor do enclave. Para isto preténdese crear precisamente unha Comisión Interadministrativa que inclúa tamén á Xunta.

Dende as tres institucións invitouse á Xunta a sumarse á proposta, dándolle un prazo dunha semana para unirse a esta Comisión, tal e como declaraba o pasado día 5 o deputado Carlos Font. Dende a Deputación de Pontevedra esíxelle á Xunta que abandone a súa inacción e ó conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que conteste á carta remitida pola Deputación sumándose.

Carlos Font revelou que tanto Costas do Estado como o Concello confirmaron por escrito a súa participación nesta Comisión Interadministrativa. Insistiu en que só cun traballo coordinado pode “conseguirse que Adro Vello ocupe, por fin, un lugar destacado na axenda política de promoción do patrimonio cultural galego”.

Detalle das escavacións de 1983, onde se poden ver restos enteiros de corpos / arqueotoponimia.blogspot.com

Creación urxente dun Plan Director

As tres administracións queren, para isto, crear un cronograma concreto de actuacións que figuren fisicamente recollidos nun pertinente Plan Director. “Non podemos seguir atrapados no bucle de anuncios do Goberno galego”, “hai actuacións que son urxentes e alguén ten que tirar do carro”, declaraba Font.

Facíao, precisamente, en referencia a un anuncio que en época electoral, tal e como recollemos no noso medio, fíxose dende a Xunta de Galicia. Trátase dunha inminente incoación do expediente do xacemento, para declaralo como Ben de Interese Cultural, a máxima figura de protección do patrimonio galego. Sete meses despois das eleccións, o anuncio segue sen producirse.

Visita do deputado ó xacemento / foto Deputación de Pontevedra

Así, coa coordinación das catro administracións, na que se incluiría a Xunta, trataríase de actuar en coordinación institucional e “pasar páxina tras varias décadas de promesas incumpridas”. Para isto tería que aprobarse o Plan Director, e “poñerse mans á obra cun calendario moi concreto”.

A Deputación propón comezar polo máis urxente, que é protexer Adro Vello do deterioro, e, a continuación, deseñar a posta en valor do que está a ceo aberto, así como as posibles ampliacións e a musealización de todo o conxunto. Para isto considérase mesmo o desvío da estrada provincial a través dun marco de colaboración entre as institucións.

Aspecto da igrexa medieval e dos sepulcros de Adro Vello / arqueolugares.blogspot.com

Un xacemento en plena degradación

De feito dende a Deputación advírtese da degradación que está a sufrir o xacemento. Nun texto remitido ó conselleiro chámase a atención da desaparición parcial do complexo dunar que protexía o enclave arqueolóxico. Estaría provocada pola acción de dúas mareas nos pasados meses de xuño e setembro de 2020, deixando o xacemento exposto.

Tamén se advirte da falta de consolidación e restauración dos elementos do xacemento. Algúns dos elementos estarían en serio perigo ó estar sostido por estruturas de madeira instaladas hai 20 anos e sen reposición. Todas estas patoloxías estarían recollidas nun informe técnico do Departamento de Arqueoloxía da Deputación.

Por tanto precisaríanse de actuacións urxentes para a preservación do xacemento. Trataríase tamén de facer unha planificación adecuada para, por último desenvolver a súa futura musealización e pór o xacemento a disposición dos veciños. Só así podería recuperarse un dos enclaves arqueolóxicos máis importantes das Rías Baixas abandonado por máis de 30 anos.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: